Última xornada do 2022 para os máxicos da Primeira, con sorte dispar para eles!
Taboada 2-1 Xove Lago: unha boa acción de Mosky puxo o 1-0 a prol dos locais no 25′. Houbo bastante balón directo no partido, cun Xove que gañaba os segundos balóns e facía dano ás espaldas da defensa do Taboada. Cando mellor estaban os visitantes no segundo tempo, unha acción de picardía por parte de Guerreiro nunha falta traduciuse no 2-1. Un Xove volcado tivo opcións para empatar, pero o Taboada mantivo a renda.
Riotorto 2-2 Foz: adiantouse o Riotorto por medio do balón parado, grazas a un gol de Manu Roca. O Foz, que facía dano con balóns ao espacio non conseguiu o empate ata despois do descanso, cando Manolito fixo un gran gol. Os mariñáns culminaron a remontada á saída dun córner, pero un Riotorto que se volcou en ataque logrou o empate por medio de Pape tras un bo centro de Michi, 2-2 na Veiga.
San Ciprián 1-2 Pol: o vento condicionou o partido na Veiga. O primeiro tempo foi favorable para o Pol, que aproveitou dúas internadas por banda para chegar 0-2 ao descanso. Un gol local tras a reanudación igualou as forzas e, aínda que puido chegar o empate, o marcador non se moveu máis.


Atlético Escairón 2-0 Outeiro de Rei: choque igualado no Saviñao, pero o Escairón adiantouse por medio dunha falta botada por Asier no ecuador do primeiro tempo. Os locais quedaron con un xogador menos no 60′, e o Outeiro foi máis incisivo desde ese momento. Porén, a solvencia defensiva local e o bo facer do gardamallas Macía permitiu ao Escairón manter a renda e sentenciar nunha falta lateral, 2-0.
Burela 1-2 Chantada Atlético: gran victoria do Chantada Atlético na Marosa tras un partido vibrante. Un erro por parte de cada gardamallas nos primeiros 10′ permitiu que cada conxunto anotase un gol e o resultado no minuto 89′ fose de 1-1. Un gran gol dos chantadinos no 90′ decantou o choque a prol dos visitantes, aínda que o Burela tamén gozou de opcións para levar o gato á auga.
SD Chantada 2-0 Monterroso: choque igualado no Sangoñedo, que se inclinou a prol dos locais no último minuto do primeiro tempo, logo dun bon pase entre liñas e unha boa definición no man a man. Co 1-0, un Chantada condicionado polas lesións gañou en solvencia e aproveitou unha nova oportunidade no 70′ para sentenciar o choque. O Monterroso tivo as súas opcións, pero o marcador non se moveu.

Sporting Pontenova 1-4 Santaballés: o Santaballés puxo fin á súa negativa dinámica tras unha segunda parte perfecta. O Sporting foi mellor no primeiro tempo, e chegou mandando 1-0 ao descanso. No segundo, porén, os chairegos saíron convencidos e fixeron catro goles que inclinaron a balanza ao seu favor para rematar o ano con boas sensacións.
Pastoricense 0-4 Castro: o Pastoricense buscará levantar unha moi mala dinámica coa entrada do 2023. O Castro apenas tivo opcións nun primeiro tempo descafeinado, pero o primeiro gol visitante, á saída dos vestiarios, condenou aos locais, que non conseguiron reaccionar. Ao final do partido, 0-4 para o Castro tras un triplete de Rodolfo e outro tanto de Noel.
Lourenzá 0-1 Antas: primeira victoria a domicilio dun Antas que comeza a carburar. Partido sen ocasións, con dúas defensas moi ben plantadas sobre o céspede do Santa Cruz. Ademais, o estado do terreo de xogo e o vento non permitían moito fútbol. Na recta final, os visitantes anotaron un penalti que lles permitiu sacar tres puntos de ouro.
