#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Palas alcanza o liderado do grupo sur

O Racing Vilalbés B abre brecha na primeira praza do grupo norte. O seu triunfo diante do Matela e a derrota do Catro Roldas no derbi co Rioaveso fixeron que o filial conte con nove puntos de vantaxe. Terceiro é o Mondoñedo, que venceu ao Abadín no ‘derbi do Fiouco‘. No grupo sur, o Quiroga caeu logo de seis vitorias consecutivas, diante do Páramo. O Palas, que goleou ao Taboada B, convertiuse en novo líder.

grupo norte

O Racing Vilalbés B é máis líder logo do triunfo diante do Matela (1-4). O encontro comezou fulgurante. Gabri errou un man a man diante do porteiro local e na seguinte xogada Fran puxo por diante ao Matela. O Racing contou con ocasións para acadar o empate, nas botas de Gabri, Samu e Reda, pero sen acerto. Nunha indecisión da zaga vilalbesa o Matela a piques estivo de ampliar diferencias, así como nun lanzamento que saiu preto do longueiro. Na segunda metade Diego López non tardou en igualar o encontro cun lanzamento desde a frontal. Gabri deulle a volta ao encontro logo dun penalti cometido sobre él mesmo e só dous minutos despois o propio Gabri sentenciou o choque. Preto do final Aitor pechou o marcador.

Dous goles de Aleso decantan o derbi para o Rioaveso (0-2). Encontro moi disputado na Canteira, sobre todo nunha primeira media hora típica de derbi. Roberto dispuxo da ocasión máis clara para o Catro Roldas, pero un defensor impediu o tanto. O Rioaveso tamén dispuxo dalgunha ocasión, pero o marcador non se moveu na primeira metade. Os de Manuel Veiga saíron de vestiarios cunha marcha máis e Aleso convertiuse no protagonista con dous tantos de ‘cazagoles’. O Catro Roldas tentou voltar a meterse no partido, pero non foi capaz de reaccionar.

O ‘derbi do Fiouco‘ quedou no Viñas da Veiga (2-0). O Mondoñedo igualou a puntos co Catro Roldas na segunda posición logo de vencer ao Abadín nun encontro no que os de Isra amosaron unha gran seguridade defensiva. O cadro local comezou mellor e Jaco fixo o primeiro. Co paso dos minutos o Abadín cun fútbol máis directo buscou a igualada, aínda que sen contar con claras ocasións de gol. Na segunda parte, o cadro visitante saiu co claro obxectivo de igualar a contenda, pero a defensa mindoniense impediuno. Nunha contra Jaco sentenciou o derbi.



O Friol B acada a segunda vitoria consecutiva como local, desta volta diante do Cazás (4-1). Primeira metade sen moito fútbol na que o Cazás quizáis fixo máis méritos para marchar por diante ao vestiario. Sen embargo foi o cadro local quen marcou nos últimos intres nunha boa internada na área de Samu. Nada máis reanudarse o encontro Efrén empatou o partido cun testarazo á saída dun córner. Logo dunha fase de moita igualdade Piñe, cun lanzamento desde a frontal que sorprendeu a Fernando puxo por diante ao filial do Friol. Cinco minutos máis tarde, Samu nun contragolpe fixo o terceiro. A xogada foi protestada polo Cazás por entender que existía fóra de xogo. Preto do final Samu pechou a conta.

O Celeiro celebra con vitoria a despedida de Poti (2-0). Un lesión no xeonllo que lle fará pasar polo quirófano precipitou o adeus ao fútbol do viveirense Poti. Pero o seu equipo puido adicarlle a vitoria, aínda que fora no exilio vicedense de Boavista, debido ao mal estado de Trasvías por mor da choiva. O encontro non tivo demasiada historia. A Comercial B contou cunha clara ocasión na que o balón se estrelou no pao, pero a partir de aí o Celeiro foi o dominador do partido. Dani Liz, en xogada ensaiada, anotou na primeira metade e Mora, un dos mellores sobre o céspede, fixo o segundo de penalti cando xa ían gastados quince minutos da segunda parte.

grupo sur

O Palas goleou ao Taboada B e xa é líder (8-0). Encontro sen histora. O conxunto visitante non inquedou a portería rival en ningún momento e na primeira metade o marcador xa reflectía catro goles de diferencia. Na segunda parte, o xuvenil Rodri convertiuse en protagonista cun hat-trick en apenas vinte minutos. Álvaro Míguez, titular, e Manu Gaveiro, que entrou desde o banco, os dous en idade xuvenil tamén foron protagonistas.



O Páramo remata coa gran xeira do Quiroga (0-1). Sete xornadas despois o Quiroga volveu a perder. Foi no seu feudo, nun encontro no que non tiveron a intensidade suficiente. O Páramo era quen de chegar á área rival con máis facilidade pero o cadro local foi quen de defendersen a primeira metade. A lesión de Sergio Pollo mermou ao Quiroga en ataque e o conxunto visitante soubo crear superioridades e Antón anotou o único gol do encontro, a pase de Fontal. A última media hora convertiuse nun ida e volta constante, aínda que o mal estado do terreo de xogo complicaba a circulación de balón.

O Rubián mantense na pelexa polo liderado logo de golear ao Relámpago Taboada (0-6). Os de Senén López foron moi superiores ao rival ao longo dos noventa minutos. O marcador abriuno o gardameta Casillas, cun tanto desde o seu propio campo. Víctor, autor de tres tantos, deixou o encontro visto para sentencia.

O Incio vence a un Santa Comba que se afasta da zona de play off (3-1). Comezou mellor o conxunto visitante e foi quen de adiantarse no marcador cun gol de Jorge. Preto do intermedio Urdi estableceu a igualada ao transformar un penalti moi protestado polo Santa Comba. Na segunda metade os visitantes amosáronse moi contrariados coas decisións arbitrais e os de Ángel Merino remataron sucumbindo froito dos erros defensivos. Leandro, cun tanto en propia porta, puxo por diante ao Incio que sentenciou nunha contra culminada por Saúl. Desde o Santa Comba denunciaron presuntos comentarios racistas dirixidos ao dianteiro Jorge, que tivo que ser cambiado. Desde o Incio, que non teñen coñecemento dos feitos, puxéronse á disposición do club rival.

O Bóveda acada a segunda vitoria da temporada fronte ao Castroverde (3-1). A primeira media hora tivo clara cor visitante. Os de Fran Veiga comezaron dominado ao rival e foron quen de xerar catro ou cinco ocasións claras de gol, pero só Richard foi quen de anotar. Pouco despois o veterán xogador foi expulsado e o encontro igualouse e Nahum empatou antes do intermedio. Na segunda metade Lay puxo por diante ao Bóveda e Ángel incrementou as diferencias desde o punto de penalti. A lesión de Luis con tódolos trocos realizados provocou que o Castroverde tiveran que xogar os últimos trinta minutos con nove.

O Sober vence no seu campo a un Monterroso B que non coñecía a derrota desde outubro (2-1). Moito centrocampismo nos primeiros compases roto polo tanto de Breo pola escadra nun lanzamento de falta. O propio Breo, pouco despois, puxo terra de por medio, desta vez de penalti. O Monterroso B reacionou e contou con claras ocasións de gol, pero o balón non quixo entrar. Preto do intermedio o Sober quedou con dez pola expulsión de Sergio. Lonxe de ser positivo para o rival, tornouse en perxudicial. Os de Ibán Lagoa ergueron un muro para defender o resultado e concederon poucas ocasións ao rival. Preto do minuto noventa Álex recurtou diferencias, pero xa sen tempo para pelexar polo empate.



O Palas alcanza o liderado do grupo sur

A Porra de Futbolinlugo, 19

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *