Chega a oitava xornada de Terceira División, e faino o sábado, cun día de adianto, para darlle paso á novena entrega o festivo día 8. O prato forte na nosa provincia será ás 16:30 horas en Cantarrana e enfrontará ao cadro local, o Viveiro, ante o Racing Vilalbés. O colexiado lucense Iván Abel Bruzos será o encargado de dirixir o encontro.
O partido enfrontará dúas dinámicas ben diferenciadas. O Viveiro, logo dun comezo fulgurante, con dous triunfos consecutivos, e cun xogo convincente, comezou a súa particular costa abaixo de resultados coincidindo cunha descoñecida febleza defensiva, da que dan mostra os trece goles encaixados nos últimos catro encontros. Co obxectivo de manter a portería a cero e recuperar as boas sensacións reciben esta xornada, nun apaixoante derbi provincial, ao Racing Vilalbés. Chusky non poderá contar para este encontro cos mancados Jacob, Roi, Arturo e Rubén.
Nunha situación oposta está o conxunto chairego. Con tan só unha derrota na temporada, a colleitada no campo do Bergantiños, os dous últimos ante Estudiantil e Fisterra, este con apoteose final con remontada no último suspiro, situaron ao conxunto adestrado por Simón Lamas na terceira posición da táboa. Co obxectivo inequívoco de continuar un ano máis na categoría, o Racing Vilalbés non se marca un teito e buscará un bo resultado en Cantarrana, xusto antes de recibir no seu feudo ao Somozas, intratable líder ata o momento. No cadro chairego non será da partida os mancados Dani Pedrosa e Javi Varela.
O último enfrontamento entre os dous conxuntos en Cantarrana en Terceira División data do xa lonxano 4 de maio de 2003. Daquela, o cadro local gañara por dous tantos a un, e ao final da temporada ámbolos conxuntos remataran descendendo a Preferente.
Falamos do encontro con dous bos amigos, que esta temporada separaron os seus camiños futbolísticos: Tichu (Viveiro) e Marino (Racing Vilalbés).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
TICHU (VIVEIRO C.F.)
– Bache de xogo e resultados. «Quizáis nos está faltando algo que esta categoría require, debemos estar preparados para o xogo directo e as disputas cos rivais. Aínda que as dúas primeiras goleadas foron algo abultadas para o que se viu no campo, en Arzúa cometemos un cúmulo de erros, non fomos fortes nos duelos individuais e saímos sen concentración, o que propiciu que se resolvese o partido en vinte minutos. Debemos adaptarnos a cada equipo e ir a cada disputa individual como se fose a última, e ser máis solidarios. Dos seis encontros, catro foron lonxe de Cantarrana, polo que agardemos revertir a dinámica neste partido«.
– O Racing Vilalbés. «Ao igual que calquer derbi, agardo un partido moi igualado e e disputado, independentemente de como cheguen os equipos. Eles son un bloque sólido e solidario defensivamente, que concede poucas ocasións, caracterizado pola intensidade e por ter xente rápida nas bandas para o contraataque, ademáis de ter moita calidade arriba. Son fortes tamén no balón parado . . . para min son das mellores plantillas da categoría. Creo que este encontro nos chega no mellor momento para cambiar a dinámica e ser o equipo do primeiro día«.
– Os recordos da etapa en Vilalba. «Gardo lembranzas moi bonitas, das mellores a nivel persoal. Estiven sete temporadas e non foi onde máis xoguei, pero si onde máis aprendín de compañeiros excepcionais. Sentinme un privilexiado de disputar cada minuto nese equipo. Acadamos o ascenso a Terceira e puiden xogar unha fase de ascenso a Segunda B en Alhaurín. Foron momentos inolvidables, sobre todo pola gran familia que formabamos dentro e fóra do campo. Desde que pasas por diferentes equipos daste conta do gran clube que é, e de que siga sendo un referente en Terceira. É un partido moi especial, pero agardo que os tres puntos queden en Cantarrana«.
MARINO (RACING VILALBÉS)
– O primeiro gol na nova etapa no Racing Vilalbés. «Moi contento por marcar, e sobre todo por lograr os tres puntos dunha forma tan espectacular. A verdade é que estou moi contento no equipo. Temos un grupo moi bo, tanto dentro como fóra do campo«.
– O derbi. «É un partido moi difícil, ao final é un derbi e tódolos derbis son intensos e trabados, e este non será menos. O Viveiro, aínda que non acadara bos resultados nos últimos partidos, é un bo equipo con xogadores de moita calidade como Xaime, Vicente, Iván e un longo etcétera«.
– Retorno a Cantarrana. «Para min é un encontro moi especial. Alí disfrutei destes dous últimos anos e coñecín xente moi boa. Ademáis teño moi bos amigos e sempre mola xogar contra eles. Iso sí, agardo e desexo que os tres puntos volvan con nós para Vilalba«.