Mala xornada para os nosos. Na Terceira o Racing Vilalbés caeu derrotado pola mínima no campo do Barco e terá que pelexar ata o final para conservar o posto de play off, e o Viveiro perdeu na súa visita ao Alondras e tamén terá que seguir pelexando para certificar a permanencia. Na Preferente, a Sarriana empatou no campo do As Pontes nun difícil encontro, a Residencia caeu na súa visita ao Fisterra e o Portomarín fixo o propio no seu campo fronte ao Unión. O Lemos acadou tres puntos vitais na Pinguela na súa loita por continuar na categoría diante do Pino.
O encontro do Ribadeo fronte ao Mugardos quedou suspendido pola traxedia acontecida en Xove onde faleceren catro mozos ribadenses, un deles futbolista do conxunto xuvenil da SD Ribadeo.
O Racing Vilalbés cae pola mínima no campo do Barco (1-0)
O conxunto chairego voltou a perder logo de catro xornadas sen facelo, e probablemente non mereceu a derrota en Calabagueiros. A primeira metade resultou igualada e sen moitas xogadas de perigo. Pablo Rey avisou preto do primeiro cuarto de hora cun lanzamento que desviou o porteiro a córner. No único achegamento á área do Racing o Barco adiantouse ao aproveitar o canario Óscar Martín un balón solto.


A segunda metade foi de claro dominio do Racing Vilalbés. Simón Lamas deulle entrada a Álex Pérez e Cuadrado na procura de máis presencia na área rival. Cuadrado cun testarazo e Rares contaron con ocasións claras para empatar, sen éxito.
A mala segunda metade condea ao Viveiro no campo do Alondras (3-0)
O cadro mariñán terá que pelexar nas tres últimas xornadas para manter a categoría logo de caer diante dun rival directo como o Alondras. Na primeira metade o encontro estivo igualado. Comezou mellor o cadro local, pero o Viveiro neutralizou ben o xogo dos de David Páez e mesmo contou cunha boa ocasión nas botas de Iker Hurtado.

A segunda metade comezou do peor xeito posible para os de Alberto López. No primeiro minuto, un balón longo peiteouno Abel e Mauro rematou ao fondo da portería. O gol non lle sentou ben ao Viveiro que non tardou en encaixar o segundo. Foi á saída dun córner que Abel rematou libre de marca. Dous tantos de estratexia que marcaron o encontro para o Viveiro que tentou xerar perigo por medio de Anthony e Josemi. No desconto, chegou o terceiro tanto para o conxunto do Morrazo.
A Sarriana empata sen goles no Poboado diante dun bo As Pontes (0-0)
Encontro moi disputado e cun alto ritmo, no que o conxunto local realizou un gran encontro a nivel defensivo complicando moito os ataques organizados da Sarriana. Os de Brais Prados tiveron moi difícil chegar á área rival, pero malia todo lograron marcar dous tantos na primeira metade, que foron anulados. O primeiro por man de Herrero e o segundo por fóra de xogo de Óscar Rivas.
Na segunda metade o As Pontes xogou máis replegado e a Sarriana mellorou o seu fútbol con balón e foi quen de xerar varias ocasións claras. Marino e Marquitos contaron coas máis claras, aínda que lles faltou acerto nos últimos metros para retornar á Ribela cos tres puntos.
A falta de concentración privoulle á Residencia sumar fronte a un descendido Fisterra (4-3)

Aínda que a situación clasificatoria da Residencia non é preocupante, os de Dani Galán desperdiciaron unha boa oportunidade para deixar a permanencia vista para sentencia. O Fisterra gañoulle ao conxunto lucense en concentración e intensidade. O cadro local adiantouse na primeira metade, pero no comezo da segunda Sergio e Poratti déronlle a volta ao marcador. Pero non era o día da Resi, e en dez minutos o Fisterra golpeou en dúas ocasións. Poratti logrou o empate, pero no tempo de desconto o colexiado sinalou un penalti na área dos lucenses que transformou Julio.
O Lemos remonta e gaña fronte ao Pino na Pinguela (4-2)
Non foi o mellor partido nin moito menos do cadro monfortino, que cometeu graves erros que lle puideron costar o partido, pero foi quen de sobrepoñerse ás adversidades e remontar o encontro. Aos dez minutos de xogo, nun erro do Lemos nunha falta a favor chegou o primeiro gol visitante, obra de Arturo que definiu no man a man. O Pino atopouse moi cómodo na defensa do resultado e os de Óscar Moure apenas inquedaron a portería rival nos primeiros corenta e cinco minutos.
Na reanudación outro erro defensivo dos monfortinos foi aproveitado por Iván García ‘Ivalotelli’ para ampliar diferencias no marcador. O Pino seguiu o mesmo guión que no primeiro tempo, cunha defensa en bloque baixo que lle dificultaba ao Lemos xerar ocasións. Nun córner, Carrasco recurtou diferencias, pero o cadro lemista seguiu moi incómodo sobre o céspede da Pinguela. Losada respostou providencial nun man a man que podía deixar o encontro sentenciado. A falta de doce para o final Miguel empatou o encontro ao rematar outro córner. Foi un momento decisivo. O Pino baixou fisicamente e acusou o tanto en contra. Non pasaron dous minutos ata que Mauro puxo por diante ao Lemos tras aproveitar un bo pase de Torres. Moi preto do final un centro lateral rematouno Álex ao fondo da portería.
O Portomarín perde no Chao da Poza fronte a un Unión que se mete na pelexa pola permanencia (0-2)
O encontro comezou co conxunto rianxeiro dominando o balón, cun ritmo alto de xogo e buscando a profundidade cos seus extremos. Aínda que as ocasións tardaron en chegar a sensación de perigo era constante, ata que preto da media hora de xogo á saída dun córner Borja Garrido desde a frontal enganchou un bo disparo que se colou pola escadra de Lisboa. O Portomarín buscou darlle resposta ao dominio visitante e Josito rematou un centro de Javicho que sacou un defensa na liña. O encontro trabouse e non se viron máis ocasións ata o descanso.
Na reanudación o ritmo de xogo baixou e o Portomarín xerou perigo a balón parado. Troulo, en dúas ocasións, e Nacho puideron empatar o encontro. Nunha xogada aillada Saviola sentenciou o encontro, no que foi a única ocasión do Unión na segunda metade. O Portomarín rematou con dez xogadores por expulsión de Javicho ao ver dúas tarxetas amarelas, o que reavivou o malestar no conxunto miñoto coas actuacións arbitrais dos últimos encontros.
