Julio Corral: “A próxima campaña adestrarei á Sarriana”

Os mentideiros futbolísticos situaban a Julio Corral lonxe de Ferreira. En Sarria concretamente. Así que fumos a falar co protagonista principal. E, efectivamente, confirmounos o que xa comezaba a ser un segredo a voces.

-FUTBOLINLUGO: Boas Julio. Antes de nada, toca felicitarte por esa gran temporada!

-JULIO CORRAL: Ao principio existía incertidume. O plantel era o do ano anterior que pelexara por non descender. Logo chegaron unha serie de retoques. Ascendimos, así que o resultado final é positivo. Sempre que se logra un ascenso hai algo positivo.

-FIL: A tempada foi boa. No entanto, parece que non continuarás en Ferreira…

-JC: Despois dun par de semanas de conversacións coa Sarriana, onde xa estiven en dúas etapas, decidín ir para alí. Levarei o primeiro equipo e a coordinación do fútbol base.

Na Sarriana levarei o primeiro equipo e a coordinación do fútbol base

-FIL: Cales serán as liñas mestras deste novo proxecto da Sarriana?

-JC: Potenciar o fútbol base sobre todo. E ter un equipo de Primeira Rexional competitivo. Non será o ascenso un obxectivo principal. A aposta principal é pola canteira. Iso sí, sen despistarse do primeiro equipo, que é a referencia sempre. Tratarémolo de ter o máis alto posible e se podemos aspirar ao ascenso, loitarémolo. Pero coa Primeira Rexional que vén… 

-FIL: Demasiado histórico na vindeira Primeira. E só poden ascender dous a Preferente…

-JC: Vai ser unha categoría supercompetitiva e algún quedará sen premio.

A aposta principal é pola canteira. E ter un equipo de Primeira competitivo

-FIL: Qué plantel vai armar Julio Corral para estar ao nivel que esixe a competición?

-JC: Estamos negociando coa xente de Sarria e reforzaremos o equipo con fichaxes onde non teñamos xogadores de Sarria ou da comarca. Levo tres días de conversacións con xogadores e podo adiantar que Diego Samos está renovado. Nunha semana saberanse máis nomes.

-FIL: Tes pensado ‘pescar’ nos veciños do Páramo?

-JC: En principio non o temos pensado. Dependendo do que conteste a xente de Sarria mirareos algunha fichaxe. Temos varios frentes abertos, pero aínda non rematou a competición e non queremos apurar á xente.

Diego Samos está renovado. Nunha semana saberemos máis nomes

-FIL: Por último, qué agardas desta terceira etapa na Ribela?

-JC: Ogallá esta terceira sexa coma as anteriores, nas que logramos o ascenso. Teño que agradecer ás directivas daquela época a confianza que depositaron en min. A ver se conseguimos os obxectivos nesta Terceira!

FIL: Grazas Míster. Moita sorte!

JC: Grazas. Un saúdo.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 753

Deja un comentario