O campo da Lomba, en Meira, é un dos máis estéticos da provincia de Lugo. O seu anfitrión, o Meira, é un dos rivais que todos os equipos temen. E non é un medo infundado. Futbolistas con maior ou menor calidade pero que sempre deixan a pel no terreo de xogo, unha afección que presiona ata ao xogador máis seguro de si mesmo, etc.

Este ano non serán menos. O clube da Terra Chá vén de asinar a un novo adestrador logo da marcha de José Ramón López Pena, e o escollido non é outro que Ramón Labrada Cedrón, máis coñecido na comarca polo seu primeiro apelido, Labrada.

Tras un ano de parón, o ex-adestrador do Riotorto CF chega á Lomba para tratar de levar ao clube chairego á Primeira Autonómica. A empresa, porén, non será fácil, xa que se agarda unha Segunda Galicia de moito nivel, onde moitos equipos pelexarán polo ascenso de categoría.

Hoxe falamos con Ramón Labrada para saber máis do proxecto que comeza este verán en Meira!

Futbolinlugo: Tras un ano parado, que che leva a fichar polo Meira?

Ramón Labrada: Ás veces é necesario para parar poder seguir. Logo de 11 temporadas adestrando necesitaba parar.
Este ano volvía ter a forza e a ilusión necesarias para facelo. E para elo tamén axudou o interese mostrado polo Meira para que volvera.

FIL: Sodes un dos equipos que mellor se está reforzando…

RL: A Segunda foi unha categoría moi igualada o último ano. Mantemos practicamente a totalidade do plantel do ano pasado e tentaremos facela máis competitiva se cabe coas incorporacións.
A idea é continuar co bo traballo feito nestes anos aportando o noso gran de area para que o club poida seguir medrando en tódolos sentidos.

FIL: Contarás con vellos coñecidos entre os xogadores. Será ese un factor a favor á hora de conseguir obxectivos?

RL: Moitos deles xa os adestrei en etapas anteriores e o resto coñezoos Ben. Intentaremos que eso sexa unha ventaxa á hora de traballar.

FIL:  Como cres que se están reforzando os vosos rivais?

RL: Polo de agora non houbo grandes movementos, estiven centrado na configuracion do noso plantel. Xa chegará o momento de analizar os rivais.

FIL: Que é o que máis te preocupa do fútbol post-covid?

RL: Como a todos a saúde… esperemos, que a situación se normalice no posible canto antes tanto no fútbol como na vida diaria. E o balón poida empezar a rodar canto antes!

FIL: Xa sabes o que adestrar en distintas categorías, pero aspiras a chegar alto?

RL: Aspiro a desfrutar adestrando con ilusión na categoria que sexa e espero que sexa no Meira durante moitos anos!

Agradecemos a Labrada e ao Meira a súa boa disposición!!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*