Riotorto 1-0 Alfoz: o Riotorto conseguiu a súa segunda victoria ante un Alfoz que tivo as mellores ocasións no primeiro tempo. Nada máis comezar o segundo tempo, un penalti por unha discutida man dentro da área visitante converteuse no 1-0, obra de Fran Pastor. A partires de aí, o Alfoz intentou igualar, pero o marcador non se moveu.
San Roque 1-0 Monterroso: a Polvoreira viviu un choque trabado que se decidiu cun golazo de Emilio no 79′. Tras unha primeira metade igualada, os visitantes saíron reforzados do paso por vestiarios e gozaron de ocasións para adiantarse. Porén, a falta de efectividade e o gran tanto anotado polos locais decantaron a balanza.
Xove Lago 0-3 Pol: o Pol exerceu a súa condición de favorito no Municipal de Xove. A SD fixo un partido moi completo que encarrilou no primeiro tempo con goles de Leandro e Álex Guntín. Nos últimos 10′, Leandro sentenciou ante un Xove Lago que non lle perdeu a cara ao partido en ningún momento e competiu de ti a ti ata o asubío final.

Chantada 3-0 Friol: a SD resarciuse da súa derrota en Taboada a pasada semana. Os locais dominaron o partido en todo momento e adiantáronse cun gol de Joserra nos primeiros quince minutos. Xa no segundo tempo, Manu e Buján sentenciaron o choque ante un Friol que apenas se achegou á meta dos do Sangoñedo.


Sporting Pontenova 0-2 Pastoricense: A Mina albergou un choque moi intenso no que houbo alternativas para os dous equipos. Tras dez minutos nos que os locais estiveron mellor, o Pastoricense gozou de media hora na que fixo dous goles e puido sentenciar con dous remates que se estrellaron nos paus. Despois do descanso, os locais modificaron o sistema e meteron á UD no seu campo, pero non conseguiron materializar as oportunidades pola boa defensa do Pastoricense.
Outeiro de Rei 1-1 San Lázaro: o San Lázaro sacou un resultado positivo do Municipal logo de completar un gran partido. Nun primeiro tempo sen apenas ocasións, Julio fixo o primeiro para os da Ponte. Na segunda metade, o Outeiro dominou pero non logrou xerar perigo ata un penalti que se traduciu no 1-1 (obra de Pereira). Tras o empate, o San Lázaro puido levarse ao partido nunha contra que cortou con falta Álvaro cando Mincha encaraba ao porteiro rival, o que deixou aos locais cun xogador menos os últimos dez minutos.

Lourenzá 1-1 Burela: os locais aproveitaron unha boa acción combinativa para adiantarse por medio de Pichi e, a partires de aí, tiveron o control do xogo e perdoaron ao Burela ata en tres ocasións. Na segunda metade, o conxunto verde mellorou e encerrou ao Lourenzá no seu campo, algo que se traduciu no 1-1 nos últimos intres do choque.

Portomarín 1-0 Taboada: o Chao da Poza viviu un partido con pouco fútbol e que se decidiu cun solitario tanto de Sergio Arias. O Taboada tentou incomodar a portería defendida por Adrián, pero non foron quen de achegarse con perigo. O conxunto que dirixe Fernandito conta así con dúas victorias en dous partidos.
Castro 2-0 Folgueiro: o Folgueiro chegou a Castro convencido de que tiñan que ceder o balón aos rivais. E non lles iba mal o plan ata que Roberto fixo o 1-0 ao borde do descanso. Tra-la reanudación, o Castro dominou pero non era quen de sentenciar. Nos intres finais, cun Folgueiro xa volcado na procura do empate, Yoel puxo o 2-0 que deixaba sen opcións aos do Vicedo e garantía o primeiro triunfo dos do Arturo Pereiro.

Chantada Atlético 2-2 Guntín: o Sangoñedo viviu un partido de infarto na tarde do domingo. O Chantada Atlético logrou adiantarse, pero o Guntín conseguiu a igualada ao pouco tempo. Cando semellaba que todo remataría 1-1, o Atlético anotou o 2-1 no desconto e, no 97′, Yelko logrou un empate para a épica nesta segunda xornada da Primeira Autonómica.
