O mediocentro Marcos González converteuse nunha das fichaxes da tempada, ao incorporarse a un Pol lanzado a polo ascenso. O centrocampista lugués xa debutou a semana pasada ante o Guntín. E quixemos entrevistalo en profundidade nos micrófonos de Radio Lugo Cadena Ser. O noso redactor Diego Díaz e o presentador do Ser Deportivos Álex Gato; foron os mestres de cerimonias.
Pódese escoitar a nosa participación íntegra aquí (ademais, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana no fútbol feminino, a Terceira RFEF e a Preferente como cada xoves).
No tocante á entrevista, Marcos non se mordeu a lingua nas diferentes preguntas realizadas e afondou nas mesmas, o cal sempre é de agradecer. Facemos un resumo escrito dos principais temas falados nas ondas.
O debut. «Pensaba en xogar menos. Complicouse o partido, a xente estaba cargada e decidimos que entrase no descanso. Cómodo, a verdade».


A gran xeira do Pol. «Algún día perderemos. Xa encaixamos e vai haber derrotas, isto é moi longo».
Presión polo ascenso? «O obxectivo é claro e non se esconde: ascender. Hai que ir partido a partido quitando puntos e xornadas».

Ofertas. «No verán faloume a Sarriana para renovar pero eran moitos días e estaba co tema das oposicións. Quería estar a todo e non estaba a nada. Despois non había fichas e non me ofreceron nada. Faláronme a Residencia e o Castro pero Omar e Fernando foron moi pesados para que fose para Pol».

Un regreso rexeitado. «Despois de fichar chamoume a Sarriana, que se liberará unha ficha. Pero non había volta atrás».
Permanencia da Sarriana. «Eu creo que teñen argumentos para salvarse. Xogadores con experiencia en Terceira e están supercontentos co adestrador, dinme que é supertraballador».