O Lemos suma a cuarta vitoria consecutiva e a Sarriana é novo líder de Preferente

Boa xornada para os nosos conxuntos de Terceira nunha duodécima xornada na que ao Racing Vilalbés lle tocou descansar. O Polvorín achégase ao liderato logo de golear ao Silva e o Viveiro derrotou ao Estradense e continúa firme en Cantarrana. Na Preferente, a Sarriana retornou ao liderato logo de golear ao Foz. No outro derbi provincial Ribadeo e Santaballés igularon no Pepe Barrera. O Lemos venceu ao As Pontes na Pinguela e xa é terceiro. O encontro entre Residencia e Escairón foi adiado por un positivo por Covid-19 no conxunto local.

O Polvorín non ten compasión do Silva e sitúase moi preto do líder (4-0).

Encontro moi completo do cadro lucense, que foi quen de golear a un dos conxuntos máis fiables defensivamente de Terceira como é o Silva. Os de Álex Ortiz buscaron o tanto desde o pitido inicial e Leandro e Fidalgo contaron con claras ocasións para adiantarse. O primeiro tanto chegou preto do minuto 20, obra de Xurde, que superou a Ríos cun preciso disparo. O propio Xurde serviu un bo balón a Rojo que fixo o segundo superada a media hora de partido. Os de Bardanca apenas inquedaron a portería de Julen, que debutou esta temporada logo de varias convocatorias consecutivas co primeiro equipo.

Fiso Ronda

Na segunda metade o Silva buscou recurtar diferencias, pero unha moi segura defensa local impediron situacións de perigo. No último tercio de encontro, o Polvorín sentenciou con dous tantos de Leandro.

Un tanto de Muiña na recta final de partido dalle ao Viveiro tres valiosos puntos diante do Estradense (1-0).

Encontro moi táctico o disputado en Cantarrana. O Viveiro atopouse cun rival moi ordeado ao que apenas foi quen de xerarlle ocasións, pero que tampouco inquedou en exceso a portería local.

Na primeira metade tan só Pablo Rey estivo preto do gol, aínda que o seu disparo foi detido polo gardameta do Estradense. Os de Alberto Mariano tampouco chegaron con perigo, salvo nun lanzamento de Brais Calvo que Manu Cedrón detivo moi seguro.

Non trocou moito o encontro na segunda metade, aínda que os mariñáns xogaron máis en campo contrario no último tercio de encontro. Sidibé gozou da ocasión máis clara para marcar, pero o tanto resistiuselle aos de David Páez ata o minuto 80. Rolle sacou unha falta e Muiña no segundo pao rematou ao fondo da portería.

O central viveirense Uriol foi titular no conxunto visitante e o capitán Álex Meitín dispuxo dos seus primeiros minutos da temporada.

A Sarriana sentenciou o encontro na primeira metada no derbi provincial diante do Foz (5-1).

Os de Edu Rodríguez recuperaron o liderato logo da súa goleada e do empate do Montañeros diante do San Tirso. O encontro da Sarriana foi sobresaínte diante dun Foz que xogou coas liñas moi xuntas tentando deixar poucos espazos. Por parte dos mariñáns unicamente David Ben foi quen de inquedar a Javi Liz na primeira metade. O cadro local, por medio de xogadas combinativas, chegou con perigo á portería dun inspirado Alonso. A falta de dez minutos para o final Gerardo abriu a lata logo dun penalti protestado polos focenses. O desconcerto visitante aproveitouno á perfección a liña de ataque sarriá e en cinco minutos Diego Rey e Omar sentenciaron con dous novos tantos.

A segunda metade seguiu a mesma tónica de xogo, coa Sarriana chegando con certo perigo a área rival e Diego Torres fixo o cuarto con só oito minutos de xogo. Os de Bebo recurtaron diferencias logo dunha boa xogada de Diego Fernández, que asistiu a Diego Chao que definiu diante de Javi Liz. Co encontro case rematado Gerardo estableceu o quinto e definitivo tanto.

O Lemos vence ao As Pontes e suma a súa cuarta vitoria consecutiva (1-0).

Encontro igualado na Pinguela no que os monfortinos sumaron tres novos puntos que os sitúan na zona de privilexio de Preferente. Na mellor ocasión do primeiro acto chegou o único tanto do encontro. Unha boa asistencia de Armesto finalizouna Varela cun bo tiro cruzado ante o que nada pode facer o gardameta pontés Paco.

A segunda metade foi moi aberta e ámbolos dous equipos puideron facer gol. Os de Rafa Casanova trocaron de sistema logo do paso por vestiarios e fóronse claramente a polo empate. O focense Moreda estrelou un balón no pao, pero o Lemos puido sentenciar en varias contras que finalizaron Dani Arias e Mauro que Paco salvou providencialmente. Os de Alberto López reclamaron no treito final de partido un penalti sobre Mauro que o colexiado non apreciou.

O Ribadeo salvou un punto in extremis diante dun Santaballés superior (1-1).

O derbi provincial rematou con reparto de puntos. Os mariñáns non puideron sumar a segunda vitoria consecutiva e a piques estiveron de caer diante dun Santaballés que amosou unha moi boa imaxe no Pepe Barrera.

Os de Dani Moirón comezaron controlando o balón, pero non eran quen de sorprender a un conxunto chairego moi ben situado en defensa. Faltoulle profundidade a un Ribadeo que só se estiraba coas incursións de Xairo por banda dereita. Na primeira metade escasearon as ocasións de gol. As máis claras foron visitantes. Un pase da morte de Palomo que non atopou rematador e un remate de Dani San que Carrera salvou de xeito providencial. O Ribadeo tentouno por medio de Matelo, que non estivo acertado dentro da área pequena.

Na segunda metade, o cadro local desfixo a liña de cinco defensas e o polivalente Castrín pasou de xogar na zona dereita do ataque. De tódolos xeitos, o Ribadeo non eran quen de xerar ocasións de gol. Nun dos primeiros achegamentos dos de Juan Rodríguez chegou o gol. Palomo driblou a varios defensas e deixou o balón franco para que rematara Novás ao fondo da portería. Os locales entraron nunha fase de precipitación na que o Santaballés puido sentenciar. Un testarazo de Muñiz puxo a proba os reflexos de Carrera e Diego Ferreiro enviou un balón moi preto do pao.

O Ribadeo non se rendiu e no minuto 47 o xuvenil Samuel Gundín rematou alto un bo pase de Castrín. Cando xa non había tempo para máis, Roi rematou ao fondo da portería un saque desde o curruncho.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 425

Deja un comentario