Que foi de . . . Burunda: toda unha vida adicada ao fútbol

“Eu nunca fun de darlle patadón pra arriba”. Con esta frase queda definido o estilo de Burunda, un dos emblemas do fútbol mariñán e lucense da segunda metade dos oitenta e primeiros dos noventa. Centrocampista de moita clase, Miguel Ángel Burundarena Fraga (Foz, 1964) foi un talento surxido da canteira do C.D. Foz que fixo carreira no equipo do seu pobo e sobre todo no veciño de Burela, onde a piques estivo de acadalo ascenso á división de bronce no xa mítico encontro ante o filial do Valladolid.

Logo dunha retirada prematura dos terreos de xogo por mor dunha lesión, cumpre vintecinco anos adicados á súa gran paixón: o fútbol base. Actualmente adestra ao equipo cadete do Foz.

Falamos con Burunda acerca da súa traxectoria como xogador e adestrador, pero sobre todo do que máis nos gusta, de fútbol.

Burunda, preto de vintecinco anos na base do Foz. Foto: LVG

FUTBOLINLUGO: Comecemos polo final, a que se adica agora Burunda?

BURUNDA: Son adestrador do equipo cadete do C.D. Foz. Fai case vintecinco anos que comecei nas escolas deportivas Santiago de Foz como monitor e salvo un moi pequeno periodo, adiqueime á base que é o que realmente me gusta. Sempre no Foz, salvo unha temporada no xuvenil do Lourenzá e outra no Burela da liga galega xuvenil.

FIL: Nunca tiveche tentado a adestrar algún equipo sénior?

B: Non, soamente tiven unha breve experiencia no primeiro equipo do Foz, xunto a Rego Rei, pero non foi demasiado positiva. A temporada rematara en descenso e non me quedaron moitas ganas de seguir. Síntome moi cómodo adestrando aos infantiles, cadetes ou xuvenís, que son as categorías coas que normalmente traballo.

“O partido do Burela ante o Valladolid B foi o máis concurrido da historia do fútbol mariñán”

FIL: Como lembras os teus comezos como xogador?

B: Non tiveron nada que ver cos que teñen agora os chavales. Era un fútbol de rúa, pasábamos o tempo xogando ata que un día achegouse un señor que nos dixo que ía montar un equipo de infantiles. Xa coa pandilla de amigos, sendo moi nenos soiamos ir ao Martínez Otero velo equipo sénior, e desde o 1974 xa formei parte do clube.

FIL: Cambiou moito o C.D. Foz como clube desde aquela época?

B: Xa era un equipo importante na Mariña no aspecto deportivo, pero moi precario no relativo a instalacións, carecíamos da maior parte de cousas, ata de auga quente, recordo que case sempre as duchas eran con auga fría. Co paso do tempo, mellorouse moito, ata chegar á actualidade, que creo que contamos cunhas moi boas instalacións.

FIL: Debutache no primeiro equipo prácticamente sendo un cadete.

B:  Si, pasei de infantiles a xuvenís e xa con quince anos debutei en Preferente co Foz, sendo un dos máis novos en facelo, e a partir de ahí prácticamente non saín das alineacións. Xoguei varias temporadas ata que un desencontro coa directiva daquela época fixo que deixara o clube.

FIL: E chegou a que posiblemente fose a túa mellor etapa como xogador, a da S.D. Burela.

B: Foi unha época moi boa. O primeiro ano logramos o ascenso a Terceira, e dous anos despois xogamos a histórica promoción a Segunda B, co recordado partido ante o Valladolid B. Un dos máis concurridos da historia do fútbol mariñán.

“Cheguei a ter o bolígrafo na man para asinar co Avilés e xogar en Segunda B”

FIL: Como viviche aquel partido ante o filial do Valladolid? Tan só un gol vos separou do ascenso.

B: Naqueles anos foi algo histórico, aínda hoxe o sería. Faltounos soamente un gol, xa que necesitábamos gañar e rematamos empatando a dous co Valladolid. Lembro ir con Pedro Tapia no coche e chegar á Marosa máis de dúas horas antes do comezo do partido e xa case estaba a grada chea de xente. Saír ao campo e ver aquel ambiente foi algo inolvidable.

FIL: Seguro que naquel momento oportunidades de saír xogar fóra da Mariña non che faltaron.

B: Algunha houbo. A que máis preto estivo foi a do Avilés, que daquela era un conxunto punteiro na Segunda B. Era un equipo que nos seguía moito, porque José López, o noso adestrador no Burela, estivera no Avilés. Practicamente tiña o bolígrafo na man para asinalo contrato, pero nese momento chegou unha oferta laboral da Alúmina (hoxe Alcoa) e deixei o fútbol nun segundo plano. Non me arrepinto, porque aínda agora sigo alí.

Sendo máis rapaz seguírame o Celta, Deportivo e Lugo, e incluso con quince anos, un intermediario que tiña o Barcelona en Coruña queríame levar probar. Reuníramonos con él no Hotel Finisterre e xa tiña billete e todo preparado para marchar, pero enfermei e pasóuseme a oportunidade.

