Jorge Méndez: “Entendo as protestas no campo dentro dunha orde”

Dende hai un tempo, sempre que penso nos árbitros de fútbol, unhas palabras roldan a miña cabeza: “[…] Así a todo, non aspiramos a acadar a verdade absoluta nin pretendemos erradicar a crítica construtiva e respectuosa, non negamos a existencia do erro nin podemos prometer que non existirán máis. Ogallá fose posible conseguilo, mais somos persoas. E coma persoas nun terreo de xogo, temos a teima de que algún día se nos acepte coma outro deportista máis sobre o céspede, cos seus acertos e cos seus erros pero coa convicción social de que, coma o dianteiro que falla a porta baleira, cometemos un erro, non un acto delituoso consciente e dirixido para desgraza allea. […]”

Son as frases pronunciadas pola Peña de Árbitros 9,15 de Lugo sobre a súa visión do fútbol. Ao igual ca se “festexa” o ascenso este curso de equipos como o Viveiro. Igual tamén se debería celebrar que os colexiad@s da provincia suban de categoría. Neste ano tan diferente, tamén hai motivos. Un exemplo é Jorge Méndez López (Lugo, 22-02-1999) que se estreou este ano na Terceira Galega. Dous anos e medio en Preferente e unha carreira comezada de casualidade. Somozas – Fabril e Atios – Ribadumia son a súa carta de presentación na categoría. Esta finde toca visita ao Ara Solís.

Futbolinlugo: Como vai a semana? Como chegas coa túa preparación?

Jorge Méndez: Estou estudando en Santiago e adestro aquí. O luns chega a designación. Sabes que partido arbitras. O martes desígnanche aos compañeiros. A partitr de aí xa falas con eles para ir preparando o partido. Aproveitas para ver a dinámica dos equipos, como están na clasificación, os cartóns da última xornada, etc. Preparas todo de cara o domingo. O aspecto físico non vai en función do partido. Toda a semana temos adestramentos. Iso non cambia; haxa partido na finde ou non.

Fil: Cales son as sensacións desta primeira temporada na 3ª?

JM: É unha categoría nova. É dificil comparala con outras porque vimos dun parón moi longo. Coa pandemia cambiou todo. É como comezar de cero. Si que notei moito máis ritmo e que o xogo vai moito máis rápido. Cando che dá tempo para mirar por primeira vez o reloxo xa vas no minuto vinte e pico. E en Terceira temos o pinganillo para comunicarnos entre os compañieros. Axuda moito.

Fil: Entón, esquécese un de arbitrar?

JM: Non, pero non estás rodado na competición. Non tes a mesma seguridade para velo xogo e interpretalas xogadas. E fisicamente tampouco tes o hábito de correr durante un partido.

Fil: Como levastes o primeiro confinamento?

JM: Coincidiunos en plena preparación das fases de ascenso. Estabamos traballando para unha data concreta e ves que para todo. Seguimos adestrando e preparando os exames teóricos. Pero sen saber cando todo ía volver. Custa moito manter a concentración nesa situación.

“Sentín alivio ao saber que ascendía”

O Somozas 0-0 Fabril foi o primeiro encontro arbitrado por Jorge na 3ª. Foto: Pretemporada Viveiro – Racing Villalbés

Fil: Sentías presión por ascender?

JM: Ao coñecer a noticia si que sentín alivio. Durante a tempada temos varias probas e informes. Van facendo unha clasificación e sabes como vas. Estaba ben clasificado no momento do parón. Entón nas últimas probas ía con certa tensión. Tes que facelo ben para estar aí. Ademais tardamos tempo en sabelo, entón os nervios aumentan.

Fil: Como celebra un ascenso un árbitro?

JM: Este ano tamén foi raro. Habitualmente xuntámonos con todos os compañeiros e facemos unha cea. Desta volta a cea só foi cos máis achegados. A maneira de celebralo foi a través de chamadas. Agradecendo a todo o mundo que me axudou a chegar aquí.

Fil: Non vades a unha fonte?

JM: Non (risas)

Fil: Pódese facer algunha similitude entre o ascenso dun equipo e o dun árbitro?

JM: En Preferente temos informes de case todos os partidos. Non te podas relaxar. Imos tendo probas de cada pouco. Asi que por aí si que pode ser parecido aos equipos. Os erros páganse.

“Poderíase dicir que gañei o meu partido en Terceira”

Fil: O teu primeiro partido en 3ª rematou en empate. Ti gañaches o partido?

JM: Se entendemos gañar no sentido de que acabei con boas sensacións; podería ser. Cando entras nunha categoría nova sempre tes a dúbida de se te adaptarás rápido. Acabei contento coas sensacións.

Fil: Como leva o colectivo a situación da pandemia actualmente?

JM: Para os árbitros de Terceira non cambiou moito. Pero para o resto de compañeiros é difícil a situación que estamos vivindo. Algúns de Preferente van de árbitros asistentes á Terceira sen telo ritmo da súa competición. E para os que non teñen competición custa máis ter un ritmo e ter a mente en seguir adestrando. É complicado ao non ter unha data de volta.

“Ao fútbol poñíalle ganas pero non tiña moito futuro”

Imaxes do primeiro partido xogado na provincia logo do confinamento entre o Viveiro e o Racing Vilalbes arbitrado por Jorge Méndez

Fil: Como é que naciches con dous pés esquerdos?

JM: (risas) Xogando ao fútbol poñíalle ganas e corría, pero non tiña moito futuro (risas). Pasei a velo fútbol desde outra perspectiva.

Fil: Dixeches no seu día de que “partimos da permisa de que case ninguén nace querendo ser árbitro”. O teu caso foi igual?

JM: Era algo que non consideraba. Pero foi por diversas circunstancias. Desfíxose o equipo do colexio, facía atletismo e o meu adestrador, Adolfo Vila, era tamén adestrador dos árbitros. Comentoulle a meu pai que probase cos colexiados, que había moi bo compañeirismo. E alí cheguei con 13 ou 14 anos con Jose Luis Corral García de profesor. Pensei que sabía moito de fútbol e non tiña nin idea do regulamento.

Fil: Dise moitas veces que un faise árbitro por gañar uns cartos na finde…

JM: É pode ser. Hai moitas situacións e circunstancias que poden levar a alguén a arbitrar por interese económico. Pero teño que dicir que se un prima o aspecto económico, durará pouco no mundo da arbitraxe porque cansará rápido.

Fil: Como lembras as tempadas en 3ª ou 2ª Rexional?

JM: Con moito cariño. Os xogadores daquela non me protestaban porque era moi pequeno. Lembróo como unha etapa de formación moi importante. Ata agora na miña traxectoria o comportamente sempre foi excelente. Si que é certo que antes dicíanme os compañeiros “a ti non che protestan porque eres moi pequeno” (risas).

“O primeiro interesado en acertar é o colexiado”

Jorge volverá dispoñer esta tempada da ferramenta do “pinganillo” en 3ª. Foto: EndieDoaRúa

Fil: Un árbitro interioriza que lle van protestar? Ou como se chega a comprender esta situación?

JM: No campo entendo as protestas dentro dunha orde. Entendo que un futbolista me veña comentar unha xogada. É normal porque as pulsacións están a mil. E hai xogadas que son dubidosas. Pero o que hai é que cambiar o chip cos comportamentos que moitas veces vemos nas noticias. Imos mellorando, pero as agresións, os insultos machistas,… son intolerables.

Fil: Contribuímos os medios de comunicación na creación da polémica?

JM: É normal. Ti tes que vender un partido, un periódico,… e, ao final, a xogada que foi mal arbitrada é noticia. Pero hai que ter en conta que o primeiro interesado en acertar é o colexiado.

Fil: Cales son as túas aspiracións para o futuro?

JM: Son difíciles de dicir. Esta tempada estarei contento se podo facer un bo curso e seguir aprendendo. Tamén estaría conforme se podemos xogar todo sen que haxa paróns pola pandemia.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario