Palabra de… Martiño Suárez: «Arbitrucho»

Teño por certo que os campos de fútbol modesto son hoxe un lugar moito máis amable do que eran nos oitenta e nos primeiros noventa. Si, segue habendo moito animal solto (dos de dúas patas e chupito no bandullo, digo) e de vez en cando vívense situacións desagradables, pero eu recordo que naquela altura había para min un personaxe incomprensible, un heroe indescifrable que superaba todas as probas de resistencia á humillación concibibles: o árbitro.

Acórdame ser un neno de dez ou doce anos e acudir aos campos da Mariña aínda con máis ganas de escoitar as creacións lingüísticas do respetable que de ver os partidos. Lembro dar voltas co meu primo arredor do Campo do Árbol, do Municipal de Alfoz, de Cantarrana, do Martínez Otero ou, por suposto, da Marosa marabillado por aqueles vates do insulto, personaxes quizá serios e taciturnos no día a día pero que os domingos despois de comer (e de beber) se transformaban en furiosos troveiros. A súa musa era habitualmente o colexiado, un tipo que me parecía de nervios de aceiro e tímpano de ferro.

Imos pór agora unha advertencia por diante: se ten vostede menos de doce anos; se se ofende con facilidade coa linguaxe pouco aseada ou o seu deus é deses que non aguantan un improperio; ou se é avogado cristián, non siga adiante lendo estas liñas. Nelas contéñense algunhas expresións que poderían ferir a súa sensibilidade.

Ás veces, o insulto reducíase a un urro terrible, do tipo «arbitrucho», alongando moito o «u». En moitas ocasións a mala opinión do público era independente de como se arbitrase: do estadio de Foz contábase a maldade de que, segundo o colexiado pitaba o inicio do partido, os seareiros locais berraban: «Xa empezamos!». A esta protesta seguía, naturalmente, o clásico ouveo de «burro», alongando tamén moito o «u». Alongar o «u»: velaquí, pensaba eu na miña inocencia infantil, unha das claves do insulto ben realizado.

Os máis habituais, os homófobos, os sexistas, os dedicados á mai do de negro vounos obviar porque pouco imaxinativos e sebosos. Pero algúns… Eu sabía perfectamente que insultar e meter medo a alguén estaba mal, pero quen podía resistirse a aquel «árbitro, malcomedor», que domingo tras domingo escoitaban os que asubiaban ao Burela? Ou ignorar a creatividade gore dun tipo ao que escoitei ameazar ao linier con «arrancarlle as coradas»?

Negarei ter dito isto diante do meu fillo pequeno, pero os palabróns son só iso, palabras grosas que quizá convén evitar nalgún contexto pero que nin fan sangue nin condenan a ninguén a purgatorio. Nun idioma tan fabuloso coma o galego son, ademais, unha creación cultural grandiosa, precisa, preciosa.

Pero, por favor, déixenos fóra dos campos.

Martiño Suárez (Burela, 1978). Xornalista, escritor por encarga e músico de Segunda División B. Autor do «Bestiario do Vestiario» e do «Bestiario do Vestiario. Segundo tempo».

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza
Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez

Un enfermo do fútbol lucense. Adestrador Nivel-3 UEFA PRO

Artículos: 858

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.