A Terceira Rexional non tivo partidos na última finde de outubro. Logo de cinco xornadas desputadas, tanto no grupo norte coma no sur, a liga reanúdase esta fin de semana.
Polo momento, a igualdade nos primeiros postos é case total xa que tampouco houbo tanto volume de partidos como para que algún equipo puidera marcar grandes diferenzas.
O Racing Villalbés B lidera na zona norte, mentres que o Castroverde fai o propio no sur. Ambos teñen 13 puntos e contan cun de marxe con respecto aos seus inmediatos perseguidores. Mondoñedo e Quiroga son os segundos clasificados, respectivamente.
En xogo están dúas prazas de ascenso directo en cadanseu grupo. E a maiores un play off que involucra ata o sexto de cadra grupo. Un formato de competición que se recupera, logo do sistema provisional que rexeu na campaña da pandemia.


Na zona norte cada equipo xogará en total vinte partidos de liga regular. No sur cada conxunto desputará vinte e dous encontros. Polo tanto, con cinco xornadas desputadas case podemos afirmar que se xogou 1/4 de torneo.
O filial do Racing Villalbés e o Mondoñedo son os máis sólidos no norte. Os vilalbeses acumulan catro vitorias e un empate; mentres que os mindonienses xogaron catro partidos ata o momento e gañaron os catro. Esta finde terán un bo exame ante o Catro Roldas (3º na táboa clasificatoria cun punto menos).

Na zona sur, o Castroverde igualou na estrea da temporada, pero dende aquela logrou catro triunfos de xeito consecutivo. O seu adestrador, Fran Veiga, opina que «hai moita igualdade e todos os equipos teñen os seus puntos fortes, calquera pode gañar ou perder con calquera. Mínimos detalles marcan os partidos».

Pola súa parte o preparador, que se fixo cargo do conxunto verde este curso, ve nos seus un grupo «moi comprometido, con moita xente adestrando e con ganas de facer un bo ano». Afirma que «novembro vainos marcar un pouco polo que vamos a pelexar, con partidos moi complicados».
Non se esquece Fran Veiga dunha circunstancia da que igual non se benefician, o #FútbolNaLama: «Creo que conforme avance o inverno e os campos se poñan en mal estado vainos perxudicar, xa que como máis cómodos nos sentimos e tendo balón», conclúe.
Dado que no grupo norte só hai once equipos e no sur doce, todo podía facer indicar que non habería grandes diferenzas e ningún equipo ía quedar descolgado de primeiras. Evidentemente as distancias ata agora son salvables, pero hai varios equipos que aínda non puntuaron aos que a temporada se lles pode facer cara arriba.
Na zona norte, o novo proxecto do Matela non coñece aínda a vitoria e ten a súa clasificación a 0 nas cinco primeiras xornadas. Con dous puntos está o Celeiro que logrou dous empates. A zona de play off márcaa nestes intres o Cazás con seis puntos.
Na zona sur, o Bóveda e o Relámpago Taboada tampouco conseguiron estrear a súa puntuación nos cinco encontros desputados. Unha dinámica que, se non cambia esta finde, cambiará si ou si para a próxima xa que os dous equipos se enfrontan entre eles. Neste grupo o 6º é o filial do Taboada que xa ten oito puntos.
