O anecdotario: «Aparcado nun prado», por Jita

Unha manobra estraña e dolorosa que rematou cun gol fundamental

Páramo-Noia. Preferente Norte, abril do 2011. Semana Santa xuraría. Chovía a cachón. Era un de tantos festivos nos que fora comer a casa dos meus avós. Ao saír cara o encontro ía algo xusto de tempo. Meu pai, home sabio, díxome: «Vai con coidado». Un clásico dos pais.

Cadro de xogadores do Páramo para a presente temporada

Dito e feito. Chegando ás Rapadas, a só cinco minutos… entrei nunha curva algo forte. Cruzóuseme o coche e non houbo maneira de enderezalo. Pum! Comín un par de postes e caín á finca do lado.

Fiso Ronda

Aínda me estaba a repoñer do susto mentres intentaba arrancar. O coche nin se movía. Había tanta auga que resultaba imposible. Xusto nese momento chegou Pepe no seu vehículo, o antigo presidente e hoxe alcalde do Páramo. Atopábase dirixindo o bus do Noia, algo que facía moitas veces (agardaba ao visitante no corredor de Sarria para que non se perdesen).

Pois ben, parou o coche ao verme. O bus detívose detrás. Xa imaxinaredes o ‘cachondeo’ dos do Noia no bus, pegados todos ao cristal sen parar de rir. Eu, entre asustado e avergonzado. Incluso enfadado. Non sabía onde meterme. Saín do vehículo e, según pisei o prado, cubríronseme as zapatillas todas de auga. Empapado de todo, había como uns vinte centímetros.

Mirei para o coche. A defensa e o capó destrozados. Os faros dianteiros… e o cristal estalado. Unha boa festa. Collín a mochila do maleteiro e montei no coche do presidente. Dirección ao campo.

Nese momento chamei a meu pai. O primeiro foi preguntarme polo que fixera.

«Boteime fóra, quédache o coche nunha finca. Chama ao guindastre para que veñen por el», contesteille.

Finalmente chegamos ás Rapadas sen máis percance. Máis alá das risas dos do Noia e os ‘vaciles’ dos compañeiros. Non houbo que lamentar máis feridos. Quizais logo os do Noia… Que lles fixen o 2-1 a falta de seis minutos para o final (remontada incluída). Algo bo tiña que ter ese día, unha data clave e sinalada no calendario na nosa loita pola permanencia.

Borja Fernández Díaz. ‘Jita’. Capitán do Páramo, un do ‘Imserso’ con alma de xuvenil

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 779

Deja un comentario