#Sin categoría

Oki para o ascenso

  • Oki asinou un dobrete no triunfo do Folgueiro, que volve ao primeiro posto dezaoito xornadas despois
  • O Sober volve igualar a zona de descenso directo na zona sur
  • O mércores 29, os clubs da Segunda e da Terceira Futgal están chamados a unha reunión en Lugo para estudar o futuro de ambas competicións nas vindeiras temporadas

Se na anterior xornada non houbo vitorias na parte alta da zona norte, a 27ª da Segunda Futgal tampouco tivo triunfos na cabeza da clasificación da zona sur. O empate do Becerreá (1-1 en Santa Comba) e a derrota do Lemos B (2-0 en Sober) deixan todo practicamente igual, sobre todo, tendo en conta, que o venres 1 de maio se xoga o partido aprazado entre ambos os dous conxuntos. O Becerreá ten dous puntos máis.

No norte si houbo cambio de líder. O Folgueiro está preparado para o ascenso e non desaproveitou a segunda oportunidade de colocarse novamente na primeira posición ao non gañar o Guitiriz. O club xa non sairá da Mariña no que queda de tempada: Candelaria (fóra), Pastoricense (na casa) e Sanci (fóra) serán os últimos tres rivais.

Dende a xornada 9, o Folgueiro non estaba na cabeza da clasificación. Con todo, sempre estivo preto dela e o partido aprazado co Meira, impediu tamén situarse no primeiro posto nalgunha outra ocasión. Foi líder sete xornadas nas primeiras dez de competición. Agora recupera a posición a falta de tres partidos para o final. Gañou ao Matela (4-0) con dobrete do xovense Óscar Pérez ‘Oki’ e queda cun punto de marxe sobre o Guitiriz, que igualou coa Candelaria (2-2).

O Riotorto logrou a 15ª vitoria da tempada (2-0 ao Pastoricense) e queda a tres puntos da praza de promoción de ascenso. Iso si, o club guitiricense ten o gol average ao seu favor. Máis lonxe, a 5 puntos, se sitúa o Alfoz que derrotou ao Sanci (2-0).

Na zona baixa, a terceira vitoria seguida do Casás (5-3 con remontada ante o Goiriz) deixa ao equipo lucense moi preto de permanencia, sen estar pendente dos arrastres. Conta con cinco de marxe sobre o Sporting Pontenova, que coa actual zona de descenso da Primeira Futgal, si descendería por arrastre.

Coma sempre, hai que ter en conta que se o equipo que xogue a promoción de ascenso sobe de categoría, unha praza de arrastre tamén se eliminaría. Ese equipo deixaríalle o sitio a un dos que descenda, sen necesidade de provocar que se mova ningún terceiro.

A maiores todo isto é seguindo o formato de competición da última temporada. Un formato que tamén ben recollido na circular deste curso, pero que deixa a porta aberta a unha posible reestruturación das últimas división do fútbol afeccionado. Ese documento contempla a posibilidade de que ao final de temporada os clubs se agrupen nunha Segunda Futgal.

Este tema que comentamos será o asunto principal dunha reunión que o mércores 29 de abril os clubs teñen que o delegación de Lugo da Real Federación Galega de Fútbol. Cita que terá lugar co posible descenso en xogo para varios equipos e coa última eliminatoria polo ascenso á Segunda Futgal en marcha.

O Castroverde volveu saír dos postos de descenso directo ao derrotar ao Meira (3-2) e aproveitar a derrota do Matela. As opcións de salvación do Castroverde pasan por quedar antepenúltimo, que só haxa un arrastre dende a Primeira para a zona norte e que o equipo que xogue o play off do norte suba.

No sur, xa se sabe que as dúas primeiras prazas van estar para o Becerreá e o Lemos B. Deste xeito, a parte da clasificación que implica a máis equipos é a loita polo descenso. Esta semana o arrastre só sería para o 14º (O Páramo), pero evidentemente o 13º (San Lázaro) non pode estar tranquilo.

A falta de que sexa puramente matemático, o trío dos 38 puntos, Antas, Sarriana B e Ferreira, están salvados. O trío dos 36, Friol, Portomarín e Palas, tamén está moi preto de conseguir ese obxectivo. De non ser pola igualdade deste ano, xa o estarían.

Na 11ª posición, o Chantada B ten 33 puntos. Logrou unha importante vitoria ante o Ferreira (1-0) como antesala da festa do primeiro equipo. Séguelle o Paradela (12º con 32 puntos), que viu como o Antas lle remontou un partido que gañaba 1-3 ao descanso.

Logo aparece o San Lázaro (13º con 30 puntos), que igualou na Reigosa co Friol. Suma 21 puntos na segunda volta. Na 14ª posición sitúase O Páramo, que perdeu no duelo de proximidade coa Sarriana B (3-1). Queda cunha marxe de dous puntos con respecto ao descenso directo.

O triunfo do Sober (2-0) no derbi co Lemos B, que gañara todo na segunda volta, dálle ás ao cadro soberés (27 puntos). A priori, o Monterroso B, que encaixou unha nova derrota co San Roque (3-0), está máis descolgado, a seis puntos do antepenúltimo. Con todo, ten un partido pendente co Ferreira no que podería recurtar distancias.

O Paradela – Sober desta finde e o Sober – San Lázaro da penúltima xornada serán encontros chave.


En #ONoso11AChaira express coñecemos os 22 futbolistas destacados da pasada xornada.

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Folgueiro e Becerreá

Promoción de ascenso: Guitiriz e Lemos B

Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo dun en cada grupo): Sp. Pontenova, Castroverde e O Páramo

Descenso directo: Matela, San Ciprián, Sober e Monterroso B

Partidos pendentes de xogar:

  • Becerreá – Lemos B (01/05)
  • Monterroso B – Ferreira (01/05)

Oki para o ascenso

Oki para o ascenso