O Monte Forte superou ao CD Lugo B no Luis Bodegas e manda un aviso a navegantes na Terceira Galicia. As de Cristian Penas amosáronse serias desde o primeiro minuto ata o último, controlando o xogo e facendo un bo fútbol ante un rival apático e con pouco ritmo. Os goles quedaron para a segunda metade, ante un filial albivermello que a disputou con dez xogadoras (pola expulsión de Blanca no minuto 37) e tivo dous paus de Ainara. O ascenso directo afástase un pouco máis para as capitalinas e a promoción de ascenso queda un chisco menos lonxe para as monfortinas.
Aínda máis preto desa promoción queda o Carballedo. Un só punto separa as de Sementa do terceiro posto (actualmente do CD Lugo B) despois de gañar en Órdenes. As do Catro Ventos prolongan así o seu inmaculado 2024 ligueiro. As ‘Guerreiras’ adaptáronse á perfección a un terreo de xogo moi distinto ao seu. Avisaron con dúas ocasións claras no inicio. Á terceira, Jenny non faltou á súa habitual cita co gol. As oportunidades sucedíanse unha tras outra. E froito desta circunstancia, explícase o 3-0 ao descanso. E si, a ‘pichichi’ Jenny volveu marcar outro tanto!
A tranquilidade do resultado e as sensacións que se palpaban, levou ao Carballedo a probar cousas novas e realizar cambios de posicións. Sementa recibiu agradables sorpresas, xa que o dominio visitante continuou a ser absoluto. O Órdenes fixo o gol da honra, na contra dun córner das ‘Guerreiras’.
Outro equipo que está nun gran momento de forma é a Comercial, en clara liña ascendente co paso das semanas. As de Vicky superaron ao Rois, con remonta incluída. A mala fortuna cebouse coas vermellas nada máis comezar. Porén, Diana igualou antes do cuarto de hora. O 1-1 non se moveu ao intermedio, xa que a Comercial desperdiciou moitas e boas ocasións para marchar con vantaxe aos vestiarios.


A sorte do gol apareceu na reanudación. O equipo lucense combinou, tratou ben o balón… E, esta vez si, viu porta con facilidade. Un duro golpe para o Rois, que se viu aumentado cando Sandra Vilouta tivo que abandoar o campo en ambulancia (xa tivera o mesmo desenlace no partido da primeira volta). Desde esta casa e desde a propia Comercial, desexámoslle unha pronta recuperación! Por certo, Diana acabou o duelo cun ‘dobrete’.
Por último, o San Lázaro fixo un encomiable exercicio de resistencia na súa visita ao O Pino. As de Luchi, con numerosas baixas, presentáronse en terras santiaguesas con nove xogadoras despois de solicitar o aprazamento do encontro sen éxito. E unha delas, moi tocada!
As capitalinas competiron de ti a ti, tiveron ocasións suficientes para sacar algo positivo a domicilio. E só, un gol en propia porta no ecuador da segunda metade impediu que o San Lázaro puntuase nunha situación tan complexa. Iso si; foi un auténtico golazo de Mireia, cun testarazo inapelable na portería que non tocaba.

un solidario chantada leva unha alegría inesperada e o San roque anótase o derbi da segunda galicia
O San Roque impúxose pola mínima no gran derbi lugués da Segunda Galicia. Nun partido bastante pechado e de escasas ocasións, as verdibrancas aproveitaron o empate do Abellá para situarse a catro puntos da promoción de ascenso.
A primeira parte non tivo un dominador claro, con moitas transicións e poucas oportunidades de perigo. Na reanudación, o San Roque mudou de sistema e incomodou ao Antas coa súa maior posesión. Mery, unha das moitas ex do equipo da Ulloa, fixo o único gol. As de Quiroga defendéronse con balón ante un Antas superior en certas fases. As de Dani Abelairas non o deixaron de intentar, especialmente cun tiro ao longueiro de Nuria. Unha semana máis, a falta de contundencia en área contraria custoulle caro ás do Castro Seoane.

