#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Abadín toma mínima vantaxe na final polo ascenso

Todo por decidir nas dúas finais polo ascenso á Segunda Futgal. O Abadín conseguiu vencer ao Muimenta pola mínima e os de Fran Veiga chegarán ao Pichón coa obriga de gañar. Na final do grupo sur, empate sen goles entre Piringalla e Incio, que se resolverá no Carboeiro. O veredicto, o día 10 de maio.

Analizamos as finais e tamén o Torneo Delegación no Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.

FINAL NORTE

O Abadín golpexa primeiro fronte ao Muimenta (2-1)

Encontro moi parello o disputado no Municipal no que predominou o fútbol directo e as segundas xogadas. O Muimenta comezou mellor e xerou dúas grandes ocasións de gol. A primeira nas botas de Jairo, que Said despexa case sobre a línea, e posteriormente Nacho a piques estivo de batir a Iker. As forzas equilibráronse e só o balón parado foi quen desnivelar o partido. A falta de cinco minutos para o descanso, un córner botado por Tucho rematouno ao fondo da portería Bufy. De contado reaccionou o Muimenta nunha boa acción combinativa que culminou Jesús xusto antes do intermedio.

No segundo tempo o encontro seguiu a mesma tónica e os locais voltaron a adiantarse cun gol semellante ao primeiro. Tucho sacou desde o curruncho e desta volta foi Pablo o que rematou lonxe do alcance de Noche. Foron os mellores minutos do Abadín que puido ampliar distancias nunha boa ocasión de Héctor. Nos últimos intres o Muimenta tivo o balón e buscou con ansia o empate, pero non foi quen de xerar ocasións claras de gol.

FINAL SUR

Unha Piringalla superior, pero sen puntería, iguala co Incio (0-0)

A Piringalla dominou o encontro desde o comezo diante dun Incio que chegou a este choque decisivo con varios xogadores con molestias físicas, feito que condicionou aos de Roi Arias ao longo dos noventa minutos.

Os de Jony Lombardía levaron o peso do partido e contaron con boas ocasións de gol, unha das máis claras nas botas de Cristóbal, que rematou ao pao, e un disparo de Brais Nogueiras logo dun centro lateral que saiu desviada por pouco. Os locais protestaron un gol anulado no que o colexiado entendeu que existira falta ao gardameta visitante. O Incio buscou xerar perigo á contra, pero non foi quen de inquedar ao gardameta Corrales.

TORNEO DELEGACIÓN

Grupo 1

Mondoñedo 6 – Comercial 0. Os de Nico distáncianse no liderado do grupo 1 cun pleno de vitorias. O encontro fronte á Comercial resultou plácido para os locais que á media hora de xogo contaban cunha diferencia de tres goles, grazas en gran medida á presión alta realizada. Álex Gacio, Acebo e Vázquez foron os autores. Malia o abultado do marcador, o fútbol realizado polos mariñáns non foi bo, feito que trocou sensiblemente no segundo tempo. Óscar Paz e Javi, en dúas ocasións, completaron a goleada.

Catro Roldas 2 – Pol B 0. Encontro entretido para o espectador no que os locais inaguraron o seu casilleiro de puntos neste torneo. O Pol B comezou xerando certo perigo pola súa banda esquerda e co paso dos minutos o encontro emparellouse, malia que os de Coto non foron que de xerar ocasións claras de gol. Despois do descanso, os de Coto melloraron e fixéronse co temón do partido. Dopico avisou antes do primeiro tanto, no que o de Remourelle serviu para o disparo de David, que tras bater en tres defensores colouse na portería. Preto do final, Pepe certificou a vitoria co segundo tanto.

Grupo 2

Relámpago Taboada 5 – Rubián 2. Segue sen puntuar o Rubián neste Torneo Delegación. O Relámpago amosouse superior cun intratable Fran que acadou un póker de goles, o primeiro nada máis comezar o encontro. Os visitantes respostaron rápido, pero o conxunto local anotou por medio de Fran e Besteiro e afrontou a segunda metade con tranquilidade.

Corgo 2 – Carballedo 1. O choque entre invictos caeu do lado do Corgo. Os visitantes, malia chegar con numerosas baixas, plantexaron un encontro defensivo no que resistiron ata preto da media hora de xogo. Rubiu abriu o marcador cun bol gol e na segunda metade o Carballedo estivo máis intenso no comezo e xerou certo perigo diante da portería de Harry. Nunha contra, Xoia fixo o segundo para os de Abel Rochela. Os de David Guerra recurtaron diferencias cun gol de Marcos, nunha xogada protestada por posible falta ao defensor.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

O Abadín toma mínima vantaxe na final polo ascenso

Camilo indica o camiño da permanencia no

O Abadín toma mínima vantaxe na final polo ascenso

O Abadín toma mínima vantaxe na final