O Burela sumou unha vitoria importantísima de cara á loita polo ascenso directo na Primeira Futgal ante o Castro por 1-0. O cadro que dirixe Oke xa se pon a seis puntos de distancia coa Residencia, segundo clasificado, a falta de seis xornadas por disputar. O heroe da vitoria na Marosa no engadido foi Yago Martínez, quen xa marcou no desconto para vencer aos dous grandes competidores polo ascenso nesta tempada para sumar os tres puntos tanto na Cheda coma ante o Castro.
Futbolinlugo: É o segundo partido clave desta tempada onde lle das a vitoria no desconto ao teu equipo. Parece que tes un magnetismo para ser o heroe de Burela.
Yago Martínez: A verdade é que si. Xa levaba bastante o tempo buscando o gol, con varias paradas do porteiro incluso. Debe ser suerte ou por buscala tanto que acaba chegando. De feito, toda a semana houbo a broma no vestuario de que como ía vir moita xente seguro que marcaba o gol decisivo.
FIL: Como está sendo esta tempada para ti no persoal?


YM: Estou xogando con moita regularidade. Estou moi contento tanto cos compañeiros coma co adestrador, xa que descubriu en min unha posición que me gusta moito como é a de mediocentro. Ser titular nun posto onde estás cómodo mola moito.
«No Burela temos que chegar con calma as dúas últimas xornadas»
FIL: Estades a seis xornadas e tedes seis puntos de marxe. Era ascender o obxectivo do Burela?
YM: Sempre se falou, pero non o tiñamos tan claro como para facelo de forma directa, sempre pensabamos no play off. Pero dende decembro xa temos a mentalidade de que podemos ser campións de grupo.

FIL: Cal cres que será a chave para manter esa vantaxe?
YM: Gañar os catro antes de Chantada e Residencia vainos facer chegar con moita máis calma. Non me gustaría que nos xogasemos o ascenso na última xornada contra eles, por iso temos que ser conscientes de que non podemos fallar nos encontros que nos quedan ata chegar ao final.
FIL: Tedes un calendario nesta fin de tempada complexo con tres encontros nunha semana. Como chega o equipo a este último tramo?
YM: Agora contra o Oural tanto eu como Yerai non podemos xogar, pero temos que intentar sacalo adiante. A maior dificultade que nos podemos atopar é o campo do rival. Na Semana Santa vai ser moi importante saber xestionar as nosas enerxías para os encontros ante Guntín e Santaballés para que non teñamos nin cansancio nin problemas coas lesións.