A solidariedade e solidez defensiva do Chantada serviulle ao cadro de Jorge González para sumar tres puntos cos que seguramente non contaban. A seriedade na retagarda chantadina contivo o potencial ofensivo do Viaxes Interrías B. E os saques de banda fixeron o resto! O cadro do Sangoñedo marcou os seus dous tantos no primeiro acto tras sendos saques desde a liña lateral. O primeiro, nun centrochut de Bea. E o segundo, cun golpeo da propia Bea dentro da área.
O Chantada perdoou o 3-0, a porta baleira, á volta dos vestiarios. E tocou sufrir! O filial do Interrías volcouse sobre á area vermella e recurtou distancias. Foi o máximo que logrou facer. Esta vez a sorte sorriu ao Chantada, que viu como o seu rival enviaba dous balóns aos paus. Triunfo importantísimo das de Jorge González, que meten dous puntos clave coa zona de descenso a Terceira Galicia.
A Milagrosa recibiu un duro castigo na súa visita ao Santiso. Non comezou ben o partido co tempraneiro gol local. O tanto non afundiu ás de Felipe Varela. As branquivermellas sobrepuxéronse a esta circunstancia e competiron de ti a ti. Chegando ata o tramo final de partido con serias opcións de puntuar. Aí, a expulsión de Marta espoleou ao Santiso, que sentenciou con dous goles máis nas postrimerías do encontro.

O PM Friol B desaproveitou a gran oportunidade para saír do descenso na Primeira Galicia
O PM Friol B non pasou do empate sen goles ante o primeiro equipo que se atopa fóra do descenso. O Victoria FC B salvou unha importante papeleta ante o filial friolés, ao que lle segue custar un mundo puntuar na Primeira Galicia. Todo elo, a pesares de xogar constantemente con futbolistas importantes no seu primeiro equipo. A zona de permanencia segue a un punto.
O gran partido do CD Lugo quedou sen premio na terceira RFEF
O CD Lugo realizou un dos mellores partidos do curso ante o Olímpico de León. E quedou sen puntuar! A lesión de Candela Vázquez, unha das protagonistas do excelente despregamento defensivo das albivermellas, condicionou o desenlace do encontro. A falta de oito minutos para o remate, as de Joaquín Blanco vencían pola mínima. E acabaron perdendo trala lesión da zagueira becerrega.

O terceiro clasificado sufriu ante un CD Lugo sólido e incisivo, que ben puido marchar cun 3-0 ao tempo de lecer. O Olímpico mantívose no partido grazas ao seu enorme potencial ofensivo. Pero só foi quen de darlle a volta ao marcador aproveitando a baixa mencionada. As capitalinas non mereceron marchar de baleiro!
Pola súa parte, o PM Friol viviu un negro capítulo máis nunha semana para o olvido. O cadro de Ángel Buján e Geluco Villar perdeu no feudo dun dos equipos en descenso. O Umia aproveitou os erros de Salazar para situar o 2-0 ao remate do primeiro tempo. As pontevedresas deron un novo golpe sobre a mesa nada máis iniciarse a reanudación.
A partires de aí, o PM Friol sacou todo o seu orgullo e xerou moitísimo perigo. O fútbol directo e físico das da Reigosa impúxose sobre o verde. E Bella maquillou o resultado con dous goles. Insuficientes para sacar algo positivo desta complicada visita.
Resultados da xornada

CD Lugo 2-4 Olímpico de León
Umia 3-2 PM Friol
Victoria FC B 0-0 PM Friol B
San Roque 1-0 Antas
Santiso 3-0 Milagrosa
Chantada 2-1 Viajes Interrías B
Monte Forte 2-0 CD Lugo B
Comercial 4-1 Rois
O Pino 1-0 San Lázaro
Órdenes 1-3 Carballedo

paula (san roque), #XogadoraTorredeNúñez de marzo

O bo facer de Paula, unha das indiscutibles nos esquemas de Quiroga, impúxose neste mes de marzo. A futbolista do San Roque destacou durante todo este mes (todas as semanas menos unha) e leva así o galardón #XogadoraTorredeNúñez de marzo. Un lote de produtos do referente cárnico galego por excelencia, chegará a casa de Paula nos próximos días. Noraboa!