#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Brollón, 5 vitorias seguidas para entrar na pelexa

O Brollón e, xunto co Racing Villalbés B, o equipo máis en forma da Segunda Rexional. O Brollón acumula cinco triunfos consecutivos. O Brollón non perdeu en 2024. O Brollón está igualado a puntos co Friol e a catro do líder. O Brollón recibe esta fin de semana ao Antas nos Medos nun dos partidazos da xornada.

Os datos das dezasete primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’

  • Equipo que máis gañou: Racing Villalbés B (13 vitorias)
  • Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B e Pastoricense (un partido)
  • Equipo que máis puntuou: Racing Villalbés B (42 pts.)
  • Equipo que máis goles marcou: Oural (47 goles)
  • Equipo que menos goles encaixou: Racing Villalbés B (13 goles)
  • O rei do empate: Xermade (9)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (18 goles)
  • Tendo en conta as tres xornadas de 2024…
  • Gañaron os tres partidos: O Racing B e o Iberia no norte; e o Brollón no sur. 
  • Futbolista na mellor xeira goleadora: Ospina do Oural (4 goles)
  • Porteiro menos goleado: Edgar do Racing B (1 gol)
  • Nota: O Cabreiros tamén só encaixou un gol na liga en 2024 pero xogaron os dous porteiros: Lino (2 partidos – 1 gol) e Nesi (1 partido – 0 goles)

O Racing Villalbés B chega líder ao duelo co Pastoricense

O filial racinguista ten encamiñada, como mínimo, a súa participación na fase de ascenso á Primeira Rexional. Vén de gañarlle ao Folgueiro, equipo que marca o posto na táboa. O Racing B ten catorce puntos de vantaxe co equipo do concello do Vicedo e quince con respecto ao 6º clasificado. Quedan 39 puntos en xogo. Co triunfo, o filial obtén ademais o gol average ao seu favor. 

O partido xogouse na Fonte en Cospeito, campo que xa é un habitual nas últimas xornadas para o Racing B. Incluso o primeiro equipo adestra alí un día á semana. Foi un encontro competido. O Racing B atopouse cómodo circulando o balón e o Folgueiro trataba de aproveitar os roubos de pelota para xerar perigo aínda que sen éxito. Antes do descanso, un penalti sobre Samu puxo en vantaxe ao filial. Alfredo marcou e logrou o seu terceiro gol en dúas xornadas. 

O cadro visitante intentouno no segundo tempo, pero non foi capaz de igualar o resultado. Os xogadores do filial puideron sentenciar. Non o fixeron, mentres o gardamallas Edgar e a defensa despexaban os balóns que metía na área o Folgueiro. O cadro preparado por Manuel Vicente tirou un balón ao pau nos últimos intres de xogo.



O Racing B chega nun gran momento a un dos partidazos da tempada. Visita este domingo ás 16:15 ao Pastoricense no Acebreiro. O cadro racinguista suma seis vitorias seguidas e acumula dez partidos sen perder. 

Dous puntos separan ao Racing B e o Pastoricense. Na primeira volta empataran (2-2) nun encontro xogado na Madalena. O Pastoricense tamén chegará despois de gañar con claridade na pasada xornada ao Abadín. Sumou tres puntos, logo de dous empates seguidos. Os pupilos preparados por Basi levan doce xornadas sen perder

O Pastoricense púxose por diante nun córner cun gol de Iago Ares. Antes do tempo de lecer igualou o Abadín. Carra cun disparo dende fóra da área poñía as táboas. Con todo, ao momento un centro chut de Diego Silvosa supuxo o segundo para os visitantes.



O cadro da Pastoriza dominou no segundo tempo. Iaguito e Cristian marcaron cadanseu dobrete para completar unha goleada. Certo é que na última parte do partido o Abadín quedou sen o porteiro Marcos por lesión e tivo que volver exercer baixo paus o xogador de campo Rubén.

O Iberia remonta tras ser remontado

O equipo de San Miguel sumou o terceiro triunfo seguido. Foi ante un Sporting Pontenova que pelexa por entrar nos postos de promoción. O Iberia queda a catro puntos do liderado. 

Foi un partido con alternativas. Os locais comezaron dominando e marcharon gañando ao descanso pola mínima cun gol de Pisco. Logo do tempo de lecer, entrou moito máis metido o Sporting Pontenova. Remontou o partido e xerou máis ocasións. No tramo final, os visitantes perderon o control de xogo no medio do campo e o Iberia logrou darlle a volta ao marcador a base de moito empuxe.

O gol average entre ambos equipos queda igualado. Con todo, as vitorias desta xornada do Racing B e do propio Iberia ante rivais que pelexan polos postos de play off, escalonan máis os primeiros postos do grupo. As diferenzas entre o filial racinguista, o Pastoricense e o Iberia comezan a ser máis claras con respecto á puntuación. 

