O número 13 correspondente a xornada da Segunda deulle gran sorte a Novo do Guitiriz e a Fagín do Lemos B, ambos marcaron dous bos goles aos que, por sorte unha cámara estaba gravando.
Polo demais, o Meira está a un punto de ser campión de inverno no norte. Mentres que a igualdade é total na zona sur.
Os puntos de diferenza que hai nestes momentos na zona norte entre o primeiro e o terceiro clasificado (dez puntos) son os mesmos que hai na zona sur entre o primeiro e o noveno da táboa. Contámolo en #ONoso11AChaira.
Na zona norte, o Meira segue o seu. Trece xornadas sen perder e a dou partidos de facer unha primeira volta invicto. O cadro de Labrada venceu na súa saída a Alfoz.


A primeira metade foi igualada. Os goles chegaron no segundo tempo. Os locais conseguiron empatar cando xa estaban cun xogador menos por expulsión. A efectividade do Meira sentenciou o choque.
Na segunda posición mantense o Folgueiro. Doce partidos consecutivos sen perder. Só caeu na primeira xornada ante o líder. Os do Vicedo amosaron o seu poderío para remontar o resultado ante a Comercial.
De feito, o partido púxoselle difícil aos futbolistas adestrados por Manuel Vicente. A Comercial soubo empregar ben as súas armas, pero sucumbiu finalmente ante a capacidade local.

Produciuse a estrea de Erni, a gran fixache de outuno entrou no segundo tempo en Boavista.
Na terceira praza irrompe con forza o Cospeito. O conxunto vermello non para de escalar posicións nas últimas semanas. Acumula once xornadas sen perder e cada vez amosa máis capacidade goleadora, algo que lle estaba custando ata o momento.
Superou como visitante o Fonsagrada. Queda a dez puntos do líder e a cinco do segundo. Non obstante, o partido non foi doado. Foi o Fonsagrada quen se puxo por diante e marchou gañando ao descanso.
Os locais quedaron cun menos por expulsión no segundo acto. O Cospeito conseguiu igualar e a partir de aí dominou o partido con máis tranquilidade. O balón parado e a calidade de Xoán, foron claves na remontada.
Na zona de fase de ascenso mantense o Muimenta. Foi quen de volver ao camiño da vitoria logo de tres xornadas sen gañar. Superou ao Goiriz nun resultado apertado. Unha vez máis, o cadro vilalbés quedou ás portas de sumar puntos.

De feito, o Goiriz marchou gañando no tempo de lecer por 1-2. Na segunda metade melloraron os celestes e empataron por medio de Seijas. Nos últimos intres, Cascudo marcou o gol do triunfo. O gardamallas Cancio tivo que entrar como xogador de campo pola lesión do propio Seijas.
O Iberia perdeu por segunda semana seguida. Aínda así, mantense en play off. É 5º clasificado con 22 puntos. É dicir, é nestes momentos o rival de referencia, para a Candelaria, o equipo que lle gañou a pasada finde.
Os pupilos adestrados por Jaime Matouse lograron o primeiro triunfo dende que o técnico regresou ao banco (suma un empate e unha vitoria). Ocupan a novena praza, a tres puntos do Iberia.
Foi un partido bronco, con ata cinco epulsións. O último tramo de partido xogárono nove futbolistas no Iberia fronte a oito no Candelaria. Por aquel entón os visitantes gañaban 0-2.
Marcaron o primeiro gol xusto antes do tempo de lecer. E o segundo nun penalti onde fora expulsado o central local Arón. Nos últimos intres tentárono con forza os locais, pero só coneguiron batir a porta rival nunha ocasión.

O cadro de San Miguel de Reinante tamén é a referencia para máis equipos que pelexan por entrar na zona de privilexio. Por exemplo, para o Guitiriz. O conxunto guitiricense queda a dous puntos do 5º posto ao vencer ao Castro B.
Aos locais púxoselles de cara o partido cun gol de Labrada. Ao cuarto de hora xa vencían por 2-0 ante un filial que notou as baixas coas que acudía a cita. O lateral esquerdo Adrián Novo foi o gran protagonista dese segundo gol. Superou a tres rivais con potencia e definiu de vaselina coa perna esquerda sendo diestro.
Á mesma distancia queda o Roupar logo de caer no derbi ante o Cabreiros. Os xogadores adestrados por Paco protagonizaron unha das sorpresas da xornada. Sumaron a segunda vitoria consecutiva e deixan a tres equipos por baixo na clasificación.
Adiantouse o cadro verde, pero o Cabreiros xa foi quen de remontar antes de marchar aos vestiarios. No segundo tempo conseguirían dous goles máis. A efectiviade goleadora do conxunto da Acea ten un claro protagonista.
Sergio Caźas marcou un novo dobrete na última xornada. Anotou nove goles nos últimos catro partidos. Leva 13 no que vai de liga e é nestes momentos o máximo goleador do grupo.
A tres do play off queda o Xermade que venceu a un Celta Barreiros que segue na parte baixa. O dominio do cadro local materializouse en goles na segunda metade. O Celta B. volveu ir moi mermado na convocatoria.
Sen dúbida, un dos grandes protagonistas do partido foi Joan Tembras. O xogador pontés viviu a súa gran tarde dende que este verán se incorporara as filas do Xermade. O futbolista formado nas últimas tempadas na base do Racing Villalbés, marcou tres goles.

Na zona sur, o Friol queda como líder en solitario ao perder o Oural. O cadro friolés sumou o seu noveno triunfo da tempada nun dos grandes encontros da xornada. Superou ao Paradela que perdeu a opción de igualar a puntos co seu rival.
Agora a distancia é de seis puntos entre o 1º e o 5º. Foi un partido entretido, onde ambos equipos amosaron as súas cartas. Aínda que os da Reigosa deron un pouco máis na súa casa para levar os tres puntos.
Na segunda praza está o Guntín, a dous puntos do primeiro posto. Volveu ao camiño da vitoria ante o filial da SD Chantada.
Amosaron a sua fiabilidade ofensiva e defensiva os do Ladairo. O gardamallas Neira acumula sete xornadas sen encaixar nas 13 que van de Liga. En máis da metade dos partidos xogados non recibiu gol. O equipo laranxa é o menos goleado da categoría, igualado co Guitiriz.
Ferreira e Oural están empatados a 26 puntos na 3ª e na 4ª praza respectivamente. Aínda que nesta xornada ten mellor sabor de boca o cadro de Pantón. Impúxose nun apertado partido ao Brollón.
É unha das grandes citas do curso nos Medos e o duelo non defraudou. O encontro foi intenso dende o inicio. Os locais adiantáronse no marcador por medio de Damián.
No segundo tempo, o Ferreira deulle a volta cun gran gol de Julio e outro de Rafa. O Brollón aínda conseguiu empatar por medio de Pablo Tourón.
O propio Tourón tivo a oportunidade do triunfo pero o seu lanzamenoto petou no pau. Ao pouco, Rafa non fallou dende os once metros e xa case no final do partido permitiulle ao Ferreira levar os tres puntos.
O Oural baixou a cuarta posición ao perder ante unha Milagrosa á alza. Os pupilos preparados por Couso levan tres xornadas seguidas sumando de tres. Están a un punto da zona de privilexio.
Gran traballo defensivo da Mila que aguantou cando atacou o Oural e estivo acertada de cara o gol. Antes do tempo de lecer gañaba cun gol de Nano. A volta dos vestiarios Bruno pechou o marcador co segundo tanto.
Empatado a puntos coa Mila, pero na 6ª posición está o Becerreá. Volveu ao carreiro do triunfo ante o Sporting Lucense. O cadro preparazo por Lolo conseguiu manter a incerteza no marcador ata os últimos intres, pero non logrou empatar o choque.

A tres puntos do play off, na metade da táboa, está o San Roque. Superou con claridade ao Río Sil. O encontro resolveuse xa no primeio tempo. O conxunto de Sober concedeu facilidades en Montirón. 4-0 ao descanso.
Equilibráronse máis as forzas no segundo acto. Pero a distancia xa era insalvable pola dinámica que levaba o partido. Neste tempo, cada equipo marcou dous goles.
Na novena praza, a catro puntos da fase de ascenso, colócase o San Lázaro. Venceu pola mínima a un Corgo no día no que se estreaba como adestrador Abel Rochela co seu novo equipo.
Viuse unha mellor versión do Corgo, pero que tivo as mellores ocasións foron os integrantes do club nado na Ponte. Só conseguiron un gol pero chegoulles para levar os tres puntos.
Na zona baixa, salienta unha semana máis o rexurdir do Lemos B. Superou nun duelo directo ao Carballedo. Segunda vitoria consecutiva na casa para o filial.
O encontro desequilibrouse ao pouco de comezar. Fagín recibiu o balón en 3/4 de campo, pegoulle e a pelota entrou pola escadra da portería rival. O 10 inicioulle ao seu equipo o camiño da terceira vitoria da campaña. Algo que lle permite meter a tres rivais por baixo na clasificación.