#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 16

portada maxicos

A falta de tan só dúas xornadas, os Máxicos e os seus clubes apuran as súas opcións de cara a loitar polo ascenso ou pola permanencia na segunda fase.

San Roque 0-0 Outeiro de Rei: a Polvoreira viviu un choque moi igualado na que as defensas foron as protagonistas. O Outeiro tivo un protagonismo con balón, pero os locais neutralizaron ben as acometidas visitantes e apenas concederon ocasións claras. Ambos conxuntos levaron perigo a balón parado pero o resultado gafas non se moveu.

Xove Lago 0-0 Sporting Pontenova: resultado gafas no Municipal pese a que o choque, emocionante, contou con numerosas ocasións. Os locais xeraron bastante oportunidades, particularmente no segundo tempo pero, na procura da victoria, o Sporting conseguiu unha contra que rematou cun penalti ao seu prol. Porén, os visitantes erraron no lanzamento e o resultado non mudou ao longo dos 90′.

SD Chantada 4-2 Guntín: partido moi divertido cunha primeira parte tola o que se viviu no Sangoñedo. Comezaron mellor os visitantes, que conseguiron o 0-1, pero os locais aumentaron o ritmo e déronlle a volta ao choque (2-1). Na última xogada do primeiro tempo, o Guntín puxo o 2-2. Na segunda metade mellorou o Chantada, que foi quen de facer o 3-2. Desde ese gol, o choque convertiuse nun corre-calles e calquera puido anotar, pero foron os locais os que sentenciaron co 4-2.



Riotorto 1-0 Lourenzá: dous equipos que necesitaban a victoria medíronse nun gran choque na Veiga no que houbo alternativas para ambos. Porén, o Lourenzá seguiu na liña das últimas semanas e errou numerosas oportunidades, mentres que o Riotorto foi quen de levarse a victoria a falta de dez minutos cun gol de Marino que serve aos locais para asentarse na zona alta da táboa.

Friol 2-0 Portomarín: deu a sorpresa o Friol ante o líder nun choque no que os locais se impuxeron a un Portomarín que non foi quen de despregar o seu xogo na Reigosa. Un gol de Barrio en propia meta puxo de cara o choque para os friolenses, que souberon neutralizar as acometidas visitantes cunha sobria defensa. No comezo da segunda parte, o Friol anotou o 2-0, que foi un mazazo para un Portomarín que non foi quen de recurtar as diferenzas.

Alfoz 0-1 Castro: partido pechado no Municipal, marcado pola solidez defensiva en ambas áreas e pola escaseza de oportunidades. Porén, o Castro demostrou por que é o líder da categoría e na segunda parte deu un paso adiante que lle serviu para anotar o 0-1 tras un centro. Co gol, o Alfoz apretou e a piques estivo de igualar a contenda na recta final, pero finalmente o marcador non se moveu.



Monterroso – Chantada Atlético: o partido adiouse por mor de casos Covid-19 nos chantadinos.

Pol 2-0 Burela: o Pol conseguiu unha victoria de mérito diante dun Burela que loitou ata o final e que puido poñerse por diante na primeira parte. De feito, os da Marosa gozaron de tres ocasións moi claras que non aproveitaron. Porén, o Pol mellorou na segunda metade e, por medio dun bo fútbol que mermou a capacidade física visitante, fixeron dous goles entre o 60′ e o 70′ que lles serviron para sacar tres puntos moi importantes do Manuel Luna.

San Lázaro 0-2 Taboada: sacou tres puntos de ouro o Taboada das Gándaras logo de facer un partido moi serio e apenas conceder ocasións aos locais. No primeiro tempo o San Lázaro apretou e a piques estivo de comprometer á defensa visitante, pero foron os de Taboada quen anotaron nun centro lateral. Na segunda metade, o Taboada xestionou ben o ritmo de partido e sentenciou na recta final por medio de Gabri.

Pastoricense 3-1 Folgueiro: adiantouse o Pastoricense no primeiro cuarto de hora, pero o Folgueiro -sen presión a nivel clasificatorio- foi a máis e, como recompensa, conseguiu o 1-1 ao filo do descanso. No segundo tempo tamén empurraron máis os visitantes, pero os do Acebreiro melloraron cos cambios e conseguiron o 2-1. Con este resultado, o Folgueiro volveu pecar de falta de efectividade ao marrar un par de ocasións moi claras, e o Pastoricense sentenciou na recta final.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *