O anecdotario: “Cedrón, fomos nós”, por Diego Rey

Santiago, un piso compartido entre xogadores con gana de troula...

Vouvos contar unha historia relativamente recente, da miña etapa no Compostela. Para situarvos, compartía piso cos meus compañeiros de equipo, e lucenses, Manu Cedrón e Santi Gegunde. E gustábanos xogar á ‘pocha’.

Quedábamos ás veces varios para darlle ás cartas. Manu Cedrón marchaba case sempre o primeiro do piso pola noite. Adoitaba durmir fóra coa súa moza. Para recordarnos que se despedía do piso, tiña o mal costume de reventar o timbre cando se ía. Só por tocarnos os narices.

Un día, cansos desta situación, decidimos pasar á acción. Pensamos en tirarlle auga. Queríamos cazalo con cubos de auga desde a ventá. Pero vivíamos nun edificio que facía esquina, nun terceiro ou cuarto. Sempre lograba escapar.

Tocaba subir o nivel. Outro día, que estábamos varios, collimos e marchamos detrás del. Sabíamos onde aparcaba o coche en Santiago. Levamos con nós ovos, papel ‘film’, papel hixiénico, fariña… Todo o que había pola casa que puidera manchar.

Recordo que era un xoves. Día de saír de noite. E o coche estaba aparcado ao lado dun pub. Obviamente, había xente dentro. E chegamos nós, que éramos unhas 5-10 persoas, e comezamos a encintar o coche co papel ‘film’ coa mestura engadida dos ovos e a fariña. Puxémoslle o coche perdidísimo!

Quedou aí a cousa. Chegou Cedrón ao piso e relatounos o sucedido (nós caladiños, sen decir nada).

Se sabedes a que me armaron… Creo que xa sei quen foi, un rapaz de Lugo co que me levo mal. Estou seguro de que foi el, contounos.

De aí a unha semana… Dímonos conta que non escarmentara. El timbraba de novo, nós a baldes de auga… Aínda que era normal, non sabía de que ía o tema.

Voltamos outra vez a poñerlle o coche perdidísimo.

Ao día seguinte chamoume ás nove da mañá. Lémbrome ben xa que tiña unha partida de billar. Collinlle:

“Que pasou Cedrón?”, díxenlle eu.

“Tío, volvéronma liar… O tema do coche outra vez. O gili… este. Vouno reventar… Podías facerme o favor de ir limpialo?

O non a esa pregunta era moi claro. Aínda que non tivera o do billar, sabía de sobra como estaba o coche. E pasaría unha vergoña criminal.

Chegamos ao adestramento e volveunos contar o mesmo relato… Estaba envenenado cun home que non tiña culpa algunha. Eu creo que a día de hoxe é moi probable que siga pensando que foi aquel rapaz. Daquelas naide confesou. Calamos todos. Merecía que lle pasase algo así (risas).

Diego Rey Fernández. Xogador da Sarriana, un extremo dos de antes

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario