Non poden chegar mellores novas neste Trío de Ases O Cantón. A xornada de Terceira RFEF disputada no Xoves Santo deixounos un pleno de vitorias dos conxuntos lucenses. A Sarriana colócase a dous puntos da promoción de ascenso tras vencer no campo do Paiosaco, mentres que o Polvorín afástase a cinco puntos dos postos de descenso despois de dobregar á UD Ourense. O Viveiro venceu no Baltasar Pujales ao Rápido de Bouzas e ten ao alcance da man o soño da permanencia.
A Sarriana gaña no campo do Paiosaco e xa é sexta (0-1)
Segundo encontro consecutivo lonxe da Ribela e segunda vitoria pola mínima que sitúa aos de Jorge Cuesta moi preto do play off de ascenso. A primeira metade resultou moi trabada, con moitas imprecisións en ámbolos dous bandos e no que os dous conxuntos amosaron un gran respecto polo rival. A única ocasión dos primeiros corenta e cinco minutos foi para a Sarriana. Nun saque desde o recuncho, Keko rematou frouxo de cabeza e German punteou pero o balón saiu por enriba do longueiro.
Na segunda metade a Sarriana buscou controlar máis o balón e conseguiuno, aínda que atopaba dificultades para xerar ocasións de gol. O Paiosaco amosou unha boa orde defensiva, ao igual que os sarriaos, que apenas concederon chegadas do rival. O único tanto do encontro chegou tras un córner ao que non chegou a rematar Edgar e o balón chegoulle a Maxi que rematou de primeiras coa zurda pegado ao pao lonxe do alcance do gardameta Manu. Preto do final, co Paiosaco volcado na procura do empate, Cuadrado contou con dúas ocasións á contra para sentenciar.


Triunfo do Polvorín diante da UD Ourense para afastarse do descenso (4-2)
Importante vitoria do filial albivermello que se afasta a cinco puntos dos postos de descenso diante dun conxunto chamado a pelexar polo ascenso. A derrota provocou a dimisión do técnico ourensán Jorge De Dios.
Estivo incómodo na primeira parte o Polvorín costándolle interpretar o que requería un encontro que comezou da peor maneira posible. Aos dous minutos de xogo Yelco fixo o primeiro para os ourensáns ao transformar unha falta tras un erro na saída de balón local. Costoulle aos de Dani Galán chegar á portería rival aínda que co paso dos minutos logrouno, superando a presión alta da UD e foi quen de darlle a volta ao marcador. O empate chegou nun tiro cruzado de Rubal que superou a Álex Cobo. Á media hora de xogo, Maceira fixo o segundo ao transformar un penalti. Xusto antes do descanso noutro erro defensivo dos lucenses, Yelco castigou ao Polvorín novamente cun bo gol desde a frontal.

Na segunda metade a UD Ourense dificultou a circulación de balón dos albivermellos nos primeiros minutos, pero paulatinamente os de Dani Galán atoparon espazos para chegar con perigo á porta rival. Lizancos puxo por diante aos lucenses á saída dun córner e pouco despois o Polvorín gozou de dúas contras para ampliar diferencias. A UD Ourense non se veu abaixo e Santi De Prado estrelou un balón no longueiro. A falta de dez minutos para o final, nunha boa presión a Álex Cobo, Rosón interceptou o balón e fixo o cuarto.
O Viveiro suma tres puntos de ouro no campo do Rápido de Bouzas (1-2)
Vitoria de moito mérito a dos celestes no Baltasar Pujales que reforza dun xeito extraordinario aos de Alberto López na súa pelexa pola salvación. O Viveiro foi tremendamente eficaz no primeiro tempo. Gamarra fixo o primeiro cun golazo desde corenta metros tras ver adiantado ao gardameta local Brais Pereiro. O Rápido incomodou aos mariñáns con continuas chegadas por bada e contou con varias ocasións claras para lograr o empate, ás que Ayoub respostou moi atinado. Antes do descanso, Gamarra puxo un bo balón para que Franco rematara no segundo pao ao fondo da portería.
Na segunda metade o Viveiro tivo máis o control do partido e contou con boas opcións para marcar á contra nas botas de Diego Núñez, Adrián e Diego. O Rápido recurtou diferencias por medio de Torralbo, o mellor xogador do cadro local. O conxunto viveirense amosou unha gran seguridade defensiva no último tramo de encontro impedindo ocasións claras do Rápido de Bouzas.

