Rematamos os máxicos de setembro cunha xornada repleta de choques vibrantes.
Castro 0-0 Santaballés: partido moi serio entre dous candidatos ao ascenso. Pese a que o Castro tivo máis posesión que os da Liga, a boa defensa visitante impediu ocasións claras dos de Juan Peón. No segundo tempo, o Santaballés puido facer algún gol, pero a seriedade e sobriedade defensiva dos vermellos impedírono. Reparto de puntos xusto no Arturo Pereiro.
Antas 0-2 Monterroso: o Antas saíu mal ao partido, algo que aproveitou David para facer o 0-1 no 4′. Porén, os celestes foron entrando no partido e conseguiron un penalti antes do descanso, pero Rubén detivo con mestría o lanzamento. O erro mermou psicoloxicamente a un Antas que, ademais, viu como Pardo facía o 0-2 ao comezo do segundo tempo. A partires de aí, o Monterroso mantivo a renda pese aos intentos locais.
Lourenzá 2-1 Chantada Atlético: remontou o «Atleti» o gol inicial dos chantadinos, que comezaron moi ben plantados no campo. A calidade de Paulo supuxo o empate, co que se chegou ao descanso. Na segunda metade, Cruña completaría a remontada cun disparo cruzado. O Chantada Atlético buscou o empate con insistencia, pero non sacou nada positivo da Santa Cruz nun choque no que a actuación arbitral foi polémica.


Pastoricense 1-2 Outeiro de Rei: tamén o Outeiro foi quen de remontar no Acebreiro. O Pastoricense cedeu o balón aos visitantes e fixeron o 1-0 cun gran gol nunha contra. Á beira do descanso, o Outeiro puxo o 1-1 e, no segundo tempo, a insistencia dos de Aarón tivo premio co 1-2. Os locais tiveron opción de empatar na recta final, pero a solidez dos visitantes impediuno.
Sporting Pontenova 0-4 Pol: o Pol dominou na súa visita á Mina, ante un Sporting ao que lle está custando arrincar. Un solitario gol de Dapo no primeiro tempo deixaba todo por decidir para o segundo, pero a calidade individual de Gerardo acabou por decantar o partido cara o bando visitante.
SD Chantada 0-1 Foz: gran triunfo do Foz ante unha SD que deu unha moi boa imaxe. A posesión foi local, pero o oficio dos visitantes permitíalles xerar perigo ao contragolpe. Nun deles, cara o final da primeira parte, os mariñáns lograron adiantarse. No segundo tempo os chantadinos embotellaron no seu campo a un Foz que non se sentía incómodo e que puido sentenciar en saídas rápidas. Pese aos esforzos, os locais non lograron puntuar.

Burela 0-0 Xove Lago: derbi igualado entre dous equipos que buscaron propoñer e no que houbo poucas interrupcións no xogo. O Burela gozou de chegadas boas, mentres que o Xove se achegaba pero non lograba finalizar. Na última do partido, os locais puideron facer o 1-0, pero Trullo volveu erixirse como un dos xogadores máis destacados cunha boa acción.
Escairón 0-0 Riotorto: duelo trabado entre dous conxuntos que non renuncian a nada. O Riotorto buscaba xerar perigo a balón parado, mentres que o Escairón estivo desacertado na fase de construcción. No segundo tempo, o Riotorto perdoou un man a man no que Macía fixo unha gran parada e, a partires de esta acción, os do Saviñao melloraron e gozaron de ocasións para anotar. Porén, o electrónico non se moveu no Municipal, 0-0.
Taboada 2-1 San Ciprián: igualdade na primeira metade, ata que Edilson foi expulsado no 41′ e os visitantes quedaron cun xogador menos. O Taboada foi a polo partido tras o descanso, conseguindo o 1-0 no 51′ e o 2-0 no 56′. Un San Ciprián moi tocado puido conceder máis tantos, pero reaccionou na recta final. Logrou o 2-1 á saída dun córner e a piques estivo de sacar algo positivo da Medela, pero o bo facer dos locais impediu o gol do empate.
