Javi Chinchón: “Esperemos ter outra oportunidade no futuro e noutras circunstancias”

O técnico explica os motivos do seu adeus e analiza a súa etapa á fronte do Foz

Coa tranquilidade de quen ve os touros desde a barreira. Así fala Javi ‘Chinchón’ Méndez García (Foz, 1/8/1978) unha vez finalizada a súa etapa á fronte do Foz. Aquí tedes o resultado dunha agradable entrevista co xa exadestrador branquivermello no seu negocio, O Muelle Bar.

FUTBOLINLUGO: Boas Javi. Acabouse ese soño que querías cumprir…

JAVI CHINCHÓN: Si, rematou. Para min adestrar ao Foz era un soño. Como cando era infantil ou cadete e pensaba en xogar no primeiro equipo. Non pensei que fose suceder tan cedo. O tren pasa cando pasa e hai que collelo.

FIL: E collíchelo, quizais, nas dúas temporadas máis atípicas da historia

Sentín que non había a confianza en min que eu necesitaba

J. C: Prefería telo collido noutras circunstancias, nunha temporada ‘normal’. Facer o equipo ao meu xeito. As cousas foron como foron, cun equipo bastante desquiciado tras unha destitución. Fixen máis traballo psicolóxico que de adestrador. E logo, esta última temporada xa foi totalmente atípica. Esperemos ter outra oportunidade no futuro e noutras circunstancias.

Javi Chinchón, no seu local O Muelle Bar

FIL: No entanto, fuches ti o que renunciaches a seguir…

J. C: Si, a forma de traballar do club non cadraba coa idea que tiña eu de facer o equipo. Antes de comezar unha temporada longa e difícil, de crear problemas e discutir, preferín apartarme. Que buscaran outro adestrador. O presidente e eu pensamos moi distinto.

FIL: Chegaches a sentirte tracionado?

J. C: Non, traicionado non. Sentín que non había a confianza en min que eu necesitaba para continuar.

Os xogadores pensaban que non daban o nivel

FIL: A Preferente de agora é como a de antaño?

J. C: Cambiou moito. Agora os rapaces teñen moito onde elixir antes que o fútbol. Antes era o fútbol e pouco máis. 24 horas fútbol. Agora só pensan nel adestrando e xogando, e non sempre.

Antes de crear problemas, preferín apartarme. O presidente e eu pensamos moi distinto

FIL: Que foi o máis difícil nese cambio de xogador a adestrador?

J. C: Tiven a axuda de todo o mundo desde o primeiro día. Moitos foran excompañeiros meus. O máis difícil foi o traballo psicolóxico e enganchar a todo o mundo. Quería que non se sentisen tan malos futbolistas. Os resultados non chegaban e os xogadores pensaban que non daban o nivel.

FIL: Que che parece o equipo do Foz para esta temporada?

Se sale algo para adestrar afeccionados, de acordo coas miñas ideas, mirarase

J. C: Mantén a base do equipo do ano pasado, quitando algún que non renovou. Coñecendo a Bebo, sei que van traballar moito. Ten que ser un equipo que dé moita guerra no Martínez Otero. Ten que ser o fortín de antaño. Se se perden puntos aquí que sexa por traballar máis ca ti. Vai haber moitos descensos este ano e todos os equipos se reforzaron ben.

FIL: Por onde pasan os próximos retos de Javi Chinchón?

J. C: Seguiremos outra temporada máis cos nenos nas escolas do Santiago de Foz. Ibán Gayol e eu mantemos a ilusión de formar rapaces. Non penso máis alá. Se sale algo para adestrar afeccionados, de acordo coas miñas ideas, mirarase. Quero que chegue o inverno xa para ir ver o fútbol. E aos campos, que se bota de menos.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 752

Deja un comentario