Semana de duelos directos para os Máxicos da Primeira, que se salda cun líder consolidado e moita igualdade na zona medio-baixa.
O derbi entre Foz e Xove sáldase con victoria local (1-0). Logo dun partido trabado, propio dun derbi, no que as disputas e a igualdade foron a tónica dominante, o Foz sacou rédito dun balón parado botado no segundo tempo e que se traduciu no único tanto do choque logo de superar o balón a saída do gardamallas visitante. Manolito erraría despois un penalti, e o Xove achegouse na recta final, pero o marcador non se moveu, 1-0 no Martínez Otero.
O Pol vence pero non convence ante a SD Chantada (2-0). Foi mellor o cadro chantadino ao longo do primeiro tempo, e de feito gozou de opcións suficientes para adiantarse ante un Pol que tan só xerou perigo a balón parado. Xa na segunda metade, o Pol deu un paso adiante e amosou a súa condición de líder intratable: Omar rematou de xeito espectacular un centro lateral e puxo o 1-0 no primeiro disparo a portería dos locais, xa no 60′, e outra xogada similar tivo idéntico desenlace co mesmo protagonista, 2-0. A SD Chantada pelexou ata o final, pero a falta de acerto en ambas áreas condenou ao equipo dirixido por Traste.
Duelo de urxencias no que o Riotorto superou á Milagrosa (1-3). A primeira parte estivo dominada polos locais, agresivos e intensos con balón, e que se adiantaron por medio de Anxo logo dun erro da defensa visitante. Porén, tras o descanso, o Riotorto saiu renovado e conseguiu dous goles case de xeito consecutivo para remontar a contenda, un por medio de Carreira e outro de Adrián Román, 1-2. Coedo sentenciou á saída dun córner e desatou a tolemia para o Riotorto, 1-3 en Frigsa.


O Lourenzá sucumbe ante o Monterroso nos once metros (0-1). Un solitario tanto de Lorenzo nun penalti antes do descanso puxo o 0-1 a prol dun Monterroso que estivo mellor nos primeiros 45′. Xa na segunda metade, o Lourenzá pechou ao cadro visitante no seu campo por medio de balóns directos e accións a balón parada, pero a zaga de Cerdeiriños mostrouse moi solvente e os puntos marcharon cara A Ulloa logo de noventa intensos minutos.
Guntín e Guitiriz asinan un perigoso empate (2-2). Un punto que non satisface a ningún dos contendentes logo dun duelo vistoso no Ladairo. Os locais golpearon primeiro cun remate de Debasa a centro de Mateo que supuxo o 1-0, pero unha boa acción ofensiva do Guitiriz puxo o 1-1 no electrónico. Pouco despois, unha conducción de Xoel traduciuse nun penalti que el mesmo transformou, 2-1. Xa no segundo tempo, o Guntín tivo presencia en área rival, pero o Guitiriz tamén deu un paso adiante, froito do cal conseguirían o empate cun bo remate cruzado de Javi logo dun centro lateral.
Táboas entre os «Atléticos» para ledicia do Pol (1-1). Foi dominador do coiro o cadro local, o Chantada Atlético, aínda que golpearon primeiro os visitantes, o Atlético Escairón, cun lanzamento de falta directa de Denis no que non estivo atinado Ivi. Os chantadinos continuaron apretando aos seus rivais no segundo tempo e, logo dun centro-chut de Porto, conseguiron un merecido empate que deixa aos dous equipos insatisfeitos nun duelo no que os do Sangoñedo puideron merecer máis.

O Taboada supera ao Portomarín no Chao da Poza (2-4). A intensidade visitante permitiu ao Taboada sacar tres puntos do feudo do Portomarín. Comezaban mandando os da Medela, logo dun saque rápido nunha falta, pero os locais empataron desde os once metros. Xa no segundo tempo, o Taboada deu un paso adiante e asinou dous goles máis (un deles de penalti) para poñer costa arriba o choque a uns miñotos que non se renderon, anotaron o 2-3 e tiveron varias ocasións para empatar, pero Mosky sentenciou na recta final co 2-4 definitivo.

O Outeiro gaña a un Santaballés moi competitivo (1-0). Pese ao resultado, o conxunto chairego foi o dominador ao longo de toda a primeira metade, con ocasións claras que non concretou. O Outeiro aproveitou a falta de contudencia rival para poñer o 1-0 pouco despois da reanudación, nunha boa combinación culminada por Borja. Co gol o partido se abriu e ambos equipos puideron anotar, pero finalmente os tres puntos quedaron na casa.
Xusta victoria do Burela ante o Meira (3-0). Un Meira mermado polas baixas sucumbiu nos primeiros minutos ao ritmo imposto polo Burela, que anotou dúas ocasións en dez minutos para encarrilar o choque, 2-0 no minuto 11′. Os visitantes melloraron e conseguiron estirarse na segunda metade, pero non foi suficiente para igualar a un cadro local que sentenciou o choque cun penalti transformado por Diego Chao, autor de tres goles na tarde do sábado na Marosa.
