#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 7

Outro domingo de fútbol para os Máxicos da Primeira, con moita emoción en todos os campos.

Burela 4-0 Guitiriz: os visitantes perderon os puntos nunha recta final na que os mariñáns conseguiron catro tantos casi consecutivos. Un bon Guitiriz estivo a piques de adiantarse no primeiro tempo, cunha acción polémica que rematou cun disparo desviado de Javi. No segundo tempo, e despois de que o gardamallas visitante Jesús detivese un penalti lanzado por Jairo Campo, o cadro da Marosa deu un paso adiante e conseguiu catro tantos para deixar tres puntos de moito mérito na casa.

Atlético Escairón 2-0 Santaballés: nova victoria dun Atlético Escairón que vai moi en serio este curso. A primeira parte destacou pola igualdade e as poucas ocasións que se viron sobre o céspede do Saviñao, pero os locais deron un paso adiante á volta do descanso e conseguiron un primeiro gol que lles deu tranquilidade. O oficio do Escairón colleu entón presencia, evitando que o Santaballés contase con ocasións claras, ata que Vilachá sentenciou o choque no 87′ co 2-0 definitivo.

Taboada 2-2 Monterroso: derbi vibrante na Medela que se saldou con empate. Os locais foron protagonistas no primeiro tempo e conseguiron adiantarse, pero o Monterroso soubo repoñerse e empatou o choque antes do descanso. Na reanudación, o cadro dirixido por Josito Jul gañou en personalidade e dominou máis o coiro, pero os locais tiveron o control defensivo do partido. Nunha recta final de infarto, o Taboada conseguiu o 2-1 no 89′ e, xa no tempo engadido, Iago Sobrado rescatou un punto para os seus, 2-2.



Meira 2-0 Riotorto: outro derbi que se saldou con victoria local. O Meira comezou moito mellor que os seus rivais e, nos primeiros minutos, tivo dúas ocasións claras que non concretou. Cando o primeiro tempo chegaba á súa fin, Seixosmil rematou un centro lateral para poñer o 1-0. Na segunda metade o Riotorto deu un paso adiante, pero o Meira soubo defender a súa renda, ata que de novo Seixosmil aproveitou un rexeite na área para poñer o 2-0 e sentenciar o choque ao seu prol.

Portomarín 0-2 SD Chantada: gran actuación do Portomarín ante unha SD Chantada que consolida a súa candidatura a todo nesta categoría. Logo dun primeiro tempo «táctico» no que o control defensivo reinou por enriba do demais, os chantadinos deron un paso adiante na reanudación e comezaron a pechar aos locais no seu campo. Nun rexeite na área pequena, os visitantes conseguiron o 0-1 e, xa nos últimos minutos e co Portomarín volcado, un centro lateral valeulles aos de Traste para sentenciar co 0-2 definitivo no Chao da Poza.

César controla o coiro no Sangoñedo. IMAXE: EVA R. ARGIZ

Chantada Atlético 5-2 Xove Lago: o Xove comezou mellor e foi quen de adiantarse no Sangoñedo cun tanto de Jorge. Porén, o Chantada Atlético logrou o 1-1 na xogada seguinte e, pouco despois, dous córners consecutivos permitiron aos locais poñerse 3-1. Antes do descanso, Anxo fixo o cuarto para os seus e, aínda que o Xove non lle perdeu a cara ao choque e Jorge anotou o seu segundo gol da tarde, os chantadinos sentenciaron na recta final co definitivo 5-2.



Guntín 0-0 Foz: o mal estado do terreo de xogo condicionou o choque, que estivo marcado polo fútbol directo e os balóns largos ben defendidos polas zagas de ambos conxuntos. No primeiro tempo foron os mariñáns os que estiveron máis cómodos, saíndo en contragolpes e reclamando un penalti na área rival. Na segunda metade, o cadro laranxa mellorou as súas prestacións e tivo un maior dominio do choque. Ao final, resultado gafas en Guntín nun duelo con máis alternativas das que indica o marcador.

Outeiro de Rei 0-3 Pol: excesivo castigo para o Outeiro de Rei nun duelo igualado, sobre todo no primeiro tempo, que se desnivelou cunha pena máxima transformada por Gerardo. Xa na segunda metade, unha falta nada máis comezar traduciuse no 0-2, ante o que os locais baixaron os brazos e os visitantes foron quen de controlar o choque. Xa nos últimos intres, Gerardo fixo o terceiro para os seus e o segundo na súa conta particular para manter ao cadro polense no máis alto, 0-3.

Lourenzá 2-3 Milagrosa: comezou o choque cun claro penalti por man a prol dos laurentinos, que se adiantaron. A Milagrosa empatou nun rexeite aproveitado por Joel e, na recta final do primeiro tempo, os locais aproveitaron un centro lateral para volver adiantarse, neste caso logo dun tanto en propia meta, 2-1. No segundo tempo os capitalinos deron un paso adiante e conseguiron empatar de novo en outro balón solto na área logo dunha disputa entre Joel e Clemente. Xa nos últimos intres, Michael recolleu un balón na frontal da área para envialo ao fondo das mallas e dar tres puntos de ouro aos seus ante un cadro local aínda afectado polas baixas e moi enfadado coa actuación arbitral.

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 7

O PM Friol B abandona os postos

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *