Un auténtico éxito. Así podemos calificar a primeira edición do Campus Mixto Futbolinlugo Burela Bonita. Case 70 nenos e nenas gozaron de cinco intensas mañás de puro fútbol na Marosa. E a bo seguro que moitos deles estarán na segunda edición.
O marabilloso ambiente foi a tónica dominante desta nova aventura de Futbolinlugo. Un Campus no que se contou con varios dos mellores adestradores da provincia, que fixeron as delicias dos máis pequenos. Tres sesións dobres, un día de traballo por estacións e competicións máis outro completamente lúdico pecharon unha primeira edición para o recordo.
O último día resultou realmente especial, con partidos na praia e inchables no campo. Así como os diversos recursos tecnolóxicos e manuais para o adestramento facilitados pola empresa BMS Sport and Health Tech. O colofón foi a entrega de diplomas e agasallos das mans dos coordinadores Jairo Campo e Diego Díaz, acompañados da alcaldesa de Burela Carmela López e o concelleiro de deportes da vila Carlos Méndez ‘Madar’.
Antes de rematar este artigo quixeramos agradecer a todas as institucións e patrocinadores o apoio mostrado para poder levar a cabo esta iniciativa. E, por suposto, aos grandes protagonistas: os nosos técnicos e xogadores. Grazas!

















