O partido Fisioterapia Ronda . . . Monterroso – Taboada: un derbi entre inimigos do quinto posto

A Primeira Autonómica encara o seu último tercio da primeira fase e faino, no subgrupo A, cun derbi entre o Monterroso e o Taboada con tres puntos vitais en xogo para eludir un quinto posto do que ámbolos conxuntos queren fuxir para evitar a promoción de permanencia. O encontro terá lugar o domingo ás 16:30 horas no Anexo a Cerdeiriños, coa arbitraxe de Ibáñez López.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

O Monterroso ocupa o quinto posto con 18 puntos, a tres da SD Chantada e a catro do seu rival desta xornada. O conxunto adestrado por Diego Díaz está a amosar unha gran evolución desde un comezo ligueiro no que tardaron en chegar os triunfos. Agora atópase nun gran momento de forma, con tan só unha derrota nos últimos sete encontros o cadro vermello convertiuse nun claro opositor a un dos postos de promoción de ascenso. O derbi do domingo será decisivo para as posibilidades dun Monterroso que segue sen poder disputar os seus encontros como local no campo de Cerdeiriños.

O Taboada está a realizar unha gran temporada, sendo xunto ao Chantada o equipo con menos derrotas do grupo, tan só dúas, e o segundo que menos goles recibe, o que denota a fortaleza defensiva dos pupilos de Manu Rodríguez. Sete puntos de nove posibles neste 2022 situaron ao Taboada como un firme candidato a rematar entre os catro primeiros clasificados.

Deportes Élide

O último encontro entre o Monterroso e o Taboada disputado en Cerdeiriños tivo lugar o 8 de marzo de 2020, último encontro antes de longo parón provocado polo Covid-19, e rematou con triunfo visitante por un gol a dous. David anotou para o Monterroso e Moski fixo os dous tantos do triunfo taboadés.

que opinan os protagonistas?

LORENZO (MONTERROSO)

  • Un momento dulce. «Costounos coller o ritmo de traballo logo de tanto tempo sen competir. Agora pódese ver a evolución desde o comezo de competición, que foi considerable, e o equipo agora atópase no mellor momento de forma».
  • O derbi. «Nun encontro de rivalidade sempre se agarda unha vitoria. Non será doado ante un Taboada que se caracteriza por ser un conxunto moi competitivo e que deixa todo no campo. Pero non é este un motivo de preocupación, se facemos o noso partido teremos moitas opcións de gañar».
  • A importancia do encontro. «Aínda que é certo que quedan moitos puntos en xogo, o resultado deste partido será moi importante para saber onde podemos quedar. Se gañamos seguiremos pelexando por ese cuarto posto que tanto queremos todos, pero sen descartar escalar máis postos. Creo que entre os dous conxuntos de Chantada, Portomarín, Taboada e nós estarán os primeiros postos.

MOSKI (TABOADA)

  • A clave da boa campaña. «A unión dos vinte amigos de sempre. Contando coa veteranía, a calidade dos máis novos e a axuda dalgunha incorporación das localidades veciñas fan deste equipo un conxunto unido e completo».
  • O encontro. «Non creo que se pareza moito ao partido da primeira volta disputado no Xosé Anxo Varela «Canti». O campo ten unhas dimensións moi reducidas e preocúpame que iso poda favorecer ao rival, sobre todo a balón parado. Pero trátase dun derbi e pode pasar de todo. Quero agradecer á afección do Taboada a forza que nos da tódolos partidos e grazas a iso seguro que sacaremos algo positivo o domingo».
  • Obxectivo. «Sempre é o mesmo. Acadar a salvación o máis rápido posible e o resto que veña será un premio ao esforzo e traballo de todo un pobo. Así que nesta temporada «rara» quedar entre os catro primeiros para poder xogar cos mellores do grupo norte é o que buscamos, ademáis de ter sorte e poder disfrutar deste deporte».

Foto de portada: Facebook SD Monterroso

A Axenda

TERCEIRA DIVISIÓN

  • Viveiro – Xuvenil Ponteareas (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): encontro vital para o conxunto celeste na súa pelexa por evitar o descenso. Os de David Páez reciben a un rival directo, co que manteñen un punto de vantaxe, pero con dous encontros máis disputados que o Xuvenil. Pode debutar Berrocal, última e flamante incorporación viveirense.
  • Polvorín – Sofán (Domingo ás 12:30 horas no Municipal de Pol): logo de revitalizador triunfo intersemanal diante do Noia, o filial albivermello afronta un encontro propicio para poder recurtar puntos co Somozas. Pero coas confianzas xustas, xa que os de Carballo foron quen de sacar adiante os dous últimos encontros.

PREFERENTE

  • Ribadeo – San Tirso (Domingo ás 12 horas no Pepe Barrera): importante encontro para os de Dani Moirón. Un triunfo deixaría aos mariñáns a tan só un punto dun rival directo por evitar a fase de permanencia.
  • Lemos – Escairón (Domingo ás 16:30 horas na Pinguela): logo de tres encontros sen gañar, o conxunto monfortino tratará de darlle unha alegría á súa afección no derbi. Os de Juan Torrado tratarán de porlle dificultades ao cadro local e refrendar a melloría das últimas xornadas.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

  • SD Chantada – Chantada Atlético (Domingo ás 16:15 horas no Sangoñedo): derbi chantadino no que a SD buscará un triunfo que o empate a puntos co seu rival, aínda que con dous encontros por xogar. O Atlético tentará achegarse ao primeiro posto que ostenta o Portomarín.
  • Xove Lago – Castro (Domingo ás 17:15 horas no Municipal de Xove): logo da dura derrota da última xornada na Marosa, os de Bruno Gómez tentarán resarcirse diante do intratable líder. O Castro, con oito puntos de vantaxe sobre o segundo, só cedeu tres empates a domicilio no que vai de liga.

SEGUNDA AUTONÓMICA

  • Iberia – San Ciprián (Domingo ás 16:30 horas nas Valgas): encontro vital para ámbolos conxuntos. O que gañe terá pé e medio na fase de ascenso, mentres que o que perda pode rematar a xornada en postos de promoción de permanencia.
  • Guitiriz – Goiriz (Domingo ás 16:15 horas no Suso Cruz): ao igual que no caso anterior, os dous conxuntos poñen en xogo as súas opcións de entrar na fase de ascenso. Os visitantes contan cun punto de vantaxe, que dada a igualdade pode ser fundamental.
  • Páramo – Becerreá (Sábado ás 16:45 horas nas Rapadas): os visitantes poden proclamarse campións do subgrupo neste encontro. Os de Santi López tratarán de evitalo con tres puntos que os afiancen na zona nobre.
  • Río Sil – Ferreira (Domingo ás 16 horas na Carqueixa): choque directo polo liderato. O conxunto local, segundo clasificado chega nun gran momento logo de catro vitorias consecutivas, mentres que os de Pantón, líderes, cun punto de vantaxe sobre o seu rival veñen de colleitar dous empates consecutivos.

TERCEIRA AUTONÓMICA

  • Comercial – Castro B (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): o filial do Castro defende o liderato diante dun aspirante ao mesmo, sobre o que mantén un punto de vantaxe. O Catro Roldas expectante, pode acabar a xornada no máis alto.
  • Monterroso B – Sober (Domigo ás 12 horas no Anexo a Cerdeiriños): o filial monterrosino pelexará por un triunfo que o pode aupar ao segundo posto que ocupa o seu rival nesta xornada. O cadro soberino, que suma catro xornadas sen perder, buscará un triunfo que o achegue ao liderato.

Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.