#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

A Milagrosa complícase o play-off tras caer co Corme

A Milagrosa deixou escapar unha oportunidade importante para asegurar a súa presenza no play-off ao perder por 3-1 diante do Corme, un rival directo na loita pola cuarta posición. As lucenses manteñen ese posto, pero agora cunha vantaxe moito máis curta sobre o cadro coruñés e cun partido máis disputado.

O encontro estivo marcado pola igualdade e pola tensión propia do moito que había en xogo. Claudia adiantou ás locais aos quince minutos, aínda que Candela respondeu pouco despois para devolver as táboas ao marcador.

Durante boa parte do choque ningún dos dous equipos conseguiu imporse con claridade e todo parecía encamiñado cara a un final aberto. Porén, a cinco minutos do remate, un penalti favorable ao Corme permitiulle a Carla poñer o 2-1. Xa no desconto, coa Milagrosa completamente envorcada ao ataque, Claudia sentenciou á contra co terceiro tanto.

As lucenses recibirán agora ao Unión Campestre na Frigsa antes de pechar a liga cunha visita ao Esteirana.

O San Lázaro supera ao Esteirana nun partido máis incómodo do esperado

O San Lázaro sumou unha nova vitoria tras derrotar por 4-2 ao Esteirana nun encontro no que as lucenses tiveron máis dificultades das previstas pese á superioridade numérica case total.

San Lázaro – Esteirana. Foto: Róber Carreira

O equipo muradán presentouse con só dez xogadoras e, ademais, perdeu outra futbolista por lesión aos dez minutos, polo que afrontou o resto do duelo con nove efectivos. Aínda así, foi o Esteirana quen golpeou primeiro grazas a un tanto de Rut.

A reacción local chegou de inmediato. Dou empatou apenas un minuto despois e, pouco máis tarde, anotou tamén o segundo para culminar a remontada. Co San Lázaro xa algo máis asentado, Paola ampliou diferenzas co 3-1.

Antes do descanso, Rut volveu aparecer para recurtar distancias e manter vivo ao Esteirana. Na segunda metade, as locais continuaron mostrando precipitación e falta de claridade, aínda que o desgaste visitante acabou sendo decisivo. No minuto 88, Dou completou o seu hat-trick e pechou o encontro co definitivo 4-2.

Na próxima xornada, o San Lázaro visitará ao Orillamar.