O mar estaba en calma en San Cibrao. Paradoxicamente o risco de afogamento do lugar vai en aumento. A Mariña segue pedindo solucións. As máscaras non calan aos traballadores e traballadoras de Alcoa e das empresas auxiliares. Demandan feitos por parte das institucións. Un chaleco salvavidas para que siga respirando toda unha comarca. Jesús Gómez «Chusky» (26-02-1980, O Barco de Valdeorras) tamén anhela unha solución ante unha situación que sofre de xeito directo. Loita polo día e adestramento pola noite. Non todas as semanas se prepara un regreso á Terceira catorce anos despois. Viviuno como xogador e agora tócalle como adestrador. O preparador lidera un grupo de curta idade e cheo de ilusión. A primeira cita será ante o Vista Alegre Estudiantil. Antes de que rode en Cantarrana, na casa do míster facemos unha parada.

FUTBOLINLUGO: Como traballador dunha auxiliar de Alcoa como o estás levando?

CHUSKY: A situación que estamos vivindo é moi dura. Somos moitas familias que vivimos do aluminio galego. Agardamos que se atope unha solución o antes posible.

Fil: En que medida inflúe o contexto social que vive a Mariña para o fútbol?

Ch: Moito. A covid e o que está pasando coa Mariña fan que non sexa tan fácil buscar recursos. Antigamente as empresas axudaban moito pero dende hai un tempo cústalles. Os clubes téñense que mover moito.

Fil: O Viveiro volve catorce tempadas despois á Terceira. Nun momento marcado pola pandemia e despois de xogar xa o primeiro partido oficial da tempada. Como son as sensacións?

Ch: Son boas. Mellor do que esperaba. A pesar do partido do domingo que nos desanimou un pouco. Había moitas esperanzas en pasar a seguinte rolda da Copa do Rei. Pero sabemos que o importante empeza agora. Temos un equipo marcado pola xuventude e cheo de ilusión. Temos moitas ganas de facer algo importante. Co formato que vén esta temporada debemos estar ao 100% en todos os encontros.

Fil: Que importancia lle dabades a eliminatoria previa da Copa?

Ch: Tiñamos moitas ilusións postas. Meterte na previa da Copa e poder enfrontarte despois a equipos de Primeira era unha ilusión para os xogadores e os adestradores. Para o club tamén era importante xogar esa eliminatoria. Pero diante atopámonos a un bo equipo como o Ribadumia que mereceu gañar. Tivemos as nosas opcións e non as soubemos aproveitar.

Fil: Hai incerteza, incluso, co inicio de liga, cres que a Terceira debe comezar?

Ch: Sempre é importante que volva. Se volve é porque se pode xogar e pódese face deporte. É unha incerteza porque está habendo repuntas en moitas cidades e vilas. O tempo dirao. O bo sería ir empezando paulatinamente e ver que pasa.

Fil: Vides de xogar un partido oficial, é posible xogar?

Ch: Levando as pautas e os protocolos que pide a Federación e tendo precaución os equipos, creo que si. Está claro que pode haber risco por moitas cousas. Nós traballamos. Non somos profesionais. Pero a xente cóidase fóra do fútbol e procuramos non estar envoltos en situacións de risco.

«Creo que queren volver a normalidade moi cedo»

Chusky afronta a súa primeira tempada en 3ª como adestrador

Fil: Gústache o novo formato de competición?

Ch: Gustar non me gusta moito. Creo que queren volver a normalidade moi cedo; con moitos descensos. Para equipos coma nós que acabamos de ascender e queremos asentarnos na categoría, vainos ser complicado. É unha competición moi esixente. Con moitos equipos bos e que queren evitar o descenso. O plan é novo para todos e teremos que adaptarnos o máis rápido posible.

Fil: Introdúcense tamén novas regras no xogo como a de facer cinco trocos por partido. Que relevancia cres que vai ter?

Ch: Para os adestradores creo que é mellor e para os futbolistas tamén. É unha maneira de ter enganchados aos xogadores que podan ter menos minutos. Teñen máis opcións de saír ao campo. Os técnicos en calquera momento podemos cambiar por completo a dinámica do partido. É bo para todos. Estase vendo no fútbol profesional. Eu comprobeino o domingo en San Lázaro. Podes ter moitas variables. Cambias a metade dos xogadores.

Ch: Atreverase a facer Chusky os cinco cambios de golpe?

Ch: Temos que facelos en tres ventás. Único no descanso. Moi mal terían que ir as cousas (risas).

Fil: Supoño que o máis negativo da pretemporada son as lesións…

Ch: Cambiaba calquera cousa da pretemporada por telos con nós o antes posible. Tomy vai poder adestrar dentro de pouco. Roi vén arrrastrando unha lesión da tempada anterior. Aínda lle quedan uns meses. A pena máis grande é a de Jacob que seguramente o perdamos durante toda a tempada. Cambiaba calquera cousa por telos os tres a disposición do club porque son tres xogadores importantes.

Fil: Estás satisfeito coas incorporacións?

Ch: Moi contento. Son xogadores novos con moita ambición e moita marxe de mellora. Estamos tratando de que se adpaten a forma de xogo que temos. Estano facendo ben. Pero aínda nos queda camiño.

Fil: A fichaxe de Javi Rey vén pola lesión de Jacob ou xa viña de antes?

Ch: Con Javi Rey xa estiveramos falando en verán para poder incorporalo. Ao lesionarse Jacob intentamos apuralo un pouco máis. Javi tiña outras ofertas e finalmente decantouse pola nosa. Vén de estar parado moito tempo. Fáltalle rodaxe, pero cando a pille vai ser moi importante para o equipo.

Fil: É Viveiro un sitio complicado para fichar?

Ch: Si…

Fil: Sen deixar de ser bonito!

Ch: Si si, Viveiro é moi bonito (risas). Está o condicionante de que as viaxes son bastante longas. Teñen que ser xogadores que queiran perder ese tempo de viaxe. Non temos núcleos de cidades tan preto como Coruña ou, incluso, Vilalba que poder ter máis a man mellores comunicacións. Pero Viveiro sempre foi un sitio típico de fútbol. Sempre se formaron moi bos equipos con xogadores da Mariña e tamén da zona de Ferrol e de Lugo. É o noso núcleo para fichar. É moi difícil que veñan xogadores da Coruña se non é para quedarse aquí.

«Pola Mariña hai moita xente boa que pode xogar na Terceira»

Chusky, preto da Maruxaina e ao fondo as instalacións de Alcoa

Fil: Que importancia lle dás a xente da casa?

Ch: Moita. É a que tira do equipo. Está claro que ter xente de Viveiro e dos arredores é moi importante. E agora mesmo temos moitos xogadores así. Tamén che podo dicir que a xente que vén de Lugo é como da casa. Xente como Xaime, Vicente ou Iván xa están moi asentados en Viveiro. Adaptáronse moi ben ao club e a cidade do Landro. Viveiro atrae moi ben a xente de fóra. Os que viñeron este ano estano vendo. Estanse xuntando moi ben co grupo. Pero é importante pensar na canteira. Non poden chegar todos, aínda que hai que intentar que cheguen a maioría. Creo que por aquí pola Mariña hai moita xente boa que pode xogar en Terceira. E agardemos que en próximas temporadas, se se mantén o equipo, poda haber máis.

Fil: Debe ser agora o Viveiro o club referente da Mariña?

Ch: Debería ser. Está claro que hai unhas temporadas foi o Ribadeo que se fixou na xente da zona para construír o equipo en Terceira. E o Viveiro ten que facer o mesmo. Os xogadores da canteira da Liga Galega teñen que ter ilusión por chegar.

Fil: O ano pasado erades un equipo dominante na maioría dos encontros; o rival a bater. Igual agora na Terceira non é posible, pódelle pasar iso factura ao equipo?

Ch: É algo que xa temos claro. Son dúas competicións totalmente distintas. O ano pasado levabamos o peso en case todos os encontros. Este curso sabemos que vai ser máis complicado. Quixémoslle dar continudiade a base do equipo. E son futbolistas que xa teñen experiencia na categoría. Imos adaptarnos moi ben e imos competir calquera partido como un equipo máis na categoría.

«Había moita ilusión por volver e non se pensaba ben nun proxecto seguro»

Fil: Por que o club tardou tanto tempo en volver á Terceira?

Ch: Creo que había moita obsesión por volver e non se pensaba ben nun proxecto seguro. Ás veces enfrontaste con equipos moi bos que cho poñen difícil. Intentamos formar un bo proxecto con xogadores de fóra como Xaime, Vicente, Iván… e máis con xente da canteira. Saíu ben. Foronnos saíndo as cousas e os xogadores forono crendo.

Fil: Cal é a relevancia da paciencia no fútbol?

Ch: É moi dificil formar un equipo e nun ano dar o salto a unha categoría tan importante como a Terceira. Penso que todos os conxuntos se teñen que basear nun proxecto. E logo cada ano retocar algunhas posicións que estean máis descompensadas. Penso que a todos os proxectos lles hai que dar continuidade e tempo. Os dirixientes teñen que ter algo de paciencia á hora de tomar decisións.

Fil: A nivel persoal, que supón para ti?

Ch: Moita ilusión. Sempre pensas en poder levalo á Terceira División. EVivino como xogador e agora da man de Oke, Bebo e de Manu. Son tres persoas moi importantes dentro do equipo.

O Viveiro non puido festexar o ascenso no campo por mor da pandemia

Fil: Segues pendente do Sanci?

Ch: Sempre. Teño moi bos amigos. É o club no que empecei a xogar dende pequeno e tamén no que me empecei a formar como adestrador. Sempre lle terei moito cariño.

Fil: Cres que está na categoría que debe?

Ch: Debería estar nunha categoría máis por riba que é a Primeira. Se os xogadores o cren e collen a tempada con ilusión, volverán o máis rápido posible.

Fil: Tes o fútbol mariñán controlado, tanto como xogador e como adestrador, gustaríache probar sorte fóra da Mariña?

Ch: Nunca o planifiquei. Teño aquí o meu traballo. Espero que dure moito. A ver como se soluciona coa situación de Alcoa. Iso é o máis importante. O fútbol para min é un hobbie. Nunca se me pasou pola cabeza marchar. Ë algo que lle engado ao traballo por diversión e para pasalo ben.

Comparte
                           

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*