portada maxicos

Máxicos Primeira. Xornada 6

Pasado o ecuador da primeira volta, os máxicos seguen a facer das súas para axudar aos seus clubes.

Outeiro de Rei 0-0 Taboada: empate xusto no Municipal. Tras unha primeira media hora na que os visitantes foron mellores, o Outeiro colleu o ritmo do partido e levou o peso do xogo. No segundo tempo acentuose o domínio local, pero o Taboada plantou ben e levou perigo á contra. O Outeiro tivo algunha ocasión nas botas de Redondo, pero a boa actuación de Roi conservou un punto para os branquiazuis.

Sporting Pontenova 2-1 Folgueiro: o Folgueiro segue a mellorar no seu xogo pero non consegue mellorar os resultados. Moitas ocasión para ambos conxuntos ao longo de todo o partido, pero o Sporting foi máis efectivo no primeiro tempo e chegou cunha boa renda ao descanso (2-0). Trala reanudación, o Folgueiro foi máis arriba e o gardamallas local, Diego, evitou que recurtasen diferenzas ata o minuto 85′. Despois do 2-1, apenas houbo tempo para máis e o choque rematou 2-1.

Fiso Ronda

San Roque 2-1 Guntín: o encontro da Polvoreira decidiuse na primeira metade, cun San Roque moi superior que ganou todos os duelos individuais e chegou cun claro 2-0 ao descanso. A renda puido ser maior, pois os locais erraron un penalti que teria suposto o 3-0. No segundo tempo os visitantes melloraron, recurtaron diferenzas e pecharon aos branquiverdes no seu campo, pero non foron quen de empatar a contenda.

Xove Lago 2-2- Lourenzá: o Xove levou o peso do partido e asinou o seu mellor partido no que vai de ano, pero o Lourenzá aproveitou un contragolpe para asinar o 0-1 (Paulo). Os locais non se viñeron abaixo e empataron desde os once metros (Maikel). Nada máis comezar o segundo tempo, os visitantes fixeron o 1-2 (Jorge) logo dunha xogada vertical, e finalmente Maikel logrou o empate (2-2) de falta directa a falta de 15′ para o asubío final. Os verdes puideron asinar o tanto da victoria, pero o electrónico non se moveu.

Chantada 3-1 Portomarín: tres puntos de ouro para os do Sangoñedo, que foron mellores no tramo inicial e se adiantaron a balón parado (1-0). Os visitantes melloraron e empataron tamén á saída dun córner. Co 1-1 chegouse ao descanso. O Portomarín sufriu varias lesións musculares que condicionaron os segundos 45′, e os locais conseguiron o 2-1 nunha xogada moi protestada polo banco visitante. Cos rivais volcados, os locais aproveitaron un contragolpe para facer o 3-1 definitivo.

Riotorto 0-1 Castro: un tanto de Yoel no minuto 2′ decantou a balanza no derbi. Os visitantes foron mellores no comezo, pero no 35′ quedaron cun xogador menos tras a expulsión de Víctor e o Riotorto medrou no partido, que puxo as mellores ocasións, aínda que o Castro tamén xeraba ocasións á contra. No 90′, o árbitro concedeu un gol para o Riotorto que supoñía o empate, pero o seu asistente correxiuno e o electrónico non se moveu, 0-1 para o Castro.

Friol 1-4 Chantada Atlético: os chantadinos dominaron a meirande parte do choque e, froito diso, no minuto 8′ xa mandaban por 0-1 grazas a un tanto de Adrián. Con todo, o Friol xogou as súas armas e empatou pouco despois, no 12′. As forzas igualáronse ata o filo do descanso, cando Adrián fixo o segundo gol na súa conta e puxo de novo por diante aos seus. No segundo tempo, un madrugador tanto dos visitantes (1-3) deixou moi tocado a un Friol que tan só puido ver como o protagonista do choque, Adrián Salgado, asinaba o seu terceiro tanto no 82′ (1-4).

Alfoz 1-2 Burela: a primeira parte foi dominada por un Burela que foi quen de adiantarse nos primeiros intres. Aínda así, os locais puideron empatar nun golpeo que petou na madeira pero, finalmente, os visitantes asinaron o 0-2 xusto antes do descanso. No segundo tempo igualáronse as forzas e o Alfoz creou máis perigo, pero tan só logrou anotar un tanto. Ao término dos 90′, 1-2. Desde aquí mandamos moitos ánimos a Ivan García, futbolista do Alfoz que se tivo que retirar do campo con axuda médica tras un golpe fortuito na cabeza que lle orixinou tamén un corte na fronte.

Monterroso 1-2 San Lázaro: os da Ponte levaron 3 puntos dos Chacotes na última xogada do partido logo de 90′ minutos nos que o Monterroso puxo as ocasións e o San Lázaro os goles. Comezaron mellor os visitantes, que fixeron o 0-1 no 7′, pero o Monterroso medrou no partido e logrou o empate antes do descanso. Na segunda parte, os locais puideron darlle a volta á contenda, pero foi Santi Marín o que conseguiu o 1-2 definitivo no 94′ e mandou os tres puntos para a capital.

Pol 2-0 Pastoricense: logo dun comezo moi igualado no que ambos equipos tiveron oportunidades, o Pol fíxose co balón e foi superior ao Pastoricense. Ander, un dos mellores dos locais, fixo o 1-0 no 35′ e, na reanudación, Juncar fixo o 2-0 logo dun erro defensivo visitante. Os do Acebreiro non lle perderon a cara ao choque en ningún momento, pero non foi suficiente para facer dano aos locais. 2-0 xusto ao término dos 90′.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 475

Deja un comentario