A segunda xornada do ano na Segunda reduciu o número de encontros que tiveron que suspenderse por mor da covid. Para moitos equipos foi o primeiro encontro do 2022 e pouco a pouco tentarán poñerse ao día na clasificación. Unha cabeza da táboa que seguen presidindo o Cabreiros, o Meira, a SD Becerreá e o Ferreira, o equipo máis en forma da categoría.
Na zona norte, grupo 1A, apértase algo máis a clasificación co segundo empate consecutivo do Cabreiros. Os pupilos preparados por Abel Rochela sacaron un punto nas Valgas ante o Iberia. Cinco puntos separan aos dous equipos na clasificación. O gol average queda en mans do club xermadés.
Entre ambos os dous conxuntos, sitúase 2º (cun partido menos) o Celta Barreiros. O conxunto dirixido por Pelolo estreou o ano ao grande, cun contundente resultado ante a Candelaria cos catro goles marcados no segundo tempo. Non obstante, o conxunto da Rúa, segue tendo opcións de pelexar por entrar entre os catro primeiros. Está a catro puntos do Sanci (4º). Ambos teñen un partido menos e entre eles xogarán na última xornada desta 1ª fase.
Precisamente o Sanci non xogou o seu partido correspondente a esta xornada co Roupar. O equipo verde é o máis perxudicado neste inicio de ano no subgrupo, ten dous partidos menos. Pola súa banda, o Xermade desaproveitou unha boa opción de recurtar máis distancia momentánea co cuarto posto. Empatou sen goles ante o Mondoñedo no Municipal. Os locais quedan a sete puntos do 4º posto. O Mondoñedo suma cinco en total.



Na zona norte, grupo 2A, o Meira mantén o seu liderado cunha ampla vantaxe (dez puntos) a pesar de perder o seu primeiro partido do curso. Foi no Suso Cruz ante un Guitiriz á alza que suma tres victorias seguidas. Labrada foi o autor do único gol do encontro e Jesús parou un penalti.
Quen se acerca ao segundo posto é o Goiriz logo de gañarlle ao Cospeito co que iguala a puntos. Nos postos de privilexio mantense o Muimenta. Empatou a un gol nun duelo moi disputado ante o Fonsagrada. O porteiro local Noche culiminou o seu gran partido parando un penalti.
Iso si, Muimenta, Guitiriz e Matela están empatados a 12 puntos. A un do Goiriz e do Cospeito. E o Fonsagrada está con 11. Semella que a loita por entrar no grupo de arriba vai estar moi igualada. O Abadín queda descolgado con tres puntos logo de caer esta xornada pola mínima ante o Matela.

Na zona sur, grupo 2A, o líder Becerreá descansou na finde pero goleou entre semana e mantense no máis alto. Recuperou este mércores un partido aprazado ante o Paradela ao que venceu 5-1.
Segundo, a 7 puntos, colócase agora o Páramo. Gañou o duelo de proximidade ante o Paradela na finde. Proximidade por estrada e na clasificación (están separados por un punto).
Os pupilos preparados por Santi estiveron acertados principalmente no segundo tempo. Corbelle foi un dos sobranceiros no equipo. Marcou o primeiro gol logo do seu regreso ao Páramo e deu unha asistencia. No verán fichou polo Santaballés pero so xogou uns minutos nun amigable. Non obstante, o futbolista todoterreo lesionouse de novo. Unha fisura do esternón podería apartalo momentaneamente dos campos.
O encontro tivo a anécdota deportiva da xornada. Cun xogador do Páramo tendido no céspede, a maioría dos compañeiros pararon. Menos Cumbraos que seguiu co balón e batiu ao porteiro rival. Acto seguido, a resposta do Páramo foi deixar que o Paradela metese un gol para compensar. Esta acción produciuse pouco antes do descanso e o marcador era de 1-0 para o Paradela.
O cuarto posto é para o Sporting Lucense que levou os tres puntos ante o Santa Comba. A tres da zona de arriba queda o Antas que igualou ante a Mila. Non foi un bo partido do cadro da Ulloa que, aínda así, se adiantou no marcador e o conxunto visitante igualou nos intres finais.
O Corgo e o Palas xogaban un partido directo por engancharse aos catro primeiros postos e acabaron empatando. Un punto que os afasta un pouco máis da zona nobre.

Na zona sur, grupo 2B, o Ferreira bailou esta fin de semana a ritmo de Samba. Tres goles do dianteiro servíronlle ao equipo para seguir na boa liña. Cinco vitorias seguidas e cinco puntos de vantaxe sobre o segundo. Aínda así, non todo son boas novas. Este martes déronlle a alta hospitalaria a Juan logo de ser operado da súa lesión de peroné. Dende aquí agardamos que a recuperación sexa a mellor posible.
No segundo posto sitúase o Río Sil ao vencer ao Bóveda. No cadro da Carqueixa protagonismo para dous xogadores que volveron. Juanjo lesionouse na pretemporada e no segundo encontro que puido xogar realizou un gran papel no centro do campo. Ademais reapareceu o defensa Cortiñas. Precisamente non rematara o partido da primeira volta ante o Bóveda por lesión e volveu poer xogar agora ante o mesmo rival.
O encontro entre o filial do Chantada e o Oural foi aprazado. Situación que lle permite ao Brollón colocarse provisionalmente na cuarta posición. A súa vitoria ante o Quiroga reduce as opcións do conxunto verde de achegarse a zona top da clasificación.