O partido Fisioterapia Ronda . . . Residencia – Sarriana: o fortín da Cheda, un obstáculo cara o ascenso directo

Antepenúltima xornada da Preferente no formato exprés que deseñou a Federación Galega para esta temporada, na que se enfrontan os dous primeiros clasificados do subgrupo lucense. A Residencia e a Sarriana pelexarán por tres puntos que os acheguen aos seus obxectivos, no caso dos visitantes, serían definitivos de cara a lograr o pase á fase de ascenso. A Cheda será o esceario do encontro o domingo ás 17:45 horas, coa arbitraxe do colexiado ourensán Rodríguez Delgado.

A Residencia afronta o encontro desde o segundo posto e sen presión por acadar a clasificación para a fase de ascenso. Ademáis, o conxunto de Álvaro Meilán conta por vitorias os encontros disputados na Cheda. Os triunfos folgados diante do Santaballés e o Lemos seguiuno outro máis axustado diante do Foz, pero en todos eles amosou o conxunto lucense ser un bloque sólido ao que resulta complexo dobregar. Unha vitoria nesta xornada outorgaríalle á Residencia a vantaxe de chegar por diante do Lemos ao que se antolla encontro decisivo da vindeira xornada na Pinguela.

A Sarriana tan só cedeu un empate en tódalas xornadas disputadas. Foi na segunda xornada no Pepe Barrera diante do Ribadeo. A partir de aí cinco triunfos consecutivos que o colocaron no liderato e con posibilidades de acadar, a falta de dúas xornadas, a clasificación para a fase de ascenso, obxectivo prioritario do cadro sarriao. Cabe destacar do conxunto adestrado por Charly a súa insultante capacidade para marcar. En seis dos sete encontros xogados foron quen de anotar tres ou máis goles. Pola contra, encaixan con certa facilidade, sendo quen a Sarriana e o Foz de anotarlle tres tantos cada un.

O último encontro na Cheda entre os dous equipos tivo lugar o 26 de xaneiro de 2020 e rematou con triunfo visitante por dous goles a cinco. Lucas e Moha adiantaron á Residencia, pero un hat-trick de Omar, Jacobo e Álvaro, hoxe nas filas do cadro lucense, déronlle a volta ao marcador para a Sarriana.

Falamos do encontro con Adrián (Residencia) e Luis Díaz (Sarriana).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ADRIÁN (RESIDENCIA)

 – O futuro inmediato. “Afrontámolo con moita ilusión, sabendo que todo o que poidamos acadar é un premio co que non contariamos nunha temporada normal, así que imos xogar estas últimas xornadas con moitas gañas . . . e a por todas”.

A Sarriana. “Agardo un partido moi complicado. Son un gran equipo, son líderes e iso non é casual, pero nós na casa ata o de agora gañamos tódolos encontros, polo que será moi competido. Debemos estar a un gran nivel, se o logramos teremos as nosas opcións”.

Os rivais. “Sería moi positivo chegar ao seguinte encontro na Pinguela por diante do Lemos, está claro, pero nós polo momento só pensamos na Sarriana. Como se soe decir, partido a partido”.

LUIS DÍAZ (SARRIANA)

Foto: La Preferente

 – O nivel do equipo. “Creo que imos de menos a máis, sobre todo nos últimos catro partidos. Ao comezo sacamos bos resultados, pero as sensacións non eran as mellores, o que é lóxico despois de tanto tempo sen xogar, moitos xogadores novos e unha pretemporada atípica. Somos conscientes do potencial do equipo que temos e seguimos mellorando”.

O encontro na Cheda. “Será un partido moi igualado. Eles xogarano como se fose unha final e nós se logramos os tres puntos aseguramos o pase á fase de ascenso e o primeiro posto. A Residencia ten un bloque moi sólido, coñécense ben e saben ao que xogan. A Cheda sempre é un campo complicado para os visitantes”.

Os goles encaixados. “É certo que se pasamos á segunda fase será importante reducir o número de goles en contra, pero tamén é verdade que aínda que levemos bastantes goles encaixados non nos xeran moitas ocasións. Boa parte deles debéronse a ocasións correxibles ou incluso de mala sorte”.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario