As semifinais da Copa Deputación xa están resoltas. Chantada Atlético e Outeiro de Rei son os finalistas, logo de eliminar a Residencia e Friol, respectivamente.
Chantada Atlético 1 (por penaltis) – 1 Residencia. O encontro comezou de cara para a Residencia. No minuto 2, Txiki adiantou ao cadro lucense logo dunha boa xogada combinativa. Non tardou en reaccionar o cadro local, superior na primeira metade ao rival. Un centro de Anxo rematouno de cabeza Iago Otero establecendo o empate. O Chantada Atlético gozou dunha boa ocasión para adiantarse cun man a man de Adri que salvou ben Diego Bravos. Na segunda metade, o cansanzo afectoulle ao conxunto chantadino e non dispuxo de moitas ocasións claras. A Residencia impúxose no xogo, pero non chegou a xerar ocasións claras de gol. A eliminatoria decidiuse nos penaltis, onde a intervención de Iván resultou decisiva.

Friol 2 – 5 Outeiro de Rei. A primeira metade foi de dominio visitante que gozou das ocasións máis claras. Malia todo o Friol foi quen de adiantarse nada máis comezar o choque cun gol de Adrián, que o Outeiro neutralizou cun tanto de Marcos Trigo. Pouco despois Jorge Pereira puxo por diante aos de Aarón Sánchez e tiveron outra ocasión moi clara para poñer terra de por medio. O Friol soubo reaccionar e marchou ao descanso co marcador en empate gracias ao tanto de Rafa Casanova. Na segunda metade os visitantes amosáronse moi sólidos e non concedeu ocasións ao rival e sentenciou con tantos de Diego Seijas, o segundo na conta de Jorge Pereira e xa co tempo cumprido sentenciou Álvarito.

