#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

O Pol manda un aviso a navegantes ao gañar no Saviñao

A Xornada 18 deixou os seguintes resumos, cos seus correspondentes Máxicos:

*Folgueiro-Friol (5-3): Fallos defensivos, fútbol directo e moitos goles en Boavista. O Folgueiro firmou un triunfo importantísimo na súa loita pola permanencia nun partido empañado pola lesión de nocello de Kike. Os de Jandri Rego certificaron a súa superioridade antes do descanso, ao que se chegou cun resultado de 3-1. O Friol tivo o seu momento á volta de vestiarios pero os mariñáns remataron goleando.

*Outeiro de Rei-Taboada (1-1): Quizais mereceu mellor sorte o Taboada na súa visita ao Municipal. O Outeiro realizou un dos seus peores partidos esta campaña e viu como os da Medela, moi serios, se adiantaban preto do descanso. Josito Jul cambiou o debuxo no tempo de lecer. As sensacións non remataban de ser boas ante un Taboada intenso e que se topou cos paus. Aínda así, Jorge Pereira salvou un punto no tramo final.

*Xove Lago-Santaballés (2-2): Gran encontro no Municipal. O Santaballés realizou unha gran posta en escena e colocou pronto o 0-2 en dous balóns parados. Os de Bruno Gómez metéronse no encontro de novo cun disparo de Chile. E igualaron cun gol de Máikel no límite do primeiro tempo. Na reanudación, os tres puntos puideron caer para calquera lado. Igualdade manifesta e unha clara ocasión por barba. Iso sí, o marcador non se moveu. No Xove Lago regresou Xesús despois da lesión e xogou coma titular o xuvenil Diego, de só 15 anos.

*Burela-Lourenzá (0-0): As defensas impuxéronse aos ataques no maltreito céspede da Marosa. O Lourenzá tivo varios momentos no encontro para tentar arañar os tres puntos, especialmente na primeira metade e no remate. Pola súa banda, o Burela asumiu o peso do partido durante boa parte del. Pero faltoulle algo de profundidade. Na segunda metade, tivo preto o triunfo. Con varios achegamentos e un gol anulado.



*Guntín-Chantada Atlético (2-0): O Guntín segue a facerse forte en Ladairo. Aguantou as acometidas dun bo Chantada Atlético na primeira metade, que xerou bastante perigo. E matou ao seu rival ao contragolpe na reanudación. Dous zarpazos de Elías e Rubén Pena nos últimos vinte minutos de encontro, deixaron os tres puntos no feudo dos locais.

*Pastoricense-Castro (1-1): Un puntiño no regreso de Vitín a casa. O Pastoricense comezou a tarde da mellor maneira posible, cun gol de Dani á saída dun saque de esquina. O Castro tiña o balón e os de Fran Veiga, o seu característico perigo á contra. Despois do paso de vestiarios, Niko Edrosa igualou nun tiro libre. Poucas oportunidades máis se viron. Cuarta xornada sen perder para os do Acebreiro, terceira para os do Arturo Pereiro.



*San Roque-Monterroso (0-3): Un sólido e organizado Monterroso encarrilou o choque antes da media hora de xogo. Sacou tallada de dous erros infantís dun San Roque, que non se atopa no seu mellor momento. O encontro quedou visto para sentencia na segunda metade, xusto no momento en que Gontá asinou un fermoso tanto de córner olímpico.

*Chantada-Riotorto (1-1): Duelo de estilos no Sangoñedo. A iniciativa co balón pertenceu ao Chantada, que perdonou unha boa ocasión de Barrio no primeiro tempo. Un ordenado e perigoso Riotorto ás contras non se quedou atrás. E Alberte topouse coa madeira nesa mesma primeira metade. Na reanudación, os de Ramallal abriron a lata nun fermoso contragolpe. O Chantada arriscou ao máximo e conseguiu o empate a un minuto do remate.

*Atlético Escairón-Pol (0-2): O Pol métese de cheo na pelexa polo ascenso despois de dar un golpe de autoridade no Saviñao. O encontro estivo condicionado pola expulsión do meta local Macía antes do cuarto de hora. Os de Fernando Corredoira amosáronse moi serios desde o pitido inicial. Maduraron o partido e levaron o preciado botín grazas a un doblete de Iván González a comezos da segunda metade.

O Pol manda un aviso a navegantes ao gañar no Saviñao

O partido en imaxes: Brollón-San Lázaro (1-3)

O Alfoz colócase líder na última xornada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *