O partido Fisioterapia Ronda . . . Chantada Atlético – SD Chantada: o derbi do Sangoñedo máis parello.

O Sangoñedo vístese de gala para o gran derbi chantadino. O Chantada Atlético e a SD Chantada enfróntanse o domingo ás 16:15 horas co arbitraxe de Feijoo Trigo, nun encontro ao que ámbolos conxuntos chegan empatados a sete puntos.

O Chantada Atlético comezou a temporada cunha derrota na casa diante do Portomarín, pero os sete puntos acadados nas seguintes tres xornadas sitúan aos de Anxo Valcárcel na zona alta da clasificación dun grupo no que predomina a igualdade e tódolos equipos coñecen xa a derrota logo de catro xornadas disputadas.

A SD Chantada volve a ser un ano máis un dos claros candidatos ao ascenso a Preferente. O conxunto adestrado por Montoto, ao igual que o seu veciño, caeu na primeira xornada na Medela diante do Taboada, pero amosou unha clara melloría nos seguintes encontros, nos que ensinou unha boa imaxe no Sangoñedo, onde sacou os seis puntos en xogo sen encaixar un só tanto.

Fiso Ronda

O último encontro disputado no Sangoñedo entre os dous equipos chantadinos tivo lugar o 15 de decembro de 2019 e rematou con triunfo do Chantada Atlético por tres goles a dous. Adrián Salgado en dúas ocasións e Anxo Otero foron os goleadores mentres que Javi Ramos e David Barrio marcaron para a SD.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CAÑON (CHANTADA ATLÉTICO)

  • O Derbi. «Agardo un encontro moi disputado e con moita tensión, o típico nun derbi. Eles son un equipo ben traballado tácticamente e moi perigoso a balón parado polo que teremos que vixiar especialmente esas situacións».
  • Recén chegado. «Teño boas sensacións aínda que me está costando arrancar. A nivel colectivo o equipo está respondendo ben e síntome cómodo».
  • Obxectivos. «Logo de tanto tempo de inactividade o obxectivo é manter a categoría. Somos moita xente nova e áinda estamos en proceso de adaptación. Aínda que a pretemporada foi longa creo que non foi suficiente para para alcanzar o nivel desexable. Ogallá todo vaia ben e nos respecten as lesións e podamos divertirnos, que é o máis importante».

KADETE (SD CHANTADA)

  • O comezo ligueiro. «Vexo ben ao equipo, medrando pouco a pouco. A competición está moi igualada e un triunfo ou unha derrota fai que troques moito de posición. Nos temos que seguir traballando semana a semana para continuar a nosa progresión como equipo».
  • O derbi. «Vai ser como os catro partidos que xa levamos disputados, moi igualado e parello. O Atlético ten moi bos xogadores e sempre se reforza moi ben. Este ano de novo voltaron a facer o equipo moi competitivo, polo que será un encontro moi bonito».
  • Competición e obxectivos. «Está claro que o equipo tivo unha renovación moi importante. Incorporáronse moitos rapaces novos que creo que nos van subir o nivel dos últimos anos. Non nos marcamos un obxectivo inmediato e o club ten claro que é un proxecto a medio ou longo prazo. Temos que ter en conta que o novo formato de competición troca moito respecto ao anterior, pero estamos en tempos difíciles e temos que adaptarnos».

A AXENDA

Preferente Norte

  • Foz – Lemos (Domingo ás 16:15 horas no Martínez Otero): os de Bebo tentarán rachar a mala xeira de resultados diante dun Lemos que aspira a meterse na zona de privilexio.
  • Atlético Escairón – Ribadeo (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): derbi provincial entre dous equipos situados na zona baixa da clasificación. Tres puntos vitais para as aspiracións de ámbolos conxuntos.
  • Santaballés – Sarriana (Domingo ás 16:30 horas na Liga): choque a priori desigual no que os de Edu Rodríguez tentarán impoñer a súa condición de favorito. Os chairegos, que veñen amosando a súa solidez nos últimos encontros, non lle porán as cousas doadas.

Primeira Autonómica

  • Burela – Riotorto (Domingo ás 16:15 horas na Marosa): choque de dinámicas opostas. O cadro verde, que aínda non coñece a vitoria, buscará os tres puntos diante dun Riotorto que comezou a temporada nun estado de forma inmellorable e está empatado a dez puntos co Castro e o Pol na cabeza.

Segunda Autonómica

  • San Ciprián – Celta Barreiros (Sábado ás 16:15 horas na Veiga): os de Jaime buscarán o seu primeiro triunfo como local logo de dúas vitorias como visitante diante dun conxunto celeste que sumou os nove puntos en xogo.
  • Ferreira – Río Sil (Domingo ás 16:15 horas no Baliño): os dous conxuntos chegan a este encontro empatados a catro puntos. O que resulte vitorioso engancharase á zona cabeceira do grupo.

Terceira Autonómica

  • Cazás – Castro B (Sábado ás 16 horas no Catro Ventos): o conxunto local buscará manter a súa condición de invicto ante un filial que amosou unha gran imaxe nos dous encontros disputados, nos que acadou sendos triunfos.
  • Rubián – Castroverde (Domingo ás 16:15 horas no Poste): logo da goleada infrinxida ao Relámpago Taboada o conxunto local buscará outro triunfo que o iguale na clasificación cun Castroverde que comezou a liga con dúa vitorias.

Primeira Galega Feminina

  • CD Lugo – Orzán SD (Domingo ás 17 horas na Cheda): o cadro lucense buscará un triunfo co que superar ó seu rival desta xornada e co que engancharse á zona alta da clasificación.

Foto portada: Facebook SD Chantada

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 425

Deja un comentario