O partido Fisioterapia Ronda . . . Sarriana – Residencia: tres puntos pra optar ao liderato

O grupo lucense da Preferente botou a andar cunha igualdade máxima entre tódolos conxuntos. Nas dúas xornadas disputadas tan só un encontro rematou con máis dun gol de diferencia, o que da conta do nivel parello dos seis equipos da nosa provincia. Da terceira entrega desta competición exprés destacamos o choque que enfrontará o domingo ás 18 horas na Ribela á Sarriana e á Residencia, coa arbitraxe do colexiado santiagués Piñeiro Lugo. O equipo que acade o triunfo pode rematar a xornada no maís alto da clasificación.

O conxunto local, con catro puntos, ocupa o terceiro posto por detrás do Lemos, único conxunto que foi quen de gañar os dous encontros disputados ata o momento, e da Residencia. A Sarriana venceu na primeira xornada ao Foz e empatou no Pepe Barrera diante do Ribadeo, encontro no que deu mostra do seu gran potencial, sobre todo na parcela ofensiva. Coa lóxica falta de ritmo logo do apresurado comezo ligueiro, o equipo adestrado por Charly, é un firme candidato a ocupar as dúas primeiras prazas que dan lugar a xogar a promoción de ascenso.  Os reforzos de Óscar Rivas, Luis Díaz, Adrián Armesto ou Gerardo, entre outros, xunto a xogadores da calidade dos irmáns Keko e Jacobo Vilariño, Javicho ou Omar fan do cadro sarriao un rival a ter moi en conta.

A Residencia conta tamén con catro puntos ao igual que a Sarriana. Foi quen de gañar na Cheda ao Santaballés e de sacar un punto diante do Foz no Martínez Otero nun encontro no que os de Álvaro Meilán foron superiores ao rival. Nunha competición curta e igualada como a Preferente deste ano, o conxunto da capital da provincia é un firme candidato a unha das prazas de promoción. Xogadores como Álvaro, Dani Renda, Diego Simón ou Edrosa danlle á Residencia un salto de calidade respecto da plantilla da pasada temporada.

O último encontro disputado entres ámbolos dous conxuntos na Ribela data do 1 de setembro do 2019 e rematou con triunfo da Sarriana por catro tantos a un. Javi Fraga en dúas ocasións, Omar e Dani López en propia porta anotaron para o conxunto local e Javi Raposo recurtou distancias xa preto do final.

Falamos do encontro con Adrián Armesto, unha das novas incorporacións da Sarriana, e con Veloso, que malia súa xuventude, xa afronta a súa terceira temporada no equipo sénior da Residencia.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ADRIÁN ARMESTO (SARRIANA)

 – A importancia de comezar ben. “Os comezos sempre son difíciles e facelo con tres puntos na primeira xornada é moi importante. A competición é curta e os encontros son como finais. Os equipos saen a por todas e máis tendo en conta que moitos non se xogan nada e asumen moitos máis riscos”.

– A Residencia. “Agardamos un partido moi disputado e dunha alta intensidade, xa que non deixa de ser un derbi. Esixirá estar moi concentrados desde o comezo. Contan con xogadores de gran calidade como Álvaro que poden decidir o encontro en calquer xogada individual. Sen dúbida será un partido bonito de ver para o afeccionado”.

– Cambio de aires. “Pasei uns anos moi bos no Lemos, non só a nivel futbolístico senón tamén a nivel de grupo, xa que eramos unha auténtica familia. Necesitaba un cambio e probar cousas novas a nivel deportivo. O proxecto da Sarriana convenceume e decidín fichar. Temos un grupo moi bo e de xente con moito fútbol. Creo que faremos unha boa temporada”.

VELOSO (RESIDENCIA)

 – O comezo ligueiro. “Acadar catro puntos en dous encontros considero que non é un mal comezo. . Levabamos moito tempo sen xogar e creo que as cousas están saíndo bastante ben. O campo do Foz é sempre difícil, polo que o feito de puntuar é un bo resultado. Queda moito traballo por diante, sei que somos capaces de facer as cousas moito mellor e estou seguro de que imos demostralo”.

– A Sarriana. ” Creo que será un encontro reñido, no cal os dous equipos imos ter posibilidades para levarnos os tres puntos. Como se pode ver nos resultados que se deron ata o momento ninguén ten nada aseegurado. Eles son un equipo que xa viña de dar un bo nivel o ano pasado, e con todos os reforzos coido que aínda será mellor, pero logo dun ano parados é moi difícil non cometer erros nin ter algún punto débil, polo que aí é onde creo que estará a nosa oportunidade”.

 – Obxectivos. “Penso que temos equipo para pelexar polos dous primeiros postos. O ano pasado competimos ben e os reforzos que chegaron para esta temporada aportarán moito. A nosa intención é competir por estar arriba. Ogallá poder desputar unha fase de ascenso, pero debemos ter cabeza e ir partido a partido”.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario