O asunto comeza a poñerse serio na Copa Deputación porque xa só quedan 16 equipos en competición. A próxima finde xogaranse xa os oitavos de final. Equipos de Terceira como o Friol B deron a sorpresa e eliminaron a un equipo da Segunda. Os detalles nunha edición especial dos #OncesFutbolinlugo coa Copa.
O filial do Friol protagonizou unha das grandes sorpresas dos dezaseisavos de final da Copa. O conxunto friolés superou nos penaltis a un Cospeito que se presentaba nun gran momento de forma logo de realizar unha boa 2ª fase na 2ª e de eliminar ao Muimenta no derbi da anterior rolda. O partido finalizou sen goles ao final do tempo regulamentario e o pase grazas as penaltis foi para os da Reigosa.
Aínda que as traxectorias son totalmente opostas, o outro equipo de Terceira que superou a un de Segunda foi o Castro B. O filial vermello (recén ascendido á 2ª) venceu ao Mondoñedo (recén descendido á 3ª). Isto permítelle ao Castro B seguir xogando o seu seguinte enfrontamento na casa. Será co Guitiriz. O cadro guitiricense superou a domicilio a un Celeiro que rematou a tempada facendo un digno papel.
O Roupar non vai poder tentar mellorar o feito na edición do 2019 (a última que se chegou a rematar completamente). Daquela o cadro verde realizar un gran papel e finalizara subcampión do torneo. Desta volta, quedou eliminado nos penaltis ante o Iberia. O partido de tres goles para cada equipo decidiuse finalmente dende os once metros. Dani cun dobrete e Barrera cun gol foron os protagonistas do conxunto de San Miguel.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Outro dos grandes partidos presupoñíase na Granda entre Candelaria e Cabreiros. Os locais amosaron de novo o bo nivel que foi marcada da casa esta temporada ante un Cabreiros que foi de máis a menos ao longo curso. Agora os pupilos de Jaime Matouse visitarán a Reigosa.
Tamén segue adiante o Fonsagrada. Os pupilos preparados por Nico eliminaron por segunda vez consecutiva a un equipo da Mariña. Primeiro foi o Sanci e agora un Celta Barreiros co que xogou o seu último partido Celeiro. Agora ao conxunto da Montaña tocaralle baixar á Terra Chá para buscar o pase aos cuartos ante o Catro Roldas.
O equipo de Román reviviu o duelo coa Comercial que os enfrontara semanas atrás na loita polo ascenso á Segunda. O equipo amarelo resarciuse desta volta. De novo o choque tivo os penaltis como protagonistas. Aí impuxo a súa lei Víctor. O gardamallas do Catro Roldas detivo tres lanzamentos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Tamén está en oitavos o Rioaveso que non lle deu moita opción ao Nausti que viña de superar a todo un Meira. A boa noticia para o equipo naustiano foi o regreso de Héctor que xa volve vestir a camisola do equipo da súa parroquia tras recuperarse dun accidente.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/05/Presentacion-FIL-65.jpg)
Eliminatorias oitavos de final 2ª e 3ª:
- Rioaveso – Iberia (dom. ás 18h)
- Friol B – Candelaria (dom. ás 18:30h)
- Catro Roldas – Fonsagrada (dom. ás 18h)
- Castro B – Guitiriz (sáb. ás 17h)
- Lemos B – SD Becerreá (dom. ás 17h)
- Sporting Lucense – Ferreira (dom. ás 16h)
- Antas – Milagrosa (dom. ás 19h)
- Sober – Paradela (horario por confirmar)
Na zona sur, viviuse un gran partido no Luis Pallín. Oural e Paradela querían demostrar na Copa do que son capaces xa que non puideron chegar ata o final da 2ª fase pelexando pola praza de ascenso. Ofreceron un bo partido co Paradela golpeando primeiro (0-2). Non obstante, os locais conseguiron igualar. Na segunda metade Romi forzou un penalti que permitiu aos de Rubén Bergantiños acceder aos oitavos.
Este xoves xogouse o encontro entre o Sober e o Chantada B que fora aprazado na finde por mor do triste falecemento da presidenta da SD Chantada. Os locais impuxéronse en Centeás por un contundente 4-1 ante un filial chantadino que non tivo o seu mellor día.
No resto de eliminatorias non houbo lugar as sorpresas. O recén ascendido á Primeira Antas segue coa usando a súa maquinaria para gañar partidos. Superou ao filial do Taboada cun dobrete de Marcos e outro de Álex Diéguez. Os da Ulloa controlaron o encontro en liñas xerais, aínda que o Taboada si foi quen de crear ocasións de perigo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
O Becerreá tampouco deu opcións ás sorpresas. Derrotou ao Carballedo no Catro Ventos, o escenario do II All Star Futbolinlugo do que daremos máis detalles nos próximos días. A Milagrosa impúxose pola mínima ao Santa Comba e o Sporting Lucense superou a domicilio ao Castroverde. Pola súa parte, o Ferreira venceu ao Río Sil en Pantón. O filial do Lemos botou man dos penaltis para superar ao Rubián.