O Cabreiros dá a sorpresa en San Cibrao

O Sanci acumula catro xorndas sen lograr o triunfo. Con todo, mantén a 4ª praza con 30 puntos. Levaba tres empates seguidos e perdeu na casa ante un Cabreiros que está coa fecha para riba dende a chegada de Isaac Rouco



Isaac Rouco: «O Cabreiros ten vimes para estar máis arriba»

É o primeiro triunfo do Cabreiros fóra da casa. Dende que Isaac dirixe ao equipo, suman sete puntos de nove posibles e un triunfo na primeira rolda da Copa Deputación. Afástanse do descenso directo (nove puntos por riba) e quedan a nove do 5º.

Os locais non realizaron un bo encontro. Dominaron a posesión do balón pero estiveron desacertados. O Cabreiros defendeu en bloque baixo, transitou ben e xerou oportunidades a contra. Deste xeito, adiantouse no primeiro tempo cun gol de Cazás. No segundo, sentenciou de penalti por medio do capitán Pepe.

O Xermade, beneficiado na pelexa pola promoción

As derrotas do Sanci (4º), do Folgueiro (5º) e do Sporting Pontenova (7º) provocan que o gran triunfador da xornada fose o Xermade. Venceu pola mínima ao Mondoñedo e regresa á sexta praza. Queda a un punto dos postos de promoción. 

Os locais dominaron ben o primeiro tempo. Puxéronse por diante nunha boa xogada colectiva. Con todo, o Mondoñedo non se foi do partido e estivo metido ata o final.

A Comercial non renuncia á zona de privilexio

Na zona media da táboa medíronse o Cospeito e a Comercial. O cadro capitalino saíu vencedor e pásalle na clasificación ao seu rival. Co descenso directo a máis de dez puntos, a Comercial queda a seis da quinta praza e o Cospeito a sete. 

O Cospeito comezou ben, pero volvérono condenar os erros defensivos. Púxose por diante o equipo visitante. Logrou empatar o cadro local no primeiro tempo por medio de Cabado

No segundo acto, produciuse o regreso aos campos de Xoán; un dos futbolistas diferencias do Cospeito que non puido xogar a primeira parte da temporada por lesión. Con todo, nada máis comezar a xogar, a Comercial marcou o segundo. 

O cadro preparado por Luis Romay non soubo xogar os minutos seguintes. As precipitacións non lle axudaron a lograr o empate e acabou encaixando un terceiro tanto na recta final ante unha boa Comercial a quen o plantexamento lle saíu a perfección.

Este domingo ás 16:15h a Comercial pode dar un golpe na mesa e achegarse máis á zona de promoción. Recibe no Municipal Rodríguez Lago ao Sanci. Non poderá estar no partido o visitante Joao sancionado cun partido.

O Alfoz non quere saber nada da zona baixa

O Alfoz venceu no suelo de proximidades á Candelaria, a quen deixa a catro puntos de distancia. O conxunto alfocense ten once puntos de vantaxe sobre o descenso directo. Está empatado co Cospeito, a sete da zona de privilexio.

O Alfoz chegaba con baixas, varias delas por sanción. Estivo mellor no primeiro tempo aínda que a Candelaria tamén tivo algunha ocasión. Xusto antes do descanso, os locais quedaron cun menos e Ayoub marcou de penalti para o Alfoz. No segundo acto, a Candelaria non se veu abaixo pero non foi capaz de marcar.

O consolo da Candelaria é que esta fin de semana están de festas na parroquia da Rúa. E ademais hai partido na casa, un duelo de proximidade co Folgueiro (o sábado ás seis da tarde). Lavilson non poderá ser da partida nos locais por sanción e Oki tampouco poderá estar nos visitantes

O Roupar agárrase ao que lle quedaba

Era unha das últimas oportunidades que tiña o Roupar de soñar coa permanencia. Recibía na súa casa ao Muimenta, o outro equipo que está na zona de descenso directo. A segunda vitoria do curso deixa ao Roupar a dous puntos do seu rival e a catro do posto fóra do descenso directo. O conxunto verde tamén queda co gol average ao seu favor.

Os locais comezaron moito máis metidos no partido que o Muimenta. Aos dez minutos, o Roupar xa gañaba por dous goles. Miguel e Sebas, foron os autores dos tantos. Non se deu reposto o cadro celeste practicamente en todo o partido. O encontro foi pechado no segundo tempo e apenas houbo ocasións. 

O Abadín é 13º con dezaseis puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición con doce. En descenso directo están o Muimenta (10 pts.) e o Roupar (8 pts.).

A diferenza do Oural volve aos catro puntos

Era un dos grandes partidos da xornada. O líder empatou co Antas no Castro Seoane. O Oural suma 39 puntos e queda con catro de marxe sobre o Friol e o Brollón. O Antas é 6º, está a nove do líder e a dous do 5º. 

O Oural estivo desacertado na portería e pouco produtivo en ataque. No primeiro tempo o Oural tivo a posesión do esférico, pero sen xerar ocasións de perigo. Púxose por diante o Antas por medio do balón parado. Logrou empatar o Oural. Boa conducción de Cayuela cara dentro, filtra o pase para Mario, o goleador non lle toca a pelota, pero enganan ao porteiro e convírtese en gol. 

Por medio dun bo remate de Basi, o Antas volve adiantarse no marcador. No segundo tempo, o Oural non estivo cómodo. O Antas defendeuse ben e os visitantes non eran quen de facer o seu bo xogo polas bandas. Con todo, nun centro á área o árbitro considera man e sinalou penalti. Marcouno Ospina. Noveno gol na tempada. 

O Friol volve ao camiño do triunfo

O cadro friolés sumou a undécima vitoria do curso. Venceu ao Sporting Lucense e volve estar a catro puntos do líder.

O Friol controlou o partido dende o comezo. O Sporting Lucense estivo repregado e intentando saír á contra. Antes do descanso, o cadro local logrou unha vantaxe de dous goles por medio de Lucky e Alberto Buján. 

No segundo tempo, o equipo preparado por Javi Serén xestionou o resultado e controlou o xogo. Nos minutos finais sentenciou o marcador co terceiro tanto da autoría de Adri. 

O Brollón estira a súa boa xeira

O Brollón sumou o seu quinto triunfo seguido na súa visita ao Chantada B. Comezou ben o filial. Tivo un par de ocasións para marcar o primeiro gol. Con todo, Damián anotou para o Brollón cunha gran volea collendo ao gardamallas rival fóra de sitio. O Chantada B puido polo menos ir con empate ao descanso, pero o colexiado anuloulle un gol. 

Na segunda parte, o cadro chantadés quedou cun xogador menos por expulsión. Acrecentouse o dominio do Brollón que no último tramo de encontro marcou dous goles máis. Nico e César foron os autores. O Chantada B logrou o da honra. 

No equipo do Chantada foi titular por primeira vez tras o seu regreso Amis Varela. O xogador actuou como dianteiro e este mes regresou ao filial tras non xogar ao fútbol xa dende antes da pandemia. 

O Brollón volverá ter outra gran cita este domingo ás 16:15h nos Medos. Recibe ao Antas. Cinco puntos separan a ambos equipos. Na primeira volta o Antas gañou 2-0.

O Becerreá non renuncia á cabeza

O Becerreá púxose por diante no primeiro tempo ante o Paradela. Logo tivo unha oportunidade nun penalti que fallou. No segundo tempo o Paradela apertou máis. Pero o que chegou foi o segundo tanto local obra de Xairo. 

Un erro defensivo local aproveitouno o Paradela para meterse no partido, pero xa non habería máis goles. 

Quinta vitoria do San Lázaro nos últimos seis partidos

O San Lázaro prosigue coa súa boa dinámica para manterae en play off. Derrotou ao Carballedo. Na primeira metade máis chegada por parte do San Lázaro. Pero o Carballedo tamén tivo a súa para marcar.

O partido decidiuse na segunda metade nun saque de esquina e cunha falta. O Carballedo quedouse con nove. 

O Ferreira retoma o camiño dos triunfos

Non houbo excesivas oportunidades de gol no partido. Pero quen estivo máis acertado foi o Ferreira ante o Incio. Dominou máis e púxose por diante no primeiro tempo. Máis equilibrado o encontró na segunda pero con poucos achegamentos claros de gol.

O Palas segue metendo puntos na hucha

O Palas igualou ante o Lemos B nun encontró no que non pasaron grandes cousas. Mediada a segunda parte o Palas adiantouse cun gol de Adrián Buján tras un córner. Pouco despois, noutro córner empatou o Lemos B. Javi parou unha boa ocasión que tivo o filial. Álvaro tivo para o Palas un man a man, pero o marcador non se movería.

Dous cadetes debutan co San Roque en Quiroga

O San Roque tivo que botar man dos cadetes para completar convocatoria. Viaxou a Quiroga con trece xogadores do conxunto sénior. Como o xuvenil, xogaba practicamente na mesma franxa horaria, David Dorado e Bruno Magdalena tiveron os seus primeiros minutos co primeiro equipo. 

O cadro visitante foi o gran triunfador ao descanso. Marcou dous goles que lle daban vantaxe. Con todo, no segundo acto o Quiroga volcouse ao ataque e logrou empatar o partido. Marcou dous goles Sergio Pollo. Acumula once goles no que vai de liga. Os locais buscaron con ansia o terceiro que non chegou. O San Roque tivo algunha opción ao contragolpe que Elian non logrou resolver. 

O Quiroga é 13º con catorce puntos. O Carballedo ocupa a antepenúltima posición con trece puntos. En descenso directo están o Sporting Lucense (10 pts.) e o Chantada B (9 pts.).

O Brollón, 5 vitorias seguidas para entrar na pelexa

Goiriz e Sober, as dúas caras do

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *