Marcos Viveiro

Marcos González agarda unha vitoria na 1ª xornada para unha “adapatación 100%” no Viveiro

O futbolista lucense pasou polo SER Deportivos Lugo na sección 'O protagonista da xornada'

Esta fin de semana comeza a temporada na 3ª RFEF con tres representantes lucenses. O inicio ligueiro do Viveiro, o Racing Villalbés e o Polvorín estrean a sección desta campaña no SER Deportivos Lugo de Radio Lugo Ser por parte de Futbolinlugo, ‘O protagonista da xornada’. Cada martes, un protagonista do fútbol masculino lucense pasará polo programa.

A presentadora do programa, Sara Meijide, e o redactor de Futbolinlugo Iván Calaza conversaron este martes co xogador do Viveiro, Marcos González. O centrocampista inicia un novo ciclo na súa carreira deportiva logo de doce anos na estrutura do CD Lugo. “En pretempora estivemos xogando contra o Polvorín e cando fixemos o primeiro saúdo pensei, a ver se os confundo (risas)”, comentou Marcos.

Pódese escoitar o audio da entrevista no SER Deportivo Lugo no seguinte enlace: Entrevista Marcos González (07-09-2021).

A maioría dos compañeiros xa os coñecía. Xa me dixeron que o grupo era de dez. Só falta que a primeira xornada gañemos para que a adaptación sexa 100%”, afirma o centrocampista sobre a súa chegada ao vestiario celeste. “No adestramento Xaime dá algo a vara pero apréndese moito con eles”, asegura entre risas.

A tradicional Terceira Galega cambia este ano por mor da reestruturación no fútbol semiprofesional español. A categoría pasa a ser agora a quinta división do balompé estatal. O grupo de Galicia está conformado por 17 equipos, polo que un deles descansará cada xornada. Algo que lle acontecerá ao Polvorín esta fin de semana.

O Viveiro e o Racing debutan a domicilio. O cadro vilalbés visita ao Fabril e o viveirense ao Choco. “Sabemos ao que nos temos que adaptar. É un equipo ao que lle gusta ter o balón, temos que pecharnos atrás e buscar oportunidades. O Choco é un dos candidatos a loitar por ese ascenso”, salienta Marcos.

O novo centrocampista do Viveiro ten claro que o obxectivo “é a permanencia”. E puxo un dato en riba da mesa: “dentro de dous anos é o centenario do club e a ver se podemos facer que chegue sendo equipo de 3ª”.

Adeus do CD Lugo:

Marcos González falou tamén da súa saída da estrutura do CD Lugo. “No Polvorín xa tiña pensado que ía ser o último ano porque a maioría dos xogadores cos que tiña máis relación xa marchaban”.

A aposta por quedar na provincia provocaba que tivese só dous destinos posibles. “As opcións eran Viveiro ou Villalbés. Decanteime pola primeira ao ser os que máis cedo me chamaron e por ter alí a amigos cos que xa cogara como Manu Cedrón ou Pablo Rey”, concluíu.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario