O Anecdotario: “Bolas de dragón”, por Piñeiro

Hoxe falamos dun recurso á altura do mesmo Son Goku

Isto foi calculo que hai uns 20 anos… En Ourense, no campo que hai ao lado do Centro Comercial preto do paseo do río. Era un partido de Preferente e ía cun rapaz de Palas. Chamabámoslle ‘O Palista’. Polo feito de ser de Palas, non por traballar cunha ‘pala’!

Chegamos con tempo ao campo, coma sempre. Aquel día facía un frío importante, néboa… E acompañounos ao vestiario o encargado do campo. Despois dun anaco nel, chegou alí o delegado. Que era o delegado do CD Ourense. Se non me lembro mal daquelas estaba en Segunda B. O señor Gamallo, que xa morreu. El era un tipo particular e moi fino. Destes que cando menos o agardabas abría a porta do vestiario dicindo: “Ai perdón, perdón”. Como se estivese controlando…

Piñeiro, en faena, nos seus tempos mozos

Recordo que aquel día chamara á porta. Falaba en castelán.

-“¿Qué tal el viaje? Que frío hace eh…”.

-“Si, en Lugo tamén. Aquí xa vemos que vai moito frío!”.

-“No os preocupéis, que voy a trear algo ahora mismo para que os calentéis”.

Quedamos conversando entre nós e pensando que traería para quentarnos. Se uns cafés, unha estufa… Todo para quitar aquel frío do demo.

De aí a un cacho chamou á porta. Entrou cunha bolsa de algodón nunha man e noutra un bote de alcol. De súpeto, comezou a facer bolas de algodón. Empapounas en alcol e prendeulles lume e tirounas no vestiario.

-“¡No, no! Esto es buenísimo para calentar. Ya veréis dentro de un poco que calorcito vais a tener”.

Quedámonos planchados. Café non era! Marchou e entrounos a risa. Nunca viramos tal cousa. Aínda dixo un compañeiro:

-“Son como as bolas máxicas de Son Goku”.

Unha anécdota que é unha tontería. O partido ao final saiu ben, que era importante. Naquel campo de terra que agora debe ser de herba artificial.

José Eliseo Piñeiro Arias. Colexiado contrastado. Trinta e un anos en activo. Actualmente Vicepresidente da Peña de Árbitros 9,15

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario