Parecía claro que a Primeira Autonómica nos ía brindar un final apoteósico nesta temporada. E non é pra menos. Tres equipos chegan con claras opcións de ascenso á derradeira xornada, e dous deles enfróntanse entre si. Portomarín e Castro xóganse, o domingo ás 18 horas no Chao da Poza unha praza para competir o vindeiro ano en Preferente. O outro candidato, o Pol, pon en xogo as súas opcións no Sangoñedo diante do Chantada Atlético.
O Portomarín está en disposición de facer historia e lograr un ascenso que nunca acadou nos seus corenta e catro anos de existencia. Os de Fernando chegan a esta última e definitiva xornada no primeiro posto, acadado logo da espectacular vitoria no campo do Pol, e polo tanto, dependen de si mesmos. Un triunfo no Chao da Poza remataría co conxunto local co pase directo a Preferente. Un empate serviríalle ao Portomarín, sempre que o Pol perda fronte ao Chantada Atlético.
A empresa non semella doada diante dun Castro que precisa o triunfo para ter opcións de festexar o ascenso. O cadro chairego, invicto desde o comezo de temporada a domicilio, necesita unha vitoria no feudo do Portomarín e que o Pol non gañe no Sangoñedo. Unha carambola de resultados que remataría cos de Juan Peón en Preferente, tres anos despois de perder a categoría. O encontro supón un choque de dinámicas, xa que o Portomarín contou por vitorias os encontros disputados no seu campo na primeira fase, mentres que na segunda só saiu derrotado nun encontro.
Expectante do que pase en Portomarín estará o Pol. A derrota da pasada xornada no Municipal relegou aos de Germán Campos do cartel de grandes favoritos que levaban consigo desde a pretemporada. Na última xornada, os chairegos non dependen de si mesmos. Terán que gañar no Sangoñedo e agardar que os veciños do Castro lles boten unha man no Chao da Poza.


que opinan os protagonistas?
FERNANDO (PORTOMARÍN)

- A final, no mellor momento. «Logo da gran vitoria que colleitamos en Pol despois dun partido completísimo chegamos exultantes a este partido. Ademáis, logo dun comezo da fase de ascenso algo dubitativo, por mor das baixas, fomos quen de acadar catro triunfos consecutivos. Aínda que o cadro de xogadores é curto, cando non temos excesivas baixas, somos un equipo moi perigoso».
- O encontro. «Afrontámolo con moita ilusión. Sabemos da súa dificultade diante dun Castro que é un gran equipo. Rematou líder a primeira fase no seu grupo e está pelexando ata o final polo ascenso. Contan cunha boa mezcla de xogadores veteráns e xoves que veñen pegando forte desde abaixo. Será un partido complicadísimo no que sairemos a por todas desde o minuto un, sen especular, para acadar o ascenso».
- Facer historia. «Non estaba na mente de ningún de Portomarín estar nesta situación a estas alturas, pero pouco a pouco e gracias ao gran traballo do equipo estamos aí por merecementos propios. Para o pobo sería algo histórico, xa que, nunca estivo en Preferente. Agardemos poder rematar o domingo festexando o ascenso».
JUAN PEÓN (CASTRO)

- Máxima emoción. «Paréceme un final de liga interesantísimo e cheo de emoción con tres equipos con moitas opcións de logar o ascenso. Será un domingo non apta para cardiacos. Calquera dos tres merecemos o ascenso nunha liga que foi dificilísima, rara, estana no formato, na que practicamente tódolos encontros da segunda fase foron finais. Costounos moito chegar ata aquí».
- Bo momento. «Chegamos a este encontro coa maioría dos xogadores dipoñibles e despois de dúas xornadas nas que fomos quen de lograr seis puntos, logo de sufrir un pequeno bache. Iremos a Portomarín a intentar gañar e logo agardar o resultado do Pol. Aínda que as matemáticas nos dan menos opcións que o resto, visto o visto, pode pasar calquer cousa e pelexaremos ata o final por lograr o ascenso».
- O Portomarín. «Teñen xogadores con moita experiencia en categorías superiores. Saberán xogar o encontro perfectamente a pesar da presión, do ambiente ou dos nervios. Ben seguro que nos porán as cousas moi difíciles, pero somos un conxunto moi fiable a domicilio, xa que non perdemos ningún encontro fóra da casa en toda a temporada».
a axenda
PREFERENTE – FASE DE ASCENSO

- Sarriana – Sigüeiro (Domingo ás 18 horas na Ribela): logo do empate no campo do Fisterra que situou aos de Edu Rodríguez na terceira praza só sirve unha vitoria diante dun Sigüeiro que chega no seu mellor momento despois de dúas vitorias consecutivas.
PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA D1
- Residencia – Puebla (Domingo ás 18 horas na Cheda): unha final para os de Dani Galán, que reciben a un Puebla co que só os separa un punto na clasificación. Un triunfo lucense serviríalle para superar ao seu rival e dar un paso importante de cara a permanencia.
PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA D1
- Pastoricense – San Roque (Domingo ás 12 horas no Acebreiro): logo de tres xornadas sen gañar o cadro local precisa un triunfo que os afaste do perigo. Enfronte o San Roque, con dous puntos menos que o seu rival, tentará gañar no sempre difícil campo da Pastoriza e dar un chimpo na clasificación.
SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO 2A1 (ÚLTIMA XORNADA)
- Antas – Oural (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): os da Ulloa parten con vantaxe para acadar o ascenso a Primeira. Un triunfo na casa daríalles serviríalles para xogar o vindeiro ano en categoría superior. No caso de non lograr a vitoria terían que agardar o resultado do Becerreá.
- Becerreá – Chantada B (Domingo ás 17 horas no Municipal): os de Antón Méndez cederon na penúltima xornada o liderado e dependen do resultado do Castro Seoane para acadar o ascenso. Precisan derrotar ao filial chantadino e agardar que o Antas no gañe.
PRIMEIRA GALEGA FEM (FASE DE PERMANENCIA)
Antas – EFM Concello de Boiro (Domingo ás 19:15 horas no Castro Seoane): o conxunto local afronta o partido case como unha final ao tratarse do seu rival máis directo pola salvación. O Antas ocupa agora mesmo a praza de descenso directo e está a un punto do Boiro. Quedan tres xornadas e logo deste partido o cadro boirense aínda ten unha xornada de descanso. Partido de vital importancia.