“Deixalo fútbol por lesión antes dos trinta anos foi un golpe duro”

FIL: Non dar o último paso para fichar por un equipo dunha categoría superior, foi sempre por un motivo laboral?

B: Pódese considerar o factor máis importante. Mentras xoguei sempre traballei, primeiro en Pescados Rubén, empresa hoxe moi vinculada ao fútbol sala, e logo en Alcoa. Moitas épocas saía de traballar pasadas as oito e ir adestrar…era un tute…pero é o que me gustaba. Pensaba en aproveitar algunha oportunidade, pero o deixar o traballo, a familia e os amigos pesou máis e sempre xoguei na Mariña.

FIL: Tiveche que retirarte antes de cumprilos trinta anos por culpa das lesións.

B: Foi un golpe duro. A miña vida é o fútbol, sempre o foi. A última temporada xoguei no Mindoniense. Fichárame o presidente Julio Rey, que confiou moito en min, malia a chegar xa algo tocado do Burela. Estaba Gayol de adestrador. Non puiden rendir alí como me gustaría e tiven que deixalo. Fun a moitos especialistas e todos coincidiron en que tiña que deixalo por unha tendinite na inserción do abductor. Aínda actualmente se xogo cos veteráns me doe bastante.

FIL: Nos anos noventa viviuse o máximo esplendor do fútbol mariñán con moitos equipos en Terceira (Viveiro, Burela, Xove Lago, Mindoniense, Ribadeo), e varios pelexando incluso polo ascenso a Segunda B. Que crees que cambiou para que hoxe ningún xogue en categoría nacional?

B: Era unha época dun nivel impresionante na Terceira. Xa sin saír da Mariña había grandes equipos. O Mindoniense contaba con moitos xogadores saídos do Foz e con Lemos, que logo xogaría en Segunda B no Endesa As Pontes, o Viveiro sempre tiña moi boa plantilla, ao igual que o Xove Lago e nós no Burela xa non che conto. Era un plantel para manternos sen problema nunha categoría superior.

A clave é que o poder adquisitivo baixou moito, daquela o Burela tiña un presuposto moi alto e viña a maior parte de xogadores de fóra. O de máis preto era eu. A xente tamén deixou de ir aos campos. Antes nun derbi sacabas un diñeiro de entradas e hoxe non porque pouca máis xente vai que os socios. Ogallá volveran eses tempos! Logo pagáronse os excesos e a maior parte dos equipos remataron na ruína.

“O actual C.D. Foz é un grupo moi unido e iso valórao moito a afección”

FIL: Cando iso ocorre os equipos volven a mirar para a casa e recurren aos xogadores da base.

B: Certo. Esa é unha das claves. Por exemplo o Foz prestoulle sempre moita atención á base e dalle a oportunidade aos rapaces no primeiro equipo sen dudalo. O Viveiro, que ten unha canteira moi boa ten que tirar máis dela, porque leva anos tendo moi bos equipos en liga galega xuvenil e logo miras o equipo na Preferente e ves un ou dous da casa, aínda que este ano está a darlles máis oportunidades e xa ves o ben que lles vai.

FIL: Como ves ao C.D. Foz nesta temporada en Preferente?

B: Non comezou ben, tivo un proceso de adaptación á categoría, pero nas últimas xornadas notouse moita melloría. Son un grupo moi unido, tanto dentro como fóra do campo, xa que, a maior parte son do pobo. Eso é moi importante xa que, a afección, que está a respostar moi ben gracias ao gran traballo da directiva, ve que é un equipo que se esforza e traballa. Houbo unha época que se apostou pola xente de fóra e para o afeccionado focense foi unha decepción e voltouse a apostar polos xogadores da base.

FIL: O teu fillo, actualmente nas filas do Foz pode incluso superar a túa carreira no fútbol, que agardas de Asier?

B: Ten unhas grandes condicións, pero está a pasarlle o que lle pasou ao pai. Ten moito arraigo ao pobo e aos amigos, pero eu confío que se lle sae algunha oportunidade que a aproveite. Estivo nas categorías inferiores do Lugo e eu confiaba en que seguise, pero quixo voltar a Foz e está a facelo ben. É moito do seu pobo, e ten que chegarlle unha moi boa oferta para que se plantexe aceptala.

BURUNDA EN CURTO . . .

Un adestrador: o da miña época na S.D Burela en Terceira, José López.

Un gol: un que marquei en Meirás, xa que acababa de nacer a miña filla e adiqueillo a ela.

Un partido: sen dúbida o que xogamos co Burela na Marosa ante o Valladolid B, que puido valer un ascenso a Segunda B. Tamén foi de gran recordo o partido que nos valeu o ascenso a Terceira uns anos antes, nunha promoción ante o Tomiño, gañándolles 0-2 no seu campo.

Un compañeiro: prefiro non decilo, porque tiven moitos e moi bos.

Un compañeiro que debera chegar a unha categoría superior e non o fixo: Buyo chegou a xogar no Racing de Ferrol e Chicho no Lugo. Logo a min gustábame moito Fra, que estivo no Burela, era un mediocentro con moita calidade. De Foz

– O mellor xogador ao que te enfrontache: Amavisca, que estaba o filial do Valladolid.

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 405

Deja un comentario