#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

As contas da salvación na Primeira 2026: sete equipos e tres descensos

A Primeira Futgal regalará unha última xornada completamente tola ata o final. No grupo 3, ademais da loita polo playoff, onde o Ribadeo e a Residencia se xogan o último posto nunha final entre ambos, seis equipos teñen aínda opcións de descender á Segunda Futgal.

Xove Lago (35 puntos), Taboada (35 puntos), Oural (36 puntos), Lourenzá (37 puntos), Outeiro de Rei (38 puntos) e Castro (38 puntos) xogaranse evitar os dous postos que quedan de descenso, un xa o ocupa o Iberia. No grupo 4, o Brollón trata tamén de salvarse na tempada do seu ‘exilio’ ourensán.

Na Primeira lucense, de entrada, as contas de Oural, Lourenzá, Outeiro de Rei e Castro son sinxelas: se gañan, están salvados. O empate tamén lles valería ao Outeiro e ao Castro, sen mirar outros resultados. A cuestión principal é que se dan dous duelos directos na derradeira xornada:

Para comezar a falar das posibles casuísticas, hai que pararse na auténtica final pola salvación desta categoría. A fortuna do calendario deparou un Taboada-Xove Lago na Medela para rematar a tempada. Igualar non lles serve a ningún dos dous, xa que só hai un triplo empate posible co Oural e sería o cadro sarriao quen salvaría a categoría.

O Taboada gañoulle a quen debía

O Taboada, un dos equipos metidos na loita da Primeira Futgal
O Taboada chega a última xornada dependendo de si e recibirá ao Xove Lago nun partido a cara de can

Para librar de baixar, o Xove precisa gañar e que se dean unha destas opcións: empate ou perda o Oural, perda o Lourenzá, perda o Castro ou perda o Outeiro e perda o Castro. Neste último caso, un triplo empate a 38 puntos entre Castro, Xove Lago e Outeiro afectaríalle ao club adestrado por Fernando Corredoira. O gol average entre os tres está empatado, pero no diferencial de goles dos enfrontamentos directos sairía prexudicado.

Para salvarse, o Taboada só necesita gañar. Sairía sempre vencedor nos posibles dobres ou triplos empates ante outros rivais.

O Oural complícase se non é capaz de superar ao Foz. No caso de empate ou derrota, unha vitoria no Taboada – Xove, descéndeo.

O outro gran partido da zona baixa xógase en Santa Cruz. O Lourenzá e o Castro dependen de si, pero, en función do resultado, pode complicarse a súa situación. Se na Medela gaña o Xove, a ambos os dous lles valería o empate. Pola contra, se o triunfo é do Taboada, o Lourenzá só lle serve gañar ou que empate/perda o Oural.

O Outeiro se non é quen de vencer ou igualar co campión deberá estar pendente doutros campos. Nesa hipotética circunstancia, baixarían se: gañan Taboada ou Xove, Oural e Lourenzá.

O Castro se non logra gañar ou empatar en Lourenzá tamén ten que mirar a Medela, o Luis Pallín e o Municipal. Nese caso, descendería se: gañan Taboada ou Xove, Oural e Outeiro (ou este último empata).

Un posible descenso lucense máis na Primeira Futgal

Aínda pode haber un cuarto descenso da Primeira Futgal, e non depende de arrastres que xa é matematicamente seguro que non van afectar. Con todo, o Brollón xógase a salvación na última xornada ante un rival directo: La Purísima (nos Carrís, en Barbadás).

Cinco equipos no grupo 4 tratan de evitar unha praza de descenso. Nestes momentos, Maceda, Francelos La Purísima e Brollón están igualados a 37 puntos, dous por riba desa posición de descenso que ocupa o Allariz. Agás La Purísima e Brollón, o resto cítase ante equipos que non poñen nada importante en xogo a nivel clasificatorio.

A conta do Brollón é sinxela: se gaña ou empata, está salvado. No caso de perder, tería que agardar que o Allariz non lograse os tres puntos.

Un arrastre seguro na Segunda Futgal

Todos estes casos provocan nervios na Segunda Futgal polos arrastres. Cada descenso directo da Primeira, provoca unha baixada en cadea na Segunda. Iso si, un hipotético ascenso do equipo que xogue a promoción en cadanseu grupo, evita un arrastre.

Exemplo práctico: agora mesmo está confirmado o descenso do Iberia para o grupo 1 da Segunda Futgal. Se non houbese máis descensos para este grupo, o equipo arrastrado sería o 14º (Matela ou Castroverde). No caso de que Guitiriz ou Riotorto suban na fase, ese arrastre non se produciría.

Non obstante, os medos son maiores ao existir o risco de catro arrastres se baixa o Brollón e ningún club lucense da Segunda ascende na fase. Hai que salientar tamén que é a Real Federación Galega de Fútbol quen ten a última protestade para indicar que equipo vai a cada grupo.

Aínda así, co descenso xa confirmado do Iberia, unha posible baixada do Xove e do Lourenzá, entendemos que caen inevitablemente para a zona norte. Ao igual que un descenso do Taboada, do Oural e do Brollón, dáse por feito que baixen ao sur.

Así as cousas, no norte, están en risco de arrastre o 12º e o 13º (xa é seguro o Sporting Pontenova). A outra praza podería debatirse entre Pastoricense, Celta Barreiros, Casás ou Candelaria. Sería o peor dos casos. Non é moi probable, pero por poder, pode darse. De súpeto, o encontro entre a Candelaria e o Celta Barreiros do domingo adquire outro significado.

No sur, a tensión aínda é maior, porque os equipos en descenso directo (O Páramo -29 puntos- e o San Lázaro -30 puntos-) teñen opcións de salvación. Logo existe perigo para o 14º, 13º e 12º. Esas prazas son ocupadas agora polo Sober (30 puntos), Monterroso B (32 puntos) e Chantada B (33 puntos).

A maiores só podería verse afectado o Paradela. Curiosamente o cadro do Gandarón agora mesmo é 10º, por riba do Friol (11º), pero empatados a puntos. Nun caso de triplo empate co Chantada B, sae prexudicado o filial. Con todo, nun duelo directo entre Paradela e Chantada B, o Paradela queda por detrás.

Foto de portada: Róber Carreira

Esta última xornada trataremos de seguila a través dun directo nesta web. Estaremos pendentes do desenlace da Preferente, Primeira e Segunda Futgal.