Motivos para sorrir na Milagrosa

A Milagrosa non acaba de atoparse na Segunda Galicia. Despois de dous descensos consecutivos, o equipo da capital lucense era, a priori, un dos candidatos por volver a Primeira Rexional. Non obstante, de momento o equipo non está marchando como sería desexado pola familia vermella e branca. Aínda así, teñen motivos para sorrir e confiar, como a recuperación de dous xogadores que lle poden dar moito de aquí ao final de temporada. Faus e Soto xa volven estar polos terreos de xogo. Faus superou unha lesión de xeonllo e ligamento cruzado. Estaba xogando na Ferroviaria, filial da Milagrosa, cando obrigatoriamente tivo que parar. Soto volve a ter esa ilusión polo balompé que lle fixo volver despois de deixalo por motivos persoais. Ambos coinciden na honra que supón vestir a camisola da Mila e que aínda queda moita competición. Porque non hai vitoria máis importante que a de poder xogar.

Futbolinlugo: Como vos estades atopando nos vosos respectivos regresos?

Faus: Aínda non estou na mellor forma, pero bastante contento co traballo que estou realizando. Pouco a pouco vou adestrando mellor. De vez en cando resínteseme algo o xeonllo, pero vai a mellor.

Soto: Moi ben, despois de facer un bo traballo de pretemporada estanse a notar os resultados e espero que esto siga así de cara ao que resta de competición.

Soto: “Ao pouco de deixalo, boteino de menos”

FIL: Eses meses parado, como os levastes?

Faus: Un pouco aburrido. Tiña moitas gañas de volver e moi contento por volver.

Soto: Eu deixeino porque estaba un pouco aburrido de xogar tantos anos seguidos e co traballo de panadeiro, que é moi escravo, non tiña moito tempo para min. Aínda así, recoñezo que, xa ao pouco de deixalo, boteino de menos. Xoguei ao fútbol sala e futbol indoor para matar as gañas, pero esta tempada tiña decidido volver aos terreos de xogo.

FIL: Supoño que foi unha noticia complicada…

Faus: Bastante dura porque ademais foi no último partido de liga coa Ferroviaria e trastocoume un pouco os plans de carreira e de fútbol tamén. Foi un ano bastante difícil.

FIL: Como vistes este inicio de liga do equipo?

Faus: Vino bastante ben. Estamos perdendo algún partidos, pero o equipo vexoo ben. Creo que se seguimos nesta liña comezarán a chegar os resultados.

Soto: O equipo está moi ilusionado con poder facer grandes cousas, aínda que tivemos unha mala xeira, vexo a xente moi motivada. O equipo está a traballar moi ben durante tres días intensos á semana.  Quedan cousas por pulir, pero estou confiado de que os resultados logo chegarán.

FIL: O obxectivo é estar na zona alta?

Faus: Si, o que pasa é que tampouco nos podemos centrar nese propósito. Hai que ir partido a partido porque a liga é bastante igualada.

Soto: O que queremos todos é conseguir ese ansiado ascenso a Primeira Rexional e devolver a onde lle corresponde estar a un club tan grande como a Milagrosa. Sabemos que é moi complicado porque nesta liga existe unha igualdade e unha competitividade que o fai difícil, pero loitaremos ata o final por conseguir esa meta. Individualmente eu con axudar ao meu equipo co meu traballo e os meus goles doume por satisfeito. Tanto o adestrador Couso como Manu, o preparador físico, e os meus compañeiros estanme apoiando ao 100%. Poido dicir que estou volvendo a vivir unha etapa dulce nisto do fútbol.

Faus: “Somos un grupo moi novo e hai moi bo ambiente”

FIL: Houbo cambios no equipo, pode ser algunha das razóns polas que os resultados non chegan?

Faus: Costa adaptarse, pero a maioría coñecémonos xa que xogamos xuntos na Ferroviaria ou en categorías inferiores. Aínda así, hai xogadores novos e pode costar adaptarse. Por outro lado no vestiario todo é xenial, somos un grupo moi novo e hai moi bo ambiente.

FIL: Coa gran cantidade de xogadores que move a Mila en todas as súas categorías, credes que o equipo sénior debería estar nunha división supeior?

Faus: É un equipo grande, sempre foi un equipo grande. Non sabería dicirche en que categoría debería estar, pero cos xogadores que tivo sempre, adestradores e o traballo deberiamos estar nunha categoría un pouco máis alta.

Soto: Penso que por historia e por calidade de club, a Milagrosa debería estar en Primeira. Este club vén de dous anos seguidos descendendo, as razóns non as sei porque non estiven aquí pero creo que despois de dous anos tristes merécese unha alegría.

FIL: Que supón para vós xogar neste equipo?

Faus: É unha honra. Cando xogaba noutros equipos sempre vía a Milagrosa que xogaba ben e que tiña moi boa xente. Moi rogulloso de estar aquí.

Soto: Vestín moitas camisetas; xoguei tanto na costa como por aquí e de todos os equipos me levo grandes recordos e sobre todo moitos amigos. Xuntos conseguimos ascensos e alguna Copa Deputación, pero se teño que destacar algo desta etapa na milagrosa e a paixón ca que se vive cada xornada e, sobre todo, o ben organizado e estruturado que está este club. Non nos falta de nada, tanto no futbolístico coma no persoal.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario