Ily é a nova fichaxe do San Lázaro para a recta final da temporada na zona sur. Ily estreouse a pasada fin de semana cun gol. Ily procede do Portomarín. Non foi o único xogador que debutou. Na zona norte, Joni reestreouse na portería co Folgueiro tras deixar xa o Celeiro. Quedan sete xornadas na Segunda Rexional. O líder máis consolidado é o Oural. Ten cinco puntos de marxe sobre o Becerreá, tras xogar entre semana o partido pendente co Friol (2-1).
23 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense, Iberia e Oural (17 vitorias)
- Equipos que menos perderon: Pastoricense e Oural (dous partidos)
- Equipos que máis puntuaron: Pastoricense e Oural (55 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (62 goles)
- Equipos que menos goles encaixou: Iberia (16 goles)
- O rei do empate: Xermade (11)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (20 goles)
- Tendo en conta as tres últimas xornadas…
- Na boa xeira: Iberia, Oural e San Roque (tres vitorias)
- Futbolista na mellor xeira goleadora: Gabri Blanco do Racing B (4 goles)
- Equipos menos goleado: O Xermade (cero goles)
- *Non participan no reconto referido aos partidos ao estar pendentes de xogar un: Friol e Incio
O súper 55 do Pastoricense
O conxunto da Pastoriza venceu pola mínima ao Sporting Pontenova (0-1). Esta semana faille a honra a moitos dos tractores que traballaron, e algún aínda traballa, por terras pastoricenses: o Ebro súper 55. Coa 17ª vitoria do ano, o Pastoricense alcanza os 55 puntos no que vai de tempada. Nada cambiou con respecto aos perseguidores porque todos gañaron. Continúa cun punto de marxe sobre o Iberia e tres sobre o Racing B.
O Sporting Pontenova baixa unha posición e é 8º. Conta con 29 puntos e queda a dez do 5º e dez por riba dos postos de descenso. Si é certo que, con respecto á zona baixa, hai moitos máis equipos polo medio.
O gol de Ares xa na recta final do partido resultou decisivo nun encontro no que puido gañar calquera. O central, home de club, logrou marcar logo de que o porteiro rival rexeitara un tiro seu e tamén un de Manu Penedo.


Todo despois de que a primeira metade fora igualada. O Pastoricense tivo algún acercamento ao principio, pero custoulle contrarrestar o xogo interior do rival. De feito, Carlos realizou unha boa parada nun man a man.
No segundo tempo, o Pastoricense notou a frescura dos cambios de futbolistas como Iaguito ou Edu. Xeraron ocasións, incluso un tiro ao pau. Os locais tamén puideron marcar nunha falta directa e noutros achegamentos. Tan só Ares bateu a porta rival e os tres puntos marcharon á Pastoriza.
O Iberia saca adiante un partido incómodo
O equipo de San Miguel de Reinante continúa intratable en 2024 en canto a resultados. No último encontro venceu 1-0 á Comercial e suma nove partidos seguidos sen perder: oito vitorias e un empate. Segue tendo ao líder a un punto.

Pola súa parte, a Comercial é 10ª con 25 puntos. Acumula catro derrotas seguidas. Ten seis puntos máis con respecto á zona de descenso e catro equipos polo medio.
Na primeira metade ambos conxuntos tiveron ocasións. Os locais non puideron xogar o seu fútbol. Aínda así, Jorge, Dani Prieto ou Samuel puideron marcar. A resposta visitante estivo nun balón ao pau e nun remate de cabeza que marchou fóra.
A segunda parte foi un continuo correr para un lado e para outro. O Iberia marcou por medio de Samuel tras unha boa combinación. Tanto que resultou decisivo para lograr os tres puntos.
O Racing B amosa o seu potencial ofensivo como na primeira xornada
O filial racinguista protagonizou a goleada da finde e a segunda máis abultada da tempada na categoría (a maior foi a do San Lázaro que vencera 9-1 ao Carballedo na xornada 2). Derrotou 7-0 no duelo de proximidade ao Abadín. Non amosaba tal superioridade goleadora dende a primeira xornada. A súa presentación na categoría fora cun 6-0 ante o Alfoz. Os pupilos de Iván Lamas quedan a tres puntos do líder.
Pola súa parte, o Abadín vai ter que sufrir ata o final pola salvación. Agora mesmo está fóra do descenso directo, pero empatado a puntos co Muimenta (un posto por riba) e co Mondoñedo (en descenso directo). Esta finde ten un duelo importantísimo coa Candelaria.

O cadro visitante foi de máis a menos, tras comezar apertando. Incluso Pedro tivo que realizar unha boa intervención para evitar o gol. Con todo, o Racing B comezou a circular ben o balón e chegaron as ocasións e os goles. Ao cuarto de hora, Anxo marcou o primeiro. Á media hora, penalti sobre Carlos que Gabri marca. Antes do descanso, Gabri pon o terceiro cun disparo dende lonxe que sorprende ao porteiro.
Máis chegadas do filial racinguista no segundo tempo. Samu marcou de falta directa o cuarto. Á hora de xogo, volveu marcar Gabri. No tramo final dous goles máis. Víctor Roca, co seu primeiro tanto co filial, e de novo Gabri completaron a goleada. Aínda así, Cris fixo boas paradas baixo a portería do Abadín. O póker de Gabri colócao como máximo goleador en solitario da zona norte con 17 tantos.

O Sanci manda no concello de Cervo
O San Ciprián superou á Candelaria no derbi do concello por 0-2. O cadro preparado por Jaime Méndez volve coller algo de distancia no cuarto posto. Suma 43 puntos; catro máis que o Folgueiro. Ten oito puntos de vantaxe sobre o 6º; o Xermade, que ademais será o seu próximo rival. Nos dous partidos da temporada venceu no derbi (2-0 e 0-2).
A Candelaria corta a xeira de tres partidos seguidos puntuando. Queda con tres puntos de marxe sobre o descenso directo e dous equipos polo medio. Un deses conxuntos, o Abadín, será o seu rival este sábado.
Foi un partido bastante competido, que ao Sanci se lle puxo xa de cara mediada a primeira parte. Adiantouse ao aproveitar un rexeite na área pequena. Minutos máis tarde, Borja Mella anotou de penalti o segundo.
A Candelaria tratou de meterse no partido, pero a falta de acerto impediullo. O Sanci tivo algunha contra para sentenciar, pero termou do resultado.

O Folgueiro perde dous puntos co seu perseguidor na reestrea de Joni
O cadro preparado por Manuel Vicente empatou na súa visita ao Mondoñedo (1-1). Queda con 39 puntos; catro máis que o Xermade que promete dar pelexa ata o final por entrar na promoción.
Pola súa parte, o punto non lle serve ao Mondoñedo para saír do posto de descenso directo. Con todo, segue moi metido na pelexa e con todas as opcións de lograr a salvación.
O Folgueiro dominou no comezo e non concretou as ocasións que xerou. O Mondoñedo aproveitou un erro defensivo para ter un man a man co porteiro e púxose por diante por medio de Javi Álvarez. Marcou catro goles nas últimas cinco xornadas.
No segundo tempo, os visitantes recuperaron o control e lograron empatar nun balón parado. Os locais intentaron aproveitar os roubos para saír ao contraataque.
Nesta xornada, o gardamallas do Vicedo Joni volveu ao Folgueiro. O porteiro estaba xogando este curso no Celeiro, que vén de rematar a competición regular. Joni fora titular en once partidos a tempada pasada co cadro de Boavista. Non quedan aquí as incorporacións do Folgueiro. Esta semana anunciou as chegadas de David Álvarez e Lalas que actualmente estaban sen equipo.
O Xermade volve a polo play off
Logo de pasar o bache de febreiro con dúas derrotas, o conxunto xermadés volve sorrir. Segunda vitoria seguida. Superou ao Cospeito (3-0). Queda a catro puntos da 5ª praza que dá acceso á xogar a promoción de ascenso. Este sábado calibrará as súas posibilidades ante o Sanci.
O Cospeito queda moi tocado logo de volver perder. Acumula once encontros sen gañar. Ten cinco puntos de distancia co penúltimo e tres equipos polo medio.
Os locais dominaron ben o partido. Adiantáronse na primeira metade á saída dun córner. Entre o local Oli e o visitante Tito, o balón entrou na portería. Coa vantaxe pola mínima chegouse ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o Xermade amosou máis dominio e marcou dous goles máis. Vila e Andy foron os autores.
O Alfoz achégase á salvación
O cadro alfocense alcanza os 30 puntos. Venceu ao Roupar (1-4). É a segunda vez na temporada que consegue dúas vitorias seguidas. Acumula catro xornadas sen perder. Sobe ata a 7ª posición. Queda a nove do play off e con once de marxe co descenso directo.
O Roupar desaproveitou unha boa oportunidade de meterse máis na pelexa pola salvación. Segue de colista e a catro puntos do Mondoñedo, do Abadín e do Muimenta.
Na primeira parte, o Alfoz soubo aproveitar os erros do rival e marchou cun 0-2 ao descanso. O cadro visitante amosou máis oficio sobre o campo. Os locais tentaron achegarse no marcador e fixérono logo de marcar de penalti. Pero pouco despois, o Alfoz marcou o terceiro obra de José. Pablo Liz terminaría sentenciando e completando o seu dobrete.
O Cabreiros suma un punto en Muimenta
Décimo empate da temporada para o Cabreiros. Igualou 1-1 co Muimenta. Mantense na metade da táboa e precisará dalgún punto máis para confirmar a permanencia sen pasar apuros.
Pola súa parte, o Muimenta volveu sumar. Un punto que lle permite subir unha posición na táboa. Aínda que segue estando moi preto do perigo ao estar empatado a puntos co Abadín e co Mondoñedo.
Comezou mellor o Muimenta xerando algún achegamento a través do balón parado. Precisamente con ese método marcou Jesús, tras un bo centro de Michel. Baixaron os locais e pouco a pouco o Cabreiros foise facendo dono do partido. No segundo tempo, chegaron máis a campo rival. Nunha falta lateral pateada por Cazás, o central Cristian logrou empatar.
O Muimenta é 13º con dezanove puntos. O Abadín ocupa a antepenúltima posición con dezanove. En descenso directo están o Mondoñedo (19 pts.) e o Roupar (15 pts.).

O máis interesante da xornada que vén (quedan 21 pts.)
- San Ciprián – Xermade (sáb. ás 12:00h na Veiga)
Na matinal do sábado a pelexa polo play off está en xogo na Veiga. Oito puntos separan ao Sanci (4º) do Xermade (6º). Os locais están asentados na 4ª praza con catro puntos de marxe sobre o Folgueiro. Precisamente ese é o rival ao que quere chegar o cadro xermadés. Na primeira volta fora un duelo de goles: 3-3. O Sanci terá vacacións de Semana Santa; mentres que o Xermade xogará os oitavos de final da Copa Deputación ante a Candelaria.
- Abadín – Candelaria (sáb. ás 16:30h no Municipal)
Partido moi importante pola salvación. O que máis ten que perder é o Abadín. Os locais están igualados coa zona de descenso directo ao ter 19 puntos. A Candelaria supera ao seu rival en tres puntos. Na primeira volta, o cadro da Rúa fora contundente no seu triunfo (3-0).
- Comercial – Muimenta (dom. ás 16:00h nas Gándaras)
Outro duelo con importancia na zona baixa. A Comercial é 10ª con 25 puntos; seis máis que o descenso directo e o seu rival. Cun triunfo avanzaría moito na súa salvación. En cambio, unha derrota, meteríaa de cheo na loita pola permanencia. O Muimenta precisa dos puntos sabendo ademais o resultado do Abadín – Candelaria. Manute será baixa por sanción nos locais. Ambos equipos terán Copa en Semana Santa.
O Oural ponse ao día afianzando o seu liderado
O Oural recuperou este martes o encontro pendente co Friol. Xogouse na Ribela e gañou por 2-1. Os tres puntos permítenlle incrementar a distancia cos seus perseguidores. Queda con cinco de marxe co Becerreá e dez co Brollón.
Foi un partido bronco, no que semellaba que quedaran contas pendentes do partido de Copa Deputación (gañara o Friol 3-2 na Reigosa). Foi unha primeira parte bastante igualada, co Friol imprimindo un gran ritmo de xogo e o Oural achegándose por medio do balón parado.
Non houbo goles ao descanso. No segundo acto, tivo máis a pelota o Oural pero adiantouse o Friol. Dani Roca marcou antes do último tramo do encontro. A partir de aquí, houbo máis polémica e interrupcións. Xa na recta final, o Oural empatou cun disparo de Cayuela. Ao final, fóra de tempo para uns e en tempo para outros, os locais marcaron o segundo ao aproveitar Fer un rexeite cunha gran volea.
No partido da fin de semana, o Oural vencera pola mínima no derbi comarcal ao Incio (1-0). No primeiro tempo a ocasión máis clara foi para o Oural; o pau evitou o gol local. No segundo acto, os pupilos preparados por Negrete marcaron o tanto do encontro grazas a Porral. O balón caeulle ao mediocentro na frontal, controlou e disparou á escadra rival. Tivo a oportunidade de igualar o Incio no tempo extra. Xosé disparou desviado, por pouco, unha falta perigosa.
O Incio queda na 11ª posición con 27 puntos. Moi afastado do descenso directo e con oito de distancia co antepenúltimo clasificado. Aínda ten un partido pendente de xogar co Friol (Xoves Santo ás 16:30h)
O Becerreá gaña momentaneamente a batalla do 2º posto
Era o partidazo da xornada no grupo sur. Becerreá e Brollón intentaban ser 2º e o equipo que estivera máis preto do líder. Saíron triunfadores os locais no Municipal (2-1). O Becerreá segue sen perder en 2024: sete triunfos e dous empates. O Brollón acumula dúas derrotas seguidas; precisamente contra o 1º e o 2º clasificado.
Agora o Becerreá queda a cinco puntos do primeiro posto. Ten tamén cinco sobre o Brollón (3º). O que si, o cadro dos Medos queda co gol average ao seu favor.
Os locais puxéronse por diante nada máis empezar o partido. Ao ir por diante, o Becerreá tivo o encontro máis ou menos controlado. Aínda que Nico ou Samu puideron empatar, pero atopáronse cun gran Álex baixo paus.
Repetiuse o procedemento no segundo tempo. Ao pouco de volver dos vestiarios, o Becerreá anotou o segundo. Tentárono os visitantes, pero só conseguiron recortar a falta de dez minutos. Messi marcou tras un barrulo na área. Non deu para máis.

O San Lázaro mantense 4º e ficha a Ily
O cadro preparado por Nico saíu vencedor do derbi capitalino ante o Sporting Lucense (0-3). Logo de dúas derrotas, o triunfo permítelle ao San Lázaro seguir na cuarta praza. Agora queda a catro do Brollón, ten un punto máis que o Antas e o Friol (6º) está a cun partido pendente de xogar.
O Sporting Lucense continúa ocupando a última praza. As posibilidades de pelexar pola salvación redúcense. Está a oito puntos do antepenúltimo clasificado. Esta finde vivirá un duelo dramático co Carballedo, o outro equipo que ocupa praza de descenso directo.
O Sporting Lucense tivo a oportunidade de poñerse por diante ao pouco de comezar o partido. O gardamallas Borja ‘Pipa’ resolveu ben o man a man co xogador rival. Con todo, o San Lázaro tamén marcou cedo.
Protagonismo para Ilyasse ‘Ily’, primeiro partido que xogaba e gol. O mediapunta procede do Portomarín, na Primeira Galicia, a onde chegou no verán pasado. Participara en 24 partidos de liga. O xogador de 21 anos destacara anteriormente no Becerreá, club no que cadrou con Nico Longhini, actual técnico do San Lázaro.
Ao pouco de iniciar o segundo tempo, Jul puxo o segundo de penalti. A partir de aí, os pupilos adestrados por Nico controlaron o partido coa posesión. Lucho remata na área para poñer o 0-3.
O Antas alcanza os 40 puntos
O cadro da Ulloa mantén a súa condición de equipo de promoción de ascenso. Venceu pola mínima ao Carballedo (1-0). Acumula catro encontros sen perder. Conta con catro puntos de marxe sobre o Friol que ten un partido menos.
O Carballedo é penúltimo e está a cinco puntos de saír do descenso directo. Esta fin de semana enfrontarase ao Sporting Lucense no Catro Ventos.
Un golazo de falta de Marcos antes do descanso desnivelou no resultado un partido moi igualado. O dianteiro de Gontá marcou o seu quinto gol do curso. O Carballedo foi a polo empate no segundo tempo, pero o Antas contivo os ataques rivais.
O Friol xa non depende de si mesmo para entrar na promoción
Aínda faltan sete xornadas e o panorama cambia finde tras finde. Agora mesmo o Friol sitúase a catro puntos da zona de play off. Si ben é certo que ten un partido pendente de xogar co Incio (este Xoves Santo ás 16:30h no Carboeiro). O peor é a xeira negativa de resultados do cadro friolés: só un punto dos últimos cinco encontros.
Este martes perdeu co Oural (como comentamos anteriormente). No partido da fin de semana vírase superado na casa polo San Roque (1-4). E iso, que os locais chegaron ao descanso coa vantaxe dun gol. Pero no segundo tempo, os visitantes foron os claros dominadores. Boa presión no medio do campo e claridade no xogo. Remontaron o partido e logo sentenciaron á contra dando unha gran imaxe.
O San Roque de Piru gaña todo. Tres partidos e tres vitorias para sumar 31 puntos e aproximarse case definitivamente á permanencia. Ten doce de marxe co antepenúltimo clasificado e catro equipos polo medio.
O Ferreira volve afastarse da promoción ante un Quiroga que avanza na salvación
O cadro do Baliño non é capaz de dar coa regularidade de resultados na segunda volta. Perdeu 1-2 ante o Quiroga. Queda a sete puntos do 5º clasificado.
Pola súa parte, o Quiroga sumou 12 puntos nas últimas cinco xornadas. Ten 26 en total. Esta suba exponencial do seu ritmo de puntuación permítelle afastarse da zona máis perigosa. Con todo, aínda lle faltan puntos para asegurar a súa presenza outro ano máis na 2ª.
O Ferreira tivo fases de dominio e xerando ocasións. Incluso con balóns ao pau. Quen se adiantou foi o Quiroga por medio de Sergio ‘Pollo’. Amosa a súa capacidade anotadora tanto no fútbol sala como no campo.
No segundo tempo, Rafa logrou a igualada para os locais. Leo aproveitouse dun erro defensivo para marcar o segundo. O Ferreira intentou pero non foi capaz de empatar.
O Palas aproxímase á permanencia
O conxunto da Ulloa venceu ao Chantada B (1-2); rival da zona baixa co que dá un paso case definitivo para a súa continuidade na división. A súa regularidade non lle fixo pasar ningún apuro este ano e semella que tampouco vai ser o caso na recta final da campaña. Conta con nove puntos de distancia co 13º, praza que se podería ver comprometida no caso de producirse dous arrastres.
Pola súa parte, o filial da SD rompeu a dinámica de catro encontros seguidos puntuando. Segue con cinco puntos de marxe co descenso directo. O seu seguinte rival está a catro de distancia.
Comezou ben o Palas con presenza en campo contrario. Avisou cun balón ao pau. Despois, Álvaro marcou un gran gol dende fóra da área.
Foi mellorando o Chantada B e acabou empatando antes do descanso a través dun penalti. O segundo acto foi igualado. Con poucas ocasións. Caeu a vitoria do lado do Palas cun tanto de Samuel.
O Paradela volveu gañar catro partidos despois
Triunfo necesario para que o Paradela non se involucre na loita pola salvación. Derrotou por 2-1 a un Lemos B que si complica a súa situación. O cadro preparado por Rubén Bergantiños suma 29 puntos, seis máis que o seu rival. O filial lemista ten catro puntos máis que o antepenúltimo clasificado.
O filial lemista foi quen se puxo por diante e foi mandando bastante tempo no marcador. Na recta final, o Paradela remontou o partido. Primeiro empatou Raúl, logo marcou Luis. O xoven futbolista marcou o seu primeiro gol co Paradela.
O Lemos B é 13º con vinte e tres puntos. O Chantada B ocupa a antepenúltima posición con dezanove puntos. En descenso directo están o Carballedo (14 pts.) e o Sporting Lucense (11 pts.).

O máis interesante da xornada que vén (quedan 21 pts.)
- Carballedo – Sporting Lucense (sáb. ás 16:15h no Catro Ventos)
Xogan os dous equipos que ocupan o descenso directo. As súas probalidades de salvación cada vez redúcense máis. Tres puntos de separación entre eles. É a última opción de que o Sporting poda alimentar a súas esperanzas. O Carballedo ten a cinco puntos ao seu seguinte rival. Na primeira volta o resultado foi 0-0. Darío será baixa no Carballedo ao ter que cumprir ciclo.
- Palas – Antas (sáb. ás 17:00h nos Chacotes)
O derbi da Ulloa chega nun gran momento para ambos. O Palas vén de dous triunfos seguidos e o Antas logo de catro sen perder. Os visitantes son 5º e xóganse manter esa posición. Os locais están asentados na zona media, a oito puntos do seu rival. Na primeira volta, o Antas gañara pola mínima (1-0). O Antas terá en Semana Santa partido da Copa Deputación contra o Brollón.
- Quiroga – Chantada B (dom. ás 16:30h no Municipal)
Nas últimas cinco xornadas, o Quiroga sumou 12 puntos e o Chantada B, 10. Son uns números de equipos da zona media alta. Con todo, pelexan pola salvación. Os locais teñen sete puntos máis que o seu rival. Un triunfo permítelles dar un gran paso pola permanencia. O filial da SD precisa seguir mantendo distancia co descenso directo e evitar quedar no antepenúltimo posto por mor dos arrastres. Josiño será baixa por sanción no Chantada B.