O partido da xornada . . . C.D. Foz – Ribadeo F.C.: un derbi comarcal para refrendar sensacións

Chegou o inverno e con él un dos encontros máis apaixoantes da Mariña lucense e de toda a provincia. O C.D. Foz e o Ribadeo F.C. enfróntanse, en xornada electoral, o domingo ás 16 horas no Martínez Otero, no que xa volta a ser un clásico da Preferente. Despois dunha prolongada ausencia dos focenses, agora xa por segunda temporada consecutiva,

a afección da costa da nosa provincia xa pode gozar deste gran partido.

É difícil calibrar a traxectoria do Foz esta temporada. Foi capaz de gañar en campos tan complexos como o do Noia ou o do Puebla, ou vencer no Martínez Otero a un Mugardos que chegaba intratable. Pero tamén de deixar voar dous puntos ante o Dubra nun empate a catro tantos, ou de caer no campo do Sofán ou Fisterra sen opor gran resistencia. Capaz de deixar a portería a cero tres encontros consecutivos ou de recibir nove noutros dous. Na procura de acadar a regularidade que lle faga escalar postos na clasificación, os de Jesús Gayol tentarán dobregar a un Ribadeo que chega nun gran momento de forma.

O conxunto adestrado por Rafa Casanova non coñece a derrota desde o pasado 29 de setembro, cando caeu en Barraña ante o Boiro. Nos últimos cinco encontros, un empate e catro vitorias. A última delas ante o Noia, un dos favoritos ao ascenso que non pasa polo seu mellor momento, deixando unha boa imaxe. Os ribadenses son sextos na clasificación a catro puntos da zona de ascenso. Malia non marcarse un obxectivo claro a comezos de temporada, tentarán achegarse aos postos de privilexio. Pero nun derbi non importan as rachas nin as clasificacións. As forzas iguálanse e só vale gañar.

Non serán na partida no Foz, Canario, que cumple ciclo de cartóns, así como os lesionados Jacob, Bruzos e Cayón, mentres que Bouso será dúbida ata última hora. O Ribadeo, malia contar con algún xogador tocado, poderá estar dispoñible a totalidade do cadro de xogadores.

O último enfrontamento no Martínez Otero entre Foz e Ribadeo tivo lugar o 19 de maio deste mesmo ano, na penúltima xornada da pasada temporada. O conxunto local impúxose por un gol a cero. O tanto foi obra do histórico Javi Chinchón.

Falamos do derbi mariñán con dous xogadores que xa vestiron as dúas camisetas: Miguel (Foz) e Brais (Ribadeo).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

 MIGUEL (C.D. FOZ)

Miguel, nun encontro ante o Ordes coa camiseta do Ribadeo

 – Primeira vez ante o Ribadeo. “Xoguei alí catro anos. Teño grandes recordos da miña etapa en Ribadeo.  Será especial porque compartín vestiario coa maioría dos xogadores aos que me enfrontarei o domingo”.

– O derbi. “Creo que será un encontro moi disputado, que se decidirá en xogadas puntuais. Na casa estámonos a facer bastante fortes, aínda que eles teñen un gran equipo. Non dudo en que será un gran partido para o espectador. O Ribadeo ten moita veteranía e xogadores con moitísima calidade. Teremos que estar atentos, porque en ataque poden facernos moito dano, xa que Aitor, Criss, Poratti…veñen nunha boa dinámica e iso pode pasarnos factura“.

– Un Foz irregular. “É algo difícil de explicar. Cos equipos da zona alta competimos bastante ben e acadamos bos resultados. Nesta liga ninguén regala nada e sumar cada domingo tres puntos é complicado. Os erros penalízannos moito. Pero cada vez vexo máis forte a este equipo e a longo prazo é algo positivo. Aúpa Foz!“.

BRAIS (RIBADEO F.C.)

 – Recordos. “Para min xogar no Martínez sempre é especial, xa que é onde xoguei toda a vida. Ademáis facelo contra os que fai uns anos foron os meus compañeiros e onde gardo grandes amigos sempre é bonito. Teño moitas ganas deste derbi, xa que o ano pasado perdinmo por lesión”.

– O derbi. “Será un partido moi igualado, xa que normalmente os dous equipos encaixamos poucos goles e temos calidade no ataque. Os tres puntos serán para o que menos erros cometa“.

 – O teito do Ribadeo. “Creo que o obxectivo é sacar o máximo número de puntos  e quedar o máis arriba posible na clasificación. Segundo avance a temporada e como nos atopemos máis adiante, teremos que buscar uns obxectivos ou outros”.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 408

Deja un comentario