Javi Varela (Racing Villalbés): “Nunca estiven tanto tempo sen xogar”

Na seguinte entrevista falamos cun dos xogadores máis destacados do Racing. O lucense Jose Varela suma xa…

Non, non! Jose non é.

Supoño que esta confusión lle pasou algunha vez a moita xente do fútbol lucense. É Jose ou Javi? A dúbida resólvese case sempre dentro do terreo de xogo. Co dorsal as costas e ben colocados nas súas respectivas posicións. Onde xa non se confunden os xemelgos Varela é entre os máis veteráns da Madalena. A capital chairega chegaron en 2013. E dende aquela nunca tanto tempo faltou sen xogar. Javier Varela González (07-02-1994, Lugo) lesionou o peroné no encontro no que o Villalbés visitou ao Estudiantil Vista Alegre. O mediocentro conta con volver a comezos do novo ano. Rápido e contundente nas recuperacións, tamén é veloz e claro nas declaracións.

Futbolinlugo: Que tal estás?

Javi Varela: Estou recuperándome da lesión. Durante toda a miña traxectoria estiven loitando as disputas e indo de cabeza e non me pasou nada… E nun salto aconteceu. En principio quédame sobre un mes e estouno levando con paciencia. Nunca me coincidiu de estar tanto tempo sen xogar. Por sorte, ata agora só tivera pequenos golpes. Estou vendo moito fútbol para que o tempo pase máis rápido.

Fil: Como foi a xogada?

JV: Nun saque de banda a favor do rival, fun a unha disputa. O xogador local desestabilizoume un pouco. Fixen un mal apoio ao caer e xa me din conta de que algo pasaba.

“O obxectivo é a permanencia, pero eu vou ir un pouco máis aló”

Temos probas de como vai as disputas Javi Varela

Fil: Como te estabas sentindo ata o momento?

JV: É unha temporada distinta pola pandemia. Si que me estaba atopando cómodo porque xa son moitas temporadas no Racing. Estaba xogando. Conto coa confianza do míster e el coa miña. O equipo está indo de menos a máis. Agora levamos dúas vitorias seguidas e tres partidos consecutivos sen perder. Creo que temos potencial para facer algo bonito. O obxectivo do club sempre é salvar a categoría, pero eu vou ir un pouco máis aló. Chegou xente como Santi e Pedrosa que melloran a zona de ataque. Aitor e Bruno xa estiveran con nós e adaptáronse moi ben. E Marino está aportando os minutos que xoga. De feito, o outro día marcou o gol da vitoria. Alégrome moito por el porque é un futbolista que o dá todo nos adestramentos. Todos nos sentimos importantes e iso vese á hora de adestrar.

Fil: Esta semana o Racing colocouse terceiro, pode o equipo pelexar por xogar a fase polo ascenso?

JV: Creo que si, por que non? Vexo o equipo con posibilidades. Aínda que no fútbol pode pasar de todo. Pero temos equipo para facer algo grande. Estamos no camiño e levamos moi boa dinamica. Estanse vendo cousas moi posiitvas. Estamos marcando moitos goles, algo que non pasaba noutra tempada. Iso si, tamén os estamos recibindo. E nós sempre nos caracterizamos por ser moi contundentes en defensa. Levamos nove goles a estas alturas de curso e non é algo típico en nós. Ademais que a maioría foron erros evitables que temos que mellorar.

“Os xogadores que chegan entran ben no grupo”

Javi Varela xogou ao fútbol sénior sempre no Racing

Fil: Esta é a túa oitava tempada en Vilalba. Cales son as claves da consolidación do Racing en 3ª?

JV: Somos un grupo moi unido. Hai unha serie de cinco ou seis xogadores que levamos xa moitos anos. E os que van chegando entran ben no grupo. Á parte de que xa os coñecemos de antes. Iso provoca unión. Pelexamos en cada partido. Vaia ben ou mal.

Fil: Nestes últimos anos, cambiou a túa maneira de xogar?

JV: Non cambiou moito. Si que é certo que esta temporada, por exemplo, Simón ten varias opcións e pode cambiar o sistema segundo toque un rival ou outro. Pero estou perfectamente adaptado. Sei o que o míster quere con cada sistema.

“Síntome un máis da casa”

Jose Varela (por detrás) suma 7 tempadas no Racing Vilalbés. Na temporada 2015/16 xogou no Somozas en 2ªB

Fil: Que supón para ti xogar co teu xemelgo Jose?

JV: É unha alegría telo ao meu lado. Menos unha tempada que el marchou ao Somozas en 2ªB, levamos sete campañas xuntos no Racing. É moi cómodo estar con el.

Fil: Todos chufan o método dos Varela; cal é o segredo?

JV: (risas) Non hai ningún segredo. Gústanos moito coidarnos. Hai que facelo para manterse en forma en calquera categoría. Simplemente coidamos a alimentación, algunha hora de ximnasio e tentamos adestrar o mellor posible.

Fil: En todos estes anos, algunha oferta tivo que haber para Javi Varela… Que é o que fai que te manteñas fiel a Vilalba?

JV: Algunha oferta tiven pero non de maior categoría. Xa son moitos anos no club. Tiven a sorte de ter unha continuidade no campo que me leva a seguir máis anos. Todo o corpo técnico e a directiva confían en min. Xa me sinto un máis da casa.

“Non me arrepinto de ir o Celta naquel momento”

Fil: Pasaches pola canteira do CD Lugo e do Celta; como lembras a túa época do fútbol base?

JV: Foi unha etapa moi bonita. No Lugo xoguei ata infantís de segundo ano. En cadetes marchei para o Celta. Aprendín moito de fútbol e cos compañeiros no Marcote. Compartimos espazo con grandes xogadores que agora están en Primeira Division como Jonny Otto, Denis Suarez, Santi Mina, Rubén Blanco ou David Costa. Non me arrepinto de tomar a decisión de ir ao Celta naquel momento. Logo estiven o último ano de xuvenís de novo no Lugo. Aprendín de grandes xogadores e de Quique Setién. O primeiro equipo xa estaba en Segunda. Fun convocado a dous partidos. A Mirandés e a Sabadell, aínda que non tiven a oportunidade de debutar.

Fil: Cal é a túa ambición no fútbol?

JV: Seguir xogando os máis anos posible. É a miña paixón. Por iso agora o estou pasando mal sen poder ir o campo. Quero seguir xogando e adestrando cada día ao máximo. E seguir no Villalbés moitos anos máis.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario