Foto de portada: twitter Arosa
Estamos en pleno maio. E coa pandemia xa en fase de normalización ascendente, os medos populares de maio na provincia volven ser os de hai tres anos. As tormentas que poñen en perigo o ensilado e a sementeira do millo e os temidos arrastres no fútbol; iso si, con todo o respecto para @s que están de exames: nunca esquezades que sempre quedará unha convocatoria.
A estruturación que sufriu nos últimos anos o balompé afeccionado pode ter unha consecuencia nefasta para varios clubs lucenses. Lembremos que foron uns cambios motivados pola pandemia e outros realizados en base a novos criterios da RFEF.
Isto que imos contar pode non ser exactamente así, xa que vimos de dúas tempadas no que as ligas se modificaron e sempre pode quedar algo pendente para a próxima campaña. Non obstante, a idea é que de Preferente para baixo todo volva ser coma antes da pandemia. A diferenza na Terceira RFEF é que serán só 16 equipos os que a conformen.


Comezamos pola raíz de todo, alí onde empezan as primeiras consecuencias para o fútbol lucense. Na Segunda RFEF o Arousa de Luisito confirmou o seu descenso á Terceira logo de empatar ante o Bergantiños (1-1).
O descenso do conxunto de Vilagarcía implica que o Noia xa sería equipo de Preferente, xa que o seu descenso estaba condicionado.
Con este contexto sobre a mesa, imos poñernos no peor dos casos porque estamos xa nos últimos partidos do curso. E a partir de aí, todo o bo que pase será bo para o fútbol lucense e só habería que ir cantando permanencias.

Hai que ter en conta que un descenso de superior categoría (sexa directo ou non) sempre supón un arrastre na división a que vaia ese equipo descendido. Agora cos descensos confirmados do Noia e do Sofán son dous arrastres de Terceira á Preferente Norte.
Nesta Preferente Norte pandémica hai tres grupos de descenso con cinco equipos en cada un no que os dous últimos baixan de categoría. En todos os grupos hai equipos lucenses xogando aos que lles quedan tres xornadas. Cos dous arrastres do norte que virían de Terceira, os dous peores terceiros tamén baixarían.
Nestes momentos catro equipos lucenses ocupan praza de descenso á Primeira Rexional: Escairon, Santaballés, Foz e Residencia. Escairón e Santaballés son os que o teñen máis complicado. Foz e Residencia tamén o teñen difícil pero terán opcións matemáticas probablemente ata o final. No peor dos casos, pouco probable, o descenso tamén podería salpicar ao Ribadeo.
Nese panorama fatídico podería haber cinco descensos lucenses á Primeira Rexional que suporían cinco arrastres nesta categoría a maiores dos tres que xa baixan seguro. Isto significa que dos dous grupos de descenso que hai na Primeira, baixarían os catro últimos de cada un. Repetimos, isto é poñéndonos no peor dos casos posibles. Se o Ribadeo confirma a salvación, permite que o mellor dos 3º de Primeira se salve, e así sucesivamente se segue habendo boas noticias.
Continúando no peor, oito equipos de Primeira baixarían a Segunda para destribuírse no grupo norte ou no sur.

Non podemos adiantarnos moito aquí, pero poñeremos para seguir coa nosa ruta un hipotético descenso de catro equipos para o grupo norte e outros catro para o grupo sur. Non obstante esa repartición tamén podería ser que para un grupo caesen tres e para outro cinco.
Coa liga acabada na fase de descenso grupo norte da Segunda Rexional no peor dos casos descenderían Abadín, Matela, Fonsagrada e Goiriz. A maiores do xa descenso confirmado do Mondoñedo. Non debería ter problema o Roupar, pero nun estrambótico desenlace si podería verse en apuros.
Seguindo no peor dos casos, no grupo que xa rematou a liga na Segunda Sur , está confirmado o descenso directo do Bóveda. A maiores descenderían o Incio. O Palas todo apunta a que só descendería no caso de que houbese cinco descensos.
No outro grupo de descenso da Segunda sur aínda queda unha xornada. O Quiroga ocupa praza de descenso directo. E a maiores baixaría o Santa Comba e o Páramo. Aínda que queda unha xornada o 2° vai ser Sporting Lucense. Terá que agardar tamén para confirmar a salvación porque se baixan catro para o grupo sur, el descendería, en principio, ao ter peor coeficiente ca o Palas (o 2° do outro grupo).
Agardemos que está situación de «no peor dos casos» non se dea. Aí iremos vendo xornada a xornada como se decidirían os posibles empates entre equipos de distintos grupos.
Hai algunha que outra dúbida na normativa, segundo entendemos, que podería alterar a orde de quen descende. Pero esta é a situación que temos a día de hoxe e coa que tratamos de explicar o esencial. Seguiremos actualizando esta información nos próximos días. Sorte nos exames.