Lourido (Meira CF): “Era o momento de vir para o Meira”

Dende o século pasado no mesmo equipo. Cada semana subindo o Marco de Álvare dirección A Veiga. Correndo a banda e liderando un vestiario. Xosé Xesús Lourido Fernández ‘Lourido’ (Meira, 08-05-1978) puxo fin neste verán a unha etapa de 21 temporadas no CF Riotorto. Un ascenso frustrado, dúas Copas que se escaparon no último partido, un descenso, as lesións,…; pero un feixe de vivencias compartidas. Non obstante, a decisión non é froito da incerteza da nova normalidade. É un proceso meditado. Con 42 anos o Lourido aínda lle quedaba un soño futbolístico. Aquel pícaro que xa pisaba a Lomba no 79 segue coa mesma ilusión. Mentres agardamos con velo coa camisola celeste do equipo do seu pobo, conversamos con el.

Futbolinlugo: Cal é a razón principal de fichar no Meira FC?

Lourido: Un dos motivos máis importantes era estar no equipo do meu pobo. Era unha cousa que tiña planificada xa dende hai tempo. O motivo é ese. Quedarase nunha ou dúas temporadas. Todo máis. Dependendo do bo ambiente que creemos.

Fil: Houbo opcións noutros anos de fichar polo Meira?

L: Houbo outros anos. Pero por motivos laborais e deportivos decidín seguir quedando en Riotorto. E aínda que este ano foi así un final diferente da temporada, era o momento de vir para o Meira.

Fil: Tivo Labrada algo de culpa na túa fichaxe?

L: Labrada sempre ten algo de culpa nestas cousas. É moi insistente á hora de fichar. Xa o coñecía, sei como traballa, sei que vou levar algún berro (risas); é unha relación de amor – odio. Pero empre con respecto.

Fil: Que é o que máis che gusta de Labrada como adestrador?

L: É un bo compañeiro. Fai que o grupo estea unido. Ademais no tema deportivo adoita ser xusto. Pon ao xogador que o merece.

“Non merezo nada máis ca o respecto dos compañeiros”

Lourido estivo 21 temporadas formando parte do Riotorto

Fil: Dicías que a túa incorporación polo Meira chega no momento xusto. Pensas que dende fóra pode verse como tardía?

L: Ao mellor para a xente dende fóra poda que si que chegue tarde. En Riotorto estiven practicamente toda a vida. Gustaríame despedir esta temapda no campo. Non puido ser así. Quédame un sabor agridoce. Aínda que polo menos o último partido foi bonito con vitoria ante o Pol.

Fil: Con que te quedas de todo a túa traxectoria no Riotorto?

L: Nos anos que estiven alí porteime e din todo o que puiden por eles. Non merezo nada máis ca o respecto dos compañeiros que é co que me quedo. É un lugar difícil para xuntar xente. A pesar de que non hai canteira, sempre se formou un grupo competitivo. Ata o ano que descendemos tamén o había. Destaco sobre todo o bo ambiente.

Fil: Nun equipo que cambiou tanto de xogadores, tiveches tamén ese papel de líder e despois de capitán…

L: Sempre fun de intentar unir e facer equipo. Á marxe xa de que nos últimos anos fose o capitán, sempre me gustou un grupo de xente unida. Relamente iso é o importante. O fútbol pasa a un segundo plano.

Fil: Quedouche algunha espiña cravada?

L: As dúas finais perdidas da Copa. Unha en Alfoz contra o Outeiro e outra en Guitiriz contra o Parga. Que foi cando me lesionei. Do resto quizais tamén do ascenso frustrado a Preferente. Eu probaría un ano. Pero podo chegar a entender que non se quixera arriscar. No seu momento era difícil de dar o paso.

“Cos futbolistas que hai pódese estar na zona alta”

Lourido chega a un Meira no que renovan a maioría dos futbolistas e chegan Alberte Lage, Neira, Peke, Iván Pérez, Kevin Pierre e Miguel

Fil: Como vés o futuro inmediato das competicións no noso fútbol?

L: Agora mesmo non o vexo moi factible a curto prazo. A xente pensa en setembro ou outubro. Imaxínome que chegaremos a xogar en xaneiro se hai moita sorte. Pero isto xa non depende dos xogadores. É un asunto da administración e da Federación. Nós temos que ser responsables e intentar facer as cousas o mellor posible.

Fil: Os equipos seguen planificando as súas estruturas para cando todo isto poda volver en si. Un dos que semella que presenta proxecto serio na Segunda Rexional é o Meira. Cal é a túa percepción?

L: O proxecto do Meira encántame. Vexo un cadro de xogadores moi competitivo. Pero eu xa xoguei en Segunda e agora hai opción de que se reduza polo que vai estar moi difícil o tema de pensar en ascensos só polo nome. Vai haber que loitar moito. Pero cos futbolistas que hai pódese estar na zona alta . Eu espero aportar o que poda. Experiencia e traballo non van faltar.

Lourido xa pisou a Lomba o 14 de xuño do 1979 para facelo saque de honra nun Meira – Pol. Acompañado por Lolo, Pepe de Quiroga e o árbitro Raúl. Foto: recorte de El Progreso

Fil: O que si, pase o que pase, Lourido seguirá de curto algún tempo máis…

L: Tamén dependerá do que se estenda isto no tempo. Pero fisicamente atópome ben. Quero desputar unha tempada ou dúas máis no equipo do meu pobo. Cando comecei a xogar o fútbol non había equipo aquí e marchei para Vilalba. Dende o Racing Vilalbés saín para o Riotorto e uninme moito alí. Era agora ou non poder facelo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario