O Covid-19 déixanos sen fútbol este fin de semana na nosa provincia

Non rodará o balón nos campos da nosa provincia este fin de semana. Un positivo no conxunto coruñés do Silva provocou o adiamento do encontro programado para o domingo ás 12 horas en Cantarrana diante do Viveiro. Desta maneira, os mariñáns non voltarán á competición ata o vindeiro 29 de novembro. Será no campo do Viso ante o Arzúa.

Polvorín e Viveiro non disputan os encontros correspondentes á sexta xornada

Quen tampouco xogará este fin de semana será o Polvorín, o que supón o terceiro encontro adiado no que vai de temporada. Os dous primeiros foran por mor de varios positivos no filial albivermello e agora no que sería o seu rival nesta sexta xornada: o Bergantiños. O equipo adestrado por José Luis Lemos comunicou a existencia de varios positivos nas últimas probas. De tódolos xeitos, un xogador do conxunto carballés xa fora positivo a pasada semana, aínda que segundo comunicou o clube non fora contacto estreito dos seus compañeiros e o Bergantiños xogou diante do As Pontes.

O único dos nosos representantes que disputará o seu encontro nesta xornada será o Racing Vilalbés. Farao o domingo ás 17 horas en Santa Isabel diante do Estudiantil. O partido servirá de estrea para Gelucho, novo adestrador do cadro local, en sustitución de Gonzalo Lestayo, que tan só dirixiu ao equipo en catro encontros. Os malos resultados, dous empates e dúas derrotas, que sitúan ao Estudiantil como pechacancelas do grupo, unido ao desconcerto institucional que vive o clube foron as claves do troco de rumbo desde a parcela técnica. O Racing Vilalbés, que buscará un triunfo que o acerque aos postos cabeceiros, suma dous encontros sen gañar logo de caer derrotado no campo do Bergantiños e do empate ante o Fabril, nun encontro no que os de Simón Lamas amosaron unha gran imaxe.

Outro conxunto que disputa a súa xornada lonxe da nosa provincia é o Peluquería Mixta Friol, que viaxa a Valladolid para medirse ao C.D. Parquesol Patatas Meléndez, o domingo ás 13 horas. O conxunto de Abraham García afronta o encontro desde o derradeiro posto da clasificación cun único punto logo de catro xornadas disputadas. O técnico gaditano contará para este encontro coa última incorporación do PM Friol, a gardameta nipona Mia Nemoto, que procede do Joventut Almassora, co que xogou a pasada temporada en Primeira Nacional.

O conxunto pucelano atópase na zona media da táboa clasificatoria con catro puntos en tres encontros disputados.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